Deixamos atrás Lugo cruzando o Miño pola Ponte Vella, de orixe romana. Pouco a pouco, as rúas dan paso ás aldeas, aos campos e aos montes, mentres o Camiño nos conduce por unha paisaxe na que cada época deixou a súa pegada.

Ao longo dos séculos, as persoas abriron camiños, aproveitaron os recursos naturais e organizaron o territorio, deixando pequenas e grandes testemuñas da súa historia. Algunhas son fáciles de recoñecer; outras pasan desapercibidas, agochadas entre a vexetación ou formando parte da vida cotiá das aldeas.

Neste tramo, PEFC convídate a descubrir esas pegadas e a mirar o monte desde outra perspectiva: como un espazo que nos ofrece recursos, conserva a nosa memoria e precisa dunha xestión responsable para seguir formando parte do noso futuro.

CAMIÑOS SOBRE CAMIÑOS

Moito antes de que os peregrinos seguisen as frechas amarelas cara a Compostela, os romanos xa construíran unha extensa rede de vías para comunicar cidades, transportar mercadorías e facilitar o movemento de persoas.

A saída de Lugo conserva parte desa historia. Desde a muralla, o Camiño descende seguindo o trazado dunha antiga calzada e cruza o Miño por unha ponte de orixe romana. Máis adiante, na contorna de Santalla de Bóveda, discorría a Vía XIX, que comunicaba Bracara Augusta (Braga) con Lucus Augusti (Lugo), pasando por Iria Flavia (Padrón).

As vías romanas eran verdadeiras obras de enxeñaría. A súa construción esixía estudar o terreo, preparar o firme con diferentes materiais, salvar desniveis e facilitar a evacuación da auga. A pedra tiña un papel fundamental, tanto na construción de pontes e calzadas como na sinalización dos percorridos.

En San Romao da Retorta podemos contemplar unha réplica dun miliario romano dedicado ao emperador Calígula e datado no ano 40 d. C., unha das testemuñas máis interesantes das antigas comunicacións neste territorio.

Os miliarios eran grandes columnas de pedra que se colocaban xunto ás vías romanas para sinalar distancias e deixar constancia da autoridade imperial. O exemplar orixinal de San Romao, de máis de dous metros de altura, presenta unha inscrición en latín na que se recollen os títulos do emperador. O seu achado confirma a presenza destas infraestruturas na zona, aínda que non permite determinar por si só o trazado exacto da vía.

A historia deste miliario resulta tamén sorprendente. No século XIX foi trasladado do seu lugar orixinal e reutilizado como columna para soster a cuberta dun pendello. Anos despois, ao recoñecerse o seu valor histórico, foi retirado e acabou trasladándose a Astorga (León), onde hoxe se conserva no Museo Diocesano de Astorga ou Museo de los Caminos, situado no Palacio Episcopal deseñado por Antoni Gaudí.

Nas proximidades da igrexa de San Romao, esta reprodución mantén viva a memoria das antigas vías de comunicación. E non é o único miliario coñecido no municipio de Guntín, outro exemplar, dedicado ao emperador Marco Aurelio e atopado en Entrambasaugas, consérvase no Museo Provincial de Lugo.

Xunto á réplica do miliario atopamos tamén unha placa da Ruta dos Dereitos Humanos, unha iniciativa que percorre o Camiño Primitivo desde Oviedo ata Santiago de Compostela. Ao longo do itinerario, trinta placas de bronce lembran os trinta artigos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A de San Romao está dedicada ao artigo 22, que recoñece o dereito á seguridade social.

Séculos despois, o Camiño Primitivo continúa atravesando estas terras. Os miliarios deixaron paso ás mouteiras e ás frechas amarelas, pero os camiños seguen sendo moito máis que vías de comunicación: son lugares de encontro, intercambio de ideas e transmisión de valores que conectan persoas, territorios e épocas diferentes.

 QUEN MOVEU O MARCO?

As pedras non só serviron para construír camiños ou indicar distancias. En Galicia tamén se utilizaron desde antigo para delimitar leiras, montes e propiedades. Son os coñecidos marcos, pequenas ou grandes pedras colocadas en puntos concretos do terreo para sinalar ata onde chega unha propiedade e onde comeza a seguinte.

Moitos destes marcos levan décadas ou mesmo séculos formando parte da paisaxe rural. Algúns son facilmente recoñecibles, mentres que outros permanecen medio ocultos entre a vexetación, xunto a un camiño ou no interior dun monte. A súa importancia foi tal que mesmo pasaron a formar parte do humor e das expresións populares galegas: «De marco a marco non hai arco», refírese a que o suco que separa dúas leiras debe ir recto entre os marcos, sen desviarse cara á propiedade do veciño. Quen non escoitou algunha vez unha historia sobre un veciño que moveu un marco para gañar uns metros de terreo?

Hoxe, os límites das propiedades tamén poden sinalarse con marcos de formigón, estacas ou outros elementos, mentres que as técnicas de medición e as coordenadas xeográficas permiten representalos con maior precisión. Cambian os materiais e as ferramentas, pero a súa finalidade segue sendo a mesma: saber onde remata unha propiedade e comeza a seguinte.

Pero detrás destas anécdotas hai unha cuestión fundamental: coñecer e respectar os límites das propiedades. No monte galego, onde conviven pequenas parcelas particulares e montes veciñais en man común, unha delimitación clara resulta esencial para evitar conflitos e saber quen pode tomar decisións sobre cada superficie.

Na xestión forestal sostible, identificar correctamente os terreos e os seus límites é un paso importante para planificar os traballos, organizar os aproveitamentos e asumir as responsabilidades que corresponden a cada propietario ou comunidade.

Así, desde os miliarios romanos ata os marcos dos nosos montes, as pedras seguen contándonos como as persoas organizaron e utilizaron o territorio ao longo do tempo.

PEDRAS QUE GARDAN MEMORIA

Ao longo do Camiño Primitivo, as pequenas igrexas e os cemiterios forman parte da paisaxe das aldeas. Son lugares que conservan costumes, lembranzas e formas de entender a vida comunitaria, e que tamén nos falan da arquitectura e dos materiais tradicionais.

Quizais xa reparases nalgún deles. En Soutomerille, no municipio de Castroverde, un diminuto cemiterio con apenas tres sepulturas está considerado dos máis pequenos de Galicia. Máis adiante, en San Romao da Retorta, todas as lápidas aparecen dispostas individualmente sobre o chan.

Estes pequenos espazos forman parte do patrimonio cultural do medio rural. A pedra, tan presente nas igrexas, nos muros e nas sepulturas, acompañou durante séculos as tradicións das comunidades galegas.

Pero non foi o único material. A madeira tamén estivo presente nas igrexas, no mobiliario, nos obxectos cerimoniais e nos féretros, formando parte de costumes que chegaron ata os nosos días.

Na actualidade, empresas galegas continúan transformando e comercializando produtos de madeira para estes e outros usos. Un exemplo próximo atopámolo en Lugo, onde Grupo Lamas Lucus conta coa certificación de Cadea de Custodia PEFC para a comercialización de féretros, permitindo identificar produtos certificados e acreditar a súa orixe responsable.

É unha mostra de como un recurso natural e renovable pode acompañarnos en momentos moi diferentes da vida, e de como a xestión sostible dos montes tamén está presente en produtos estreitamente vinculados ás nosas tradicións.

SAN ROMAO, UNHA PAUSA NO CAMIÑO

Despois de percorrer o tramo que separan Lugo de San Romao da Retorta, chegamos a unha pequena localidade do municipio de Guntín onde o Camiño ofrece a oportunidade de descansar e observar con calma a paisaxe.

A igrexa de San Romao, de orixe románica, conserva parte da historia medieval deste territorio. Ao seu redor, o cemiterio tradicional e, nas proximidades, a réplica do miliario romano reúnen testemuñas de épocas e costumes moi diferentes.

É un bo lugar para facer unha pausa, recuperar forzas e descubrir eses pequenos detalles que ás veces pasan desapercibidos cando camiñamos. A tranquilidade da contorna, as construcións tradicionais e a paisaxe rural lembran que o Camiño non está formado unicamente por grandes monumentos: tamén por lugares sinxelos que conservan a súa identidade.

No percorrido desde Lugo tamén atopamos outros elementos de interese, como a igrexa románica de San Miguel de Bacurín ou o singular monumento tardorromano de Santalla de Bóveda, coñecido polas súas pinturas murais con aves e motivos vexetais. Este último pode presentar restricións de acceso por motivos de conservación, polo que convén consultar previamente as condicións de visita.

O Papel de PEFC

Os camiños, os marcos e as construcións tradicionais lembran que o monte galego é tamén un territorio con historia, propietarios e formas de aproveitamento que evolucionaron ao longo dos séculos.

Para xestionar un monte de maneira sostible, o primeiro é coñecelo: identificar a superficie, os seus límites, os recursos que ofrece e os valores naturais e culturais que cómpre conservar. A certificación PEFC promove unha xestión forestal planificada e responsable, na que se respectan os dereitos de propiedade e se protexen os elementos patrimoniais presentes no territorio.

Ao mesmo tempo, a certificación de Cadea de Custodia PEFC permite seguir a orixe dos produtos forestais certificados, como os elaborados con madeira, desde o monte ata o consumidor.

Porque coidar o monte non é só coidar as árbores: tamén é respectar os seus límites, conservar a súa memoria e aproveitar de maneira responsable os recursos que nos ofrece.

Proxecto impulsado pola Xunta de Galicia dentro do programa O Teu Xacobeo