APROBADO o GO Multi-Forest: Multifuncionalidade e valorización integral do monte a través da Certificación da Cadea de Custodia

O proxecto innovador Multi-Forest no que PEFC GALICIA participa como socio, acaba de ser aprobado.

O Grupo Operativo Multi-Forest ten como obxectivo principal promover a multifuncionalidade dos montes galegos a través da diversificación e compatibilización dos seus aproveitamentos desde unha planificación e valorización do monte. Innovación na planificación e xestión do monte que irá máis aló dos instrumentos de xestión e que considerará novas oportunidades para a revalorización do rural galego a través dun uso agroforestal resiliente, viable e diverso.

O proxecto está formado por un equipo multidisciplinar composto pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a Mancomunidade de Montes de Baroña, a Asociación Galega Promotora de Certificación Forestal (PEFC Galicia) e a Universidade de Vigo.

Este proxecto conta cun orzamento total de 179.980,81€ (100% subvencionado) financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.