Despois de atravesar montañas, montes e pequenas aldeas, a chegada a Lugo transforma a paisaxe do Camiño Primitivo. Aparecen as rúas, os edificios e o movemento da cidade, pero a natureza non desaparece: continúa presente nos ríos, nos parques, nas árbores e nos espazos verdes que atravesan e rodean a contorna urbana.

O bosque tamén entra na cidade de forma menos evidente. Está na madeira dun moble ou dun instrumento musical, nas fibras dun cesto, nas páxinas dun libro e en numerosos produtos que utilizamos cada día. Detrás deles existen recursos naturais, pero tamén coñecemento, planificación, oficios e persoas capaces de transformar as materias primas en obxectos útiles, duradeiros e cargados de cultura.

Lugo permite descubrir todas estas conexións. O Camiño percorre unha cidade construída sobre a súa historia, integrada nunha Reserva da Biosfera e vinculada ao monte a través da ciencia, da artesanía, da cultura e das nosas propias decisións. A paisaxe cambia, pero a relación cos bosques continúa.

LUGO, KM 100

O Camiño Primitivo entra en Lugo descendendo cara ao val da Chanca, un espazo no que a auga, a vexetación e o relevo aínda acompañan o peregrino antes de alcanzar o centro urbano. Sobre a paisaxe álzase o viaduto ferroviario da Chanca, unha sucesión de grandes arcos que lembra a chegada do ferrocarril e a transformación das comunicacións durante o século XIX. Preto do percorrido atópase tamén a Fonte da Chanca, testemuño da importancia cotiá que tiveron durante xeracións os mananciais e as fontes.

O ferrocarril abriu novos usos para materiais que procedían do monte. A madeira utilizouse para fabricar travesas pola súa resistencia, elasticidade e facilidade para ser traballada e substituída. Aínda que as travesas de formigón ocupan hoxe boa parte da rede, as de madeira continúan utilizándose en determinados tramos e elementos ferroviarios. Son outro exemplo, a miúdo pouco visible, de como os recursos forestais acompañaron o desenvolvemento de infraestruturas e formas de comunicación.

Despois de atravesar A Chanca e ascender cara á cidade, o peregrino atopa as grandes letras LUGO KM 100, convertidas nunha das imaxes máis recoñecibles da entrada a Lugo. Moi preto, un marco oficial sinala o punto desde o que restan cen quilómetros ata Santiago de Compostela.

Alcanzar este lugar ten un significado especial. Para quen vén camiñando desde Asturias ou desde A Fonsagrada, indica que comeza o último tramo da peregrinación. Para outras persoas, Lugo pode ser o punto de partida, pois cen quilómetros continuos a pé por un camiño recoñecido constitúen a distancia mínima requirida para solicitar a Compostela, sempre que se cumpran as demais condicións establecidas.

O Camiño continúa polo Carril das Flores ata atoparse coa muralla romana. A entrada ao recinto histórico realízase pola Porta de San Pedro, unha das portas existentes xa en época romana e utilizada durante séculos para acceder á cidade desde os camiños procedentes do sur e do leste. Cruzala permite repetir un xesto realizado por viaxeiros, comerciantes e peregrinos de épocas moi diferentes.

A rúa de San Pedro conduce cara á Praza Maior, centro da vida urbana. Alí atópase a Casa Consistorial, un dos exemplos máis destacados do barroco civil galego. Na zona axardinada da praza atópase Arco do Triunfo, un conxunto escultórico contemporáneo realizado por Ramón Conde. A obra representa o emperador César Augusto encargando ao seu legado Paulo Fabio Máximo a fundación de Lucus Augusti. As súas figuras de bronce, instaladas en 2007, lembran as orixes romanas da cidade.

A poucos pasos álzase a Catedral de Santa María, construída e transformada ao longo de varios séculos. Nela conviven elementos románicos, góticos, barrocos e neoclásicos, así como a tradición da exposición permanente do Santísimo Sacramento, estreitamente relacionada coa historia espiritual de Lugo e co cáliz e a hostia presentes nos escudos da cidade e de Galicia.

No seu interior, a madeira tamén forma parte dese patrimonio. A sillería do coro, realizado por Francisco de Moure entre 1621 e 1624, está tallado en madeira de nogueira e reúne decenas de asentos decorados con figuras, escenas e motivos naturalistas. A súa permanencia despois de catro séculos mostra como un material procedente dunha árbore pode converterse, mediante o coñecemento e o traballo artesanal, nunha obra capaz de atravesar xeracións.

Imaxe cedida pola Catedral de Lugo.

Desde a Catedral, o Camiño ofrece dúas posibilidades para abandonar o recinto amurallado. Unha permite saír pola Porta de Santiago, situada fronte á fachada neoclásica do templo, e descender pola rúa de Santiago. A outra conduce ata a Porta Miñá ou Porta do Carme, a porta romana que conserva con maior fidelidade a súa configuración orixinal e cuxa orientación cara ao río explica o seu nome. Ambos os itinerarios rematan enlazando coa Calzada da Ponte.

Imaxe Porta de Santiago
Imaxe Porta Miñá ou Porta do Carme

Desde a Porta Miñá, a ruta descende cara ao río seguindo o trazado dunha antiga vía romana que comunicaba Lucus Augusti co Miño. Por esa mesma dirección avanza o Camiño Primitivo ata alcanzar a ponte romana. Aínda que foi reformada en distintas épocas, continúa cumprindo a súa antiga función como lugar de paso e permite a camiñantes e peregrinos cruzar o río para seguir o seu camiño cara a Santiago.

Moi preto da ponte consérvanse as termas romanas, que mostran como as augas termais foron aproveitadas polos habitantes de Lucus Augusti. Tamén se atopa unha escultura metálica dun soldado romano realizada durante o Arde Lvcus de 2015. Coa súa lanza e o seu escudo, a figura parece custodiar o paso e lembra como a cidade mantén vivo o seu pasado mediante unha celebración contemporánea.

O percorrido remata abríndose á paisaxe do Miño. Despois de atravesar rúas, prazas, monumentos e séculos de historia, o peregrino volve atoparse coa auga, as árbores e a vexetación de ribeira. O paseo fluvial permite deterse, descansar e descubrir que o río non representa unicamente un límite que debe cruzarse: é tamén un corredor natural, un espazo de recreo e unha parte esencial da paisaxe de Lugo.

UNHA CIDADE NA BIOSFERA

Lugo forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, recoñecida pola UNESCO en 2002. É, ademais, a única capital de provincia da España peninsular integrada nunha Reserva da Biosfera.

O río Miño e a súa rede de afluentes constitúen o gran eixe deste territorio, formado por bosques, ríos, humidais, terras agrarias, aldeas e núcleos urbanos. A Reserva non pretende separar as persoas da natureza, senón favorecer unha convivencia equilibrada entre a conservación dos seus valores naturais, o benestar da poboación e un desenvolvemento económico sostible.

Algúns dos seus espazos máis valiosos contan tamén con outras figuras de protección. É o caso da ZEC Parga-Ladra-Támoga, integrada na Rede Natura 2000, que protexe parte da rede fluvial e dos humidais da bacía alta do Miño.

Esta relación entre natureza e sociedade pode observarse na propia cidade. O Miño e cursos fluviais como o Rato e o Fervedoira conectan o espazo urbano coa paisaxe que o rodea. As súas ribeiras, xunto cos parques, as hortas e outras zonas arboradas, forman unha rede verde e azul que atravesa Lugo. Porque a natureza non entende de murallas: a auga, as árbores e as distintas formas de vida continúan o seu percorrido entre a paisaxe rural e a cidade histórica.

Ríos e bosques que conectan

Os ríos son moito máis que correntes de auga. As súas canles e a súa vexetación de ribeira forman corredores ecolóxicos que conectan diferentes hábitats e facilitan o desprazamento, a alimentación e a reprodución de numerosas especies.

Amieiros, salgueiros, bidueiros, carballos e outras árbores propias destes ambientes axudan a suxeitar o terreo e a protexer as beiras fronte á erosión. Tamén proporcionan sombra á auga e ofrecen alimento e refuxio a aves, mamíferos, anfibios, peixes, insectos e moitas outras formas de vida que dependen da continuidade e do bo estado destes espazos.

Pero esta rede verde e azul tamén beneficia directamente as persoas. O arborado proporciona sombra, suaviza as temperaturas e contribúe a mellorar a calidade ambiental. Os parques e paseos fluviais ofrecen lugares para camiñar, descansar, practicar deporte, observar a natureza ou atoparse con outras persoas.

Os paseos xunto ao Miño permiten achegarse aos bosques de ribeira sen abandonar Lugo. Nas súas beiras esténdese o Parque do Miño, un dos grandes espazos verdes da cidade, con zonas arboradas, áreas de descanso e camiños para pasear, practicar deporte ou percorrer en bicicleta. Nesta contorna, o Camiño Primitivo atravesa o río pola Ponte Vella, de orixe romana e reconstruída en distintas épocas, que marca o paso entre a cidade histórica e a paisaxe fluvial.

CIENCIA FORESTAL

Detrás dun monte coidado, produtivo e preparado para afrontar o futuro hai moito coñecemento. Antes de actuar é necesario estudar o terreo, observar a evolución da vexetación, calcular os recursos dispoñibles e decidir que traballos deben realizarse, onde e en que momento.

En Lugo, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, forma moitos dos profesionais que desenvolven este labor. Nela impártense o Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e o Máster Universitario en Enxeñaría de Montes, que permite acceder á profesión regulada de enxeñeiro ou enxeñeira de montes.

Galicia conta tamén coa Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, onde se imparte o Grao en Enxeñaría Forestal. Ambos os centros preparan profesionais capaces de responder ás necesidades dun territorio no que os montes forman unha parte esencial da paisaxe, da economía e da vida rural.

Planificar antes de actuar

Xestionar un monte non consiste unicamente en decidir que árbores se plantan ou se cortan. Primeiro é necesario coñecer as súas características, establecer uns obxectivos e organizar as actuacións ao longo do tempo.

Os profesionais da enxeñaría forestal estudan as especies presentes, a idade e o estado do arborado, a capacidade produtiva do terreo, a biodiversidade, os cursos de auga, o risco de erosión ou incendio, os accesos e os posibles aproveitamentos. Con esta información poden propoñer rexeneración natural, plantacións, podas, rareos e cortas, pero tamén medidas para previr incendios, restaurar zonas degradadas ou conservar hábitats e elementos de especial valor.

Esta planificación recóllese nos denominados instrumentos de ordenación ou xestión forestal. Segundo as características e a superficie do monte, pode tratarse dun proxecto de ordenación, un documento simple ou compartido de xestión ou outra das figuras recoñecidas pola normativa.

Estes proxectos deben ser redactados por persoal técnico competente en materia forestal e aprobados polo órgano forestal da Administración autonómica. Non son documentos destinados a quedar gardados nun caixón, senón follas de ruta que axudan a coñecer o monte, organizar investimentos e aproveitamentos, anticipar riscos e conservar os seus recursos para o futuro.

Do proxecto ao terreo

O labor destes profesionais continúa despois de redactar a planificación. Poden dirixir traballos forestais, asesorar propietarios e comunidades de montes, realizar inventarios, valorar madeira e outros recursos, deseñar infraestruturas, restaurar terreos ou traballar na prevención e extinción de incendios.

Tamén desenvolven a súa actividade en empresas de aproveitamento e transformación, asociacións forestais, consultorías, centros de investigación, administracións públicas e entidades vinculadas á conservación da natureza e ao sector forestal.

O seu traballo esixe buscar equilibrios. Un mesmo monte pode producir madeira, protexer o solo e a auga, capturar carbono, albergar biodiversidade, ofrecer espazos para o recreo e xerar ingresos para os seus propietarios. A planificación permite ordenar estes obxectivos e evitar que as decisións inmediatas comprometan as posibilidades do futuro.

Comprobar que se fai ben

A enxeñaría forestal desempeña igualmente un papel importante na certificación. Para incorporarse á certificación PEFC, un monte debe dispoñer da planificación que lle corresponda e demostrar que a súa xestión cumpre os requisitos do Sistema Español de Certificación Forestal PEFC.

Unha entidade de certificación independente revisa a documentación e comproba sobre o terreo se a xestión se axusta a eses requisitos. Os equipos auditores deben reunir a titulación, os coñecementos forestais, a formación específica e a experiencia profesional establecidos para desenvolver esta función.

Durante unha auditoría revísanse documentos, visítase o monte e búscanse evidencias de que o planificado se leva realmente á práctica. A partir dos seus resultados, a entidade de certificación decide sobre a concesión ou o mantemento do certificado.

A confianza que transmite o selo PEFC apóiase así en dúas tarefas diferentes pero complementarias: o traballo de quen estuda e planifica a xestión do monte e a comprobación independente de que esa xestión se realiza de maneira sostible.

CANDO A MADEIRA SE FAI CULTURA

Os recursos forestais non se transforman unicamente en materiais para construír ou fabricar produtos industriais. Nas mans dunha persoa artesá, a madeira, o papel ou as fibras vexetais poden converterse nun moble, un libro, un cesto, unha escultura ou un instrumento musical.

Lugo conta cun lugar especialmente interesante para descubrir esta relación: o CENTRAD, Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Nel desenvólvense obradoiros vinculados ao libro, ao moble artesán, á construción de instrumentos, á cestaría, á tapizaría e ao traxe tradicional. Tamén conserva unha importante colección de instrumentos musicais e obxectos sonoros.

A artesanía comeza cun coñecemento profundo dos materiais. Non todas as madeiras teñen a mesma dureza, flexibilidade, peso, textura, resistencia ou sonoridade. Saber elixilas, secalas e traballalas permite aproveitar as súas calidades e crear obxectos capaces de prestar servizo durante moito tempo.

Este coñecemento transmitiuse durante xeracións, pero non pertence unicamente ao pasado. Os oficios artesáns tamén investigan, deseñan e combinan técnicas tradicionais con novas ferramentas e formas contemporáneas.

Reparar, restaurar e elaborar obxectos duradeiros permite, ademais, aproveitar mellor os recursos. Un moble que pode manterse, repararse e transmitirse evita converterse rapidamente nun residuo e conserva no seu interior o traballo, o coñecemento e a materia prima utilizados para fabricalo.

Madeira que soa

A madeira tamén pode transformarse en son. Instrumentos como gaitas, zanfonas, frautas, tambores e outras pezas tradicionais dependen das propiedades dos materiais cos que están construídos.

A especie, a densidade, a orientación da fibra, o secado e a forma de traballar cada peza poden influír na súa resistencia, na súa vibración e no seu son. O instrumento é así o resultado do encontro entre natureza, técnica, sensibilidade e experiencia.

As coleccións e obradoiros do CENTRAD axudan a conservar este patrimonio, investigar a súa historia e manter vivos os coñecementos necesarios para construír e restaurar instrumentos. Neles, unha parte do monte transfórmase en música e pasa a formar parte de celebracións, bailes, lembranzas e emocións compartidas.

Da árbore ao libro

Entre os numerosos produtos que poden obterse dos recursos forestais, o papel ocupa un lugar moi próximo na nosa vida cotiá. Está presente en libros, cadernos, xornais, debuxos, documentos, caixas, etiquetas e embalaxes.

A súa principal materia prima é a fibra de celulosa, que pode proceder da madeira ou do papel recuperado. Cando ten unha orixe responsable e se utiliza adecuadamente, o papel é un material renovable e reciclable capaz de substituír determinados produtos fabricados a partir de recursos fósiles.

Cando o papel se converte en libro adquire tamén un valor cultural. As súas páxinas permiten conservar coñecementos, historias e experiencias, transmitilos entre xeracións e levalos moito máis alá do lugar e do momento no que foron escritos.

No CENTRAD, o libro pode descubrirse non só como unha obra que se le, senón tamén como un obxecto creado e conservado mediante diferentes oficios. O seu Obradoiro do Libro está dedicado a divulgar as artes relacionadas coa súa elaboración, encadernación e restauración, coñecementos que permitiron protexer documentos e prolongar a vida dos libros ao longo da historia.

Entre as súas actividades formativas atópanse a iniciación á encadernación e a encadernación artística, a restauración de obra gráfica, o dourado, a fabricación artesanal de papel, a impresión con tipos de chumbo e prensas tipográficas, a elaboración de papeis pintados e a creación de libros de artista. Tamén se realizan obradoiros portátiles que achegan estas técnicas a centros educativos da provincia.

Neste espazo, as follas de papel dóbranse, cósense e reúnense; as cubertas protexen o seu contido e as letras deixan a súa pegada mediante antigas técnicas de impresión. O libro aparece así como o resultado da unión entre materia, coñecemento, destreza e creatividade. Tamén pode restaurarse cando o paso do tempo danou as súas páxinas ou a súa encadernación, prolongando a súa vida e conservando a historia que contén.

O CENTRAD dispón ademais dunha biblioteca con miles de volumes incorporados á rede de bibliotecas de Galicia. Xunto a ela conserva fondos documentais e bibliográficos especializados vinculados á súa colección de instrumentos musicais, que contribúen ao estudo e á divulgación da música e dos instrumentos tradicionais.

Desde a fibra coa que se fabrica o papel ata as mans que encadernan, imprimen ou restauran as súas páxinas, cada libro percorre unha longa cadea. Elixir materiais procedentes de fontes responsables permite que a cultura conservada nas súas páxinas estea acompañada por outra historia igualmente importante: a do coidado do monte do que proceden as súas fibras.

A certificación PEFC permite identificar libros, publicacións e outros produtos gráficos elaborados con materiais procedentes de fontes forestais sostibles e controladas. Deste modo, o libro pode transmitir coñecemento e, ao mesmo tempo, mostrar un compromiso coa orixe responsable dos seus materiais.

Historia viva

A relación de Lugo co patrimonio faise especialmente visible durante o Arde Lucus, unha celebración que devolve temporalmente as rúas ás súas orixes romanas e castrexas. Campamentos, mercados, desfiles, obradoiros e representacións invitan a imaxinar como era a vida neste territorio hai arredor de dous mil anos.

A recreación permite observar tamén a importancia que tiñan os materiais obtidos da contorna. A madeira, as fibras vexetais, o coiro, a la, a pedra e os metais servían para construír, desprazarse, cociñar, almacenar alimentos e fabricar ferramentas e obxectos cotiáns. Nos postos artesáns e nas escenas recreadas poden recoñecerse algúns destes materiais e as técnicas empregadas para transformalos.

Unha recreación histórica non reproduce necesariamente cada detalle do pasado, pero pode espertar a curiosidade e axudarnos a comprender canto dependeron as sociedades antigas dos recursos naturais. Aínda que hoxe contamos con novas tecnoloxías, seguimos necesitando eses recursos; coñecer os seus usos ao longo da historia invítanos tamén a valorar a súa procedencia e a utilizalos de maneira responsable.

QUE VER?

O paso do Camiño Primitivo por Lugo permite achegarse a algúns dos lugares máis representativos da cidade. Moitos atópanse sobre o propio percorrido ou a moi pouca distancia, polo que paga a pena deterse e descubrir as pegadas que deixaron quen habitou Lucus Augusti e as xeracións que continuaron construíndo a cidade.

Unha volta pola muralla

Ao atravesar a Porta de San Pedro, unhas escaleiras próximas permiten subir ao adarve da muralla romana. Percorrela por completo supón camiñar algo máis de dous quilómetros, aínda que tamén é posible realizar soamente un tramo e regresar despois ao Camiño.

Desde o alto obtense unha perspectiva diferente de Lugo. Cara ao interior aparecen o trazado das rúas, as prazas e as torres da catedral; cara ao exterior, os barrios, as zonas verdes e a paisaxe que rodea a cidade. A muralla deixa entón de percibirse unicamente como unha construción defensiva e convértese nun gran paseo desde o que observar como Lugo foi medrando a ambos os lados dos seus muros.

O percorrido permite contemplar tamén dúas grandes obras de arte urbana. O mural de Xulio César, realizado polo artista lucense Diego As, lembra o legado romano da cidade. Preto da Porta Miñá atópase A Castrexa ou Copora, obra de Manuel Pallín, Yoe33, que representa unha muller guerreira inspirada no mundo castrexo anterior a Lucus Augusti.

As dúas figuras establecen un diálogo entre momentos diferentes da historia do territorio. A cultura castrexa e a romanización aparecen reinterpretadas mediante unha linguaxe contemporánea, coa propia muralla como escenario e vínculo entre ambas.

Casa dos Mosaicos

Moi preto da praza Maior, baixo un edificio da rúa Doutor Castro, consérvanse os restos dunha gran vivenda romana. As súas dimensións e a súa decoración indican que debeu pertencer a unha persoa de elevada posición dentro de Lucus Augusti.

A Casa dos Mosaicos permite observar pavimentos decorados con motivos xeométricos e figurativos, parte dun patio porticado e os restos dun comedor dotado dun sistema de calefacción baixo o chan. Estes elementos axudan a imaxinar como se organizaban e habitaban as residencias máis acomodadas da cidade romana.

A visita permite descubrir que unha parte importante de Lucus Augusti permanece oculta baixo as rúas e edificios actuais. Cada escavación arqueolóxica abre unha pequena xanela cara a esa cidade que aínda forma parte dos alicerces de Lugo.

Domus do Mitreo

Ao lado da catedral, baixo a Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela, atópase a Domus do Mitreo. O xacemento conserva os restos dunha gran vivenda romana e dun templo dedicado a Mitra, unha divindade cuxo culto se estendeu por diferentes territorios do Imperio.

O espazo permite coñecer aspectos da arquitectura, da vida doméstica e das crenzas de quen habitou Lucus Augusti. Tamén mostra como a construción da muralla alterou a cidade anterior, pois parte da vivenda quedou afectada polo novo recinto defensivo.

Esta superposición converte a Domus do Mitreo nun lugar especialmente interesante: nun mesmo espazo poden observarse distintas etapas da cidade e comprenderse como cada xeración construíu sobre as pegadas das anteriores.

Sala Porta Miñá

Ao saír do recinto amurallado pola Porta Miñá atópase unha sala dedicada a explicar a evolución da cidade romana. Está instalada no antigo matadoiro municipal, un edificio de finais do século XIX situado en plena ruta do Camiño Primitivo.

A exposición combina pezas arqueolóxicas, fotografías, planos e recreacións para mostrar o nacemento, o crecemento, a fortificación e a decadencia de Lucus Augusti. Os obxectos proceden de escavacións realizadas en diferentes puntos de Lugo e permiten achegarse tanto á organización da cidade como á vida cotiá dos seus habitantes. Na propia sala pode contemplarse tamén un pequeno tramo dunha cloaca romana, testemuño da rede de saneamento que percorría a antiga cidade e do grao de planificación alcanzado por Lucus Augusti.

A súa situación, ao lado dunha das portas romanas mellor conservadas, axuda a relacionar o que se explica no interior coa muralla e o trazado urbano que aínda pode contemplarse fóra.

Museo Provincial de Lugo

Quen dispoña de máis tempo pode achegarse ao Museo Provincial, instalado en parte do antigo convento de San Francisco. O edificio conserva espazos históricos como o claustro románico, o refectorio e a antiga cociña conventual, que forman parte da propia visita.

As súas coleccións permiten percorrer diferentes etapas da historia e da cultura da provincia. Nelas atópanse pezas arqueolóxicas, ourivaría prerromana, escultura, pintura, artes decorativas e obxectos vinculados ás formas de vida e ao traballo tradicional.

A visita completa o relato que comeza nas rúas de Lugo. Os obxectos conservados no museo permiten comprender mellor as comunidades que habitaron este territorio, os materiais que utilizaron, os coñecementos que desenvolveron e as distintas maneiras nas que transformaron os recursos dispoñibles en ferramentas, obxectos cotiáns e obras de arte.

O Papel de PEFC

A simple vista non sempre podemos saber como se xestiona un monte nin de onde procede a madeira, o papel ou as fibras forestais presentes nun produto. Detrás deles existen decisións sobre o aproveitamento dos recursos, a conservación da biodiversidade, a protección do solo e da auga, a prevención de riscos e o futuro do territorio.

A certificación PEFC permite facer visible ese traballo. No monte, comproba que a xestión está planificada e responde a criterios de sustentabilidade. Cando os seus recursos saen do bosque, a certificación de Cadea de Custodia permite seguir os materiais a través das distintas fases de transformación e comercialización ata chegar ao produto final.

Ese percorrido pode rematar nunha construción, un moble, un instrumento, un libro, unha embalaxe ou calquera outro produto de orixe forestal. Cando levan o selo PEFC, podemos recoñecer que os seus materiais proceden de fontes sostibles e controladas, aínda que nos atopemos lonxe do monte no que comezou a súa historia.

A cidade tamén forma parte desta cadea. Elixir produtos certificados, utilizalos durante máis tempo, mantelos, reparalos, compartilos e reciclalos axuda a aproveitar mellor os recursos renovables. Deste modo, as decisións tomadas nunha tenda, unha empresa, un obradoiro ou un fogar poden contribuír ao coidado de montes que quizais nunca cheguemos a visitar.

Lugo mostra así que o monte e a cidade non son dous mundos separados. Entre ambos circulan auga, recursos, coñecementos, traballo, cultura e decisións. PEFC axuda a manter e recoñecer esas conexións desde a orixe do recurso ata o lugar no que finalmente o utilizamos.

Proxecto impulsado pola Xunta de Galicia dentro do programa O Teu Xacobeo