Un encontro para recoñecer ás persoas e empresas que sosteñen a cadea forestal galega

ESENCIAIS PEFC 2025 reuniu o 16 de decembro en Santiago de Compostela a representantes do ámbito institucional, do monte e da industria forestal para compartir reflexións sobre o presente e o futuro do sector, poñer en valor a xestión forestal sostible certificada e recoñecer o compromiso de quen leva anos facendo posible unha cadea forestal responsable en Galicia.

Ao longo da xornada, celebráronse diferentes faladoiros que ofreceron unha ollada complementaria: desde a visión estratéxica da certificación, a planificación e a industria, ata experiencias reais de montes certificados e o papel pioneiro de empresas que apostaron por PEFC desde os seus inicios.

Un dos momentos máis destacados foi o recoñecemento ao Grupo Galego de Cadea de Custodia, que cumpre 20 anos do seu certificado PEFC, e ás empresas que impulsaron este modelo colectivo, exemplo de compromiso, cooperación e confianza na madeira certificada.

EMPRESAS PREMIADAS

1. Grupo Galego de Cadea de Custodia

O Grupo Galego de Cadea de Custodia cumpre 20 anos como referente na promoción da xestión forestal sostible e certificación PEFC en Galicia. Integrado por 40 pemes do sector, foi clave para facilitar o acceso á certificación, simplificar procesos e impulsar a competitividade das empresas, grazas ao seu modelo colectivo e ao acompañamento técnico prestado ao longo destas dúas décadas.

Vinte anos despois, o Grupo Galego segue a demostrar por que é —e seguirá a ser— ESENCIAL.

Recolleu o premio: Yésica Pazos, coordinadora do Grupo Galego de Cadea de Custodia

https://maderasdegalicia.com/servicios-a-empresas/cfcg

2. Maderas Hermanos Castro S.L. (Ponteareas, Pontevedra)

Maderas Hermanos Castro S.L., leva máis de 30 anos ofrecendo produtos de madeira de alta calidade para construción, tanto en interior como obra exterior. Foron pioneiros en Galicia na instalación de cámaras de termotratado, e son un claro exemplo de bioeconomía circular, aproveitando todos os recursos e destinando os residuos a biomasa para os seus secadoiros. O seu compromiso coa sustentabilidade reflíctese en selos como PEFC e Pino de Galicia.

Recolleu o premio: Abel Castro, Xerente de Maderas Hermanos Castro S.L.

https://maderashermanoscastro.com/

3. Rogelio Piñeiro Vázquez e Hijos, S.L. (Tomiño, Pontevedra)

 

Fundada en 1986, Rogelio Piñeiro Vázquez e Hijos, S.L., conta cunha longa traxectoria na explotación, compra-venda e distribución de madeira. A súa actividade conecta monte e industria, garantindo un fluxo esencial de madeira en toda a cadea forestal.

Recolleu o premio: Rogelio Piñeiro, Administrador de Rogelio Piñeiro Vázquez e Hijos, S.L.

https://www.ropiva.es/

4. Explotaciones Forestales del Noroeste, S.A. – EXFORES (Pontevedra)

Explotaciones Forestales del Noroeste S.A. (EXFORES), é unha empresa de referencia no sector, especializada na corta, aproveitamento e loxística de madeira en Galicia. Realizan un labor esencial conectando propietarios e industria, garantindo un aproveitamento responsable e a trazabilidade do produto.

Recolleu o premio: Jesús Baquero, Administrador de EXFORES.

5. EXFOPINO S.L. (Rois, A Coruña)

EXFOPINO S.L., está especializada na transformación de madeira de piñeiro e castiñeiro, cun proceso integral que vai desde o aserrado e a primeira transformación ata o laminado e acabado final. Destacan pola calidade dos seus produtos estruturais e de carpintería, así como polo coidado nos acabados e o compromiso coa sustentabilidade.

Recolleu o premio: Dolores Barreiro, como Representante de EXFOPINO S.L.

https://www.exfopino.com/

6.  Maderas Pérez Giménez S.L. (Gondomar, Pontevedra)

Maderas Pérez Giménez S.L., é unha empresa familiar con máis de 80 anos de historia e xa na cuarta xeración, liderada por dúas mulleres. Caracterízase pola adaptación continua da súa maquinaria e procesos ás esixencias actuais do mercado, comercializando produtos destinados a diversos usos, desde madeira para construción ata solucións para embalaxe.

Recolleu o premio: Margarita Pérez, Xerente de Maderas Pérez Giménez S.L.

https://www.maderasperezgimenez.es/

7. Maderas Ojea S.L. (Carballiño, Ourense)

Con máis de 135 anos de historia, Maderas Ojea é unha referencia na transformación e comercialización de madeira. Especializada no tratamento en autoclave e cun amplo catálogo pensado para aplicacións que requiren durabilidade e rendemento como proxectos de construción e obra exterior. Abastece o mercado nacional e mantén unha consolidada actividade exportadora, posicionándose como unha empresa de referencia no sector.

Recolleu o premio: Iago Ojea e Adrián Iglesias, en representación de Maderas Ojea.

https://maderasojea.com/


8. Maderas Romero Cambeiro, S.L. (Outes, A Coruña)

Maderas Romero Cambeiro S.L., empresa familiar de Outes con máis de 60 anos de traxectoria no aserrado e transformación de madeira de piñeiro. O seu equipo experimentado garante calidade e solucións específicas para o sector do palet, sempre con proximidade e compromiso co territorio.

Recolleu o premio: Verónica Castro, Responsable de CdC de Maderas Romero Cambeiro S.L.

https://www.maderasromerocambeiro.es/


9. Hermanos García Rocha S.L. (Oza-Cesuras)

Fundada en 1974, Hermanos García Rocha evolucionou dunha actividade familiar a unha empresa referente, destacando pola súa aposta continua pola innovación: secadoiros, optimizadoras, moldureiras e tecnoloxía finger-joint que lles permitiu diversificar e acceder a novos mercados. Son un exemplo de modernización e de posta en valor da madeira galega.

Recolleu o premio: Benito García, Director de Hermanos García Rocha S.L.

https://maderasgarciarocha.com/

Neste espazo recollemos unha selección de imaxes que reflicten o espírito do evento: encontro, diálogo, recoñecemento e orgullo por un sector esencial para o futuro do noso territorio.