O Monte Veciñal en Man Común de Xinzo é moito máis que unha masa forestal: é un proxecto colectivo, construído co esforzo e a ilusión dunha comunidade que, desde hai décadas, traballa para coidar, recuperar e dar vida ao seu territorio. A historia da Comunidade de Montes de Xinzo é a historia dun compromiso firme co ben común, coa sustentabilidade e co desenvolvemento local.
A través de xeracións, veciñas e veciños organizaron, xestionaron e dinamizaron os seus montes, impulsando iniciativas que van desde a reforestación e a loita contra os incendios ata a creación de espazos culturais, deportivos e sociais que hoxe en día seguen a dar froitos. Grazas a este labor continuado, o MVMC de Xinzo é un exemplo vivo de como a xestión comunitaria pode transformar un territorio e facelo medrar con sentido e con raíces fondas.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo
Superficie certificada PEFC: 482,5349 hectáreas desde o 07/09/2010
Localización: Ponteareas, Pontevedra.
A nosa historia
Da loita polo recoñecemento legal aos primeiros pasos da Comunidade.
O monte veciñal en man común de Xinzo (en adiante MVMC de Xinzo) e as actuacións nel desenvolvidas non se poden entender sen a existencia da comunidade veciñal titular, que deposita a súa confianza nas diferentes Xuntas Reitoras que van sendo elixidas, e o esforzo probado destas por sacar adiante as distintas iniciativas.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo ten o seu recoñecemento público como tal unha vez que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man común de Pontevedra, en data de 5 de decembro de 1979 resolve clasificar como monte veciñal en man común o denominado, de xeito xenérico, Montes de Xinzo, con 793 hectáreas, composto por catro parcelas, a saber,
- Parcela nº 1: Seixo e Forna
- Parcela nº 2: Chan da Cruz 1 (do monte Seixo e Forna)
- Parcela nº 3: Chan da Cruz 2 (do monte Seixo e Forna)
- Parcela nº 4: Costa e Cabernouro
Esta resolución foi conseguida grazas ao esforzo da comunidade veciñal, preexistente a este recoñecemento público, que loitou por acadalo, xunto con outras comunidades, formando parte da Coordinadora de Montes Comunais de Pontevedra (1977), movemento que se reunía aínda de xeito clandestino por mor dos tempos que corrían.
Os primeiros anos trala clasificación dos seus montes como veciñais en man común transcorreron sobre todo entre trámites administrativos de organización da Comunidade, dos seus órganos de goberno, da redacción dos estatutos polos que se había de rexer, etc.
Tres fases, un camiño común
DÉCADA DOS 80. Infraestrutura, defensa contra incendios e reforestación.
Durante os anos 80 a CMVMC de Xinzo dedicou gran parte da súa actividade a melloras na parroquia, chegando a asumir funcións propias do concello. Entre as actuacións máis destacadas figuran:
- Mellora de accesos e camiños, mediante asfaltado e formigonado de pistas e accesos a vivendas.
- Construción do Centro Cultural de Xinzo, proxecto que comeza co concurso de ideas para o seu deseño en 1987 e inaugurado en 1991.

Defensa contra incendios e xestión forestal
Na xestión do monte destaca a rescisión do consorcio co ICONA (1983) e a creación da maior parte das infraestruturas contra incendios existentes (rede viaria e depósitos contra incendios), e a adquisición do vehículo motobomba. Sempre se foi moi sensible ao tema do lume, en parte por vivilo en carne propia (entre os anos 85-87 arde a práctica totalidade do pouco que había arborado; os rasos, obviamente, eran froito das prácticas habituais de cortar e non preocuparse do rexenerado que practicaba o concello nas superficies que administrou).
Os puntos de auga debían ter asegurada a súa alimentación constante con este prezado recurso. Así foron captados nesa época numerosos mananciais con este fin: o de subministrar de auga aos depósitos contra incendios así como ás distintas fontes que se instalaron aos seus caróns e bebedoiros para os animais. Os sobrantes destes depósitos e fontes son devoltos ao leito natural máis próximo. Nalgúns casos foron instaladas boias nos depósitos, de xeito que, unha vez cheos, a boia xa non permite a entrada de auga, polo que esta queda na orixe e o aproveitamento é máis eficiente. Este xa foi o método a usar a partires de 2019 no caso da construción de novos depósitos.
O número de puntos de auga para a extinción de incendios é abundante (22 depósitos e 5 presas de regadío en desuso acondicionadas para este novo fin) e a distribución da rede homoxénea, podendo almacenar embalsados mais de 3.000.000 de litros de auga.

Reforestación e viveiro propio
Tamén foi creado neste período (1984) un viveiro forestal para a reprodución de castiñeiro híbrido (Castanea x hybrida)mediante a técnica aporcado coa instalación de 157 cepas de distintos clons traídas do entón Centro de investigacións Forestais de Lourizán (Pontevedra). A creación deste viveiro foi motivada pola relativa escaseza de planta forestal desta especie (e de frondosas en xeral) nos viveiros da zona nesa época. Deste xeito a Comunidade asegurábase o subministro de plantas de castiñeiro no futuro para as plantacións propias. E así foi, sendo o castiñeiro a frondosa máis numerosa das existentes no MVMC de Xinzo.

DÉCADA DOS 90. Reforestación, formación e impulso social e cultural.
Nunha segunda fase (1991-2002), mírase fundamentalmente cara ao monte. Xa estruturado en canto a rede viaria e puntos de auga, comézase coa restauración da masa arbórea. Coincide o comezo desta fase co establecemento da Asociación Forestal de Galicia (en adiante AFG) en Xinzo (ano 1991) e a elaboración dos Proxectos de Ordenación, un para cada monte, (que mais ben eran proxectos de reforestación, tendo en conta de como estaba o monte de descapitalizado, entre os rasos e o queimado). Aínda que a comunidade sempre buscou apoios técnicos (Lourizán, por exemplo) o feito de que a AFG establecese unha sede na parroquia foi determinante.

Para as repoboacións con Pinus pinaster establécense viveiros voantes no propio monte co fin de garantirse a subministro de planta.
Foi esta unha etapa na que as distintas Xuntas Reitoras participaron en todo aquelo que estivo ao seu alcance para adquirir coñecementos no eido forestal: viaxes formativas (Francia, Portugal, País Vasco…) e asistencias a congresos e feiras. Tamén participativa nestes eventos, como o caso da ponencia no Congreso de Montes Veciñais (Mondariz, 1995) ou a participación na Semana Verde (Silleda, 1997) que lle reportou o 2º premio de Iniciativas Locais de Desenvolvemento Rural.

Na parte social destaca a posta en funcionamento do Centro Cultural Xinzo, no que fixan a súa sede as distintas asociacións da parroquia, e a dotación dunha sala de ensaios para a recentemente creada Banda de Música Xuvenil de Xinzo.
A Comunidade, a súa Xunta Reitora, impulsa a creación de varias das asociacións e mesmo forman parte delas algúns dos seus membros. Tamén se axuda na creación de infraestruturas deportivas, como o campo de fútbol, e na adquisición de materiais, como instrumentos para a banda de música ou traxes para o grupo de baile, de xeito que se creaba un fondo propio e permitía que os nenos e as nenas puidesen acudir sen ter que mercar os instrumentos ou os traxes, sobre todo aqueles máis caros.
A partires dos 2000. Ordenación, profesionalización, aproveitamento da biomasa e shiitake.
No 2003 elabórase o Proxecto de Ordenación dos Montes Veciñais de Xinzo. O monte evoluciona favorablemente atendendo ás directrices do Proxecto de Ordenación. Tamén existe unha profesionalización a respecto da plantilla de persoal coa contratación en 2004 dun encargado con titulación media de Técnico Superior (FP 2º grado) e a dunha Enxeñeira Técnica Forestal.
En 2006 a CMVMC de Xinzo aposta fortemente polo aproveitamento da biomasa forestal residual nos montes e o uso enerxético desta, conseguindo no ano 2007, coa axuda da AFG e da Administración autonómica (Consellería do Medio Rural e Consellería de industria) a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro Cultural Xinzo e a rede de calor no edificio, a construción dunha nave para almacenar a biomasa (estelas de madeira), a adquisición dunha esteladora e as modificacións no remolque do tractor para incrementar a súa carga. A caldeira instalada entón segue quentando o edificio do Centro Cultural Xinzo hoxe en día e aliméntase con estelas de madeira de piñeiro procedentes do quebrado dos pés retirados nalgunhas das cortas de mellora que se realizan no monte veciñal.


A aposta era máis ambiciosa, pero o mercado non prosperou e as iniciativas na zona foron escasas.
Amplíase o viveiro forestal en 2004 con 120 cepas novas e en 2010 con 130 cepas máis. Estas novas cepas conforman un campo clonal rexistrado no Rexistro de campos de plantas nai.
No ano 2018, aproveitando a execución dunha clara nunha pequena superficie de castiñeiro levouse a cabo unha experiencia de cultivo do cogomelo shiitake, Lentinula edodes, sobre as trozas dos pés extraídos na clara mediante a inoculación do micelio nelas. Unha vez postos en produción de xeito controlado nunha nas naves en desuso dunha das canteiras, os “castelos” de troncos foron sacados ao exterior, a unha valgada, onde permanecen, pero xa sen produción actualmente, podrecidos xa os toros. Resultou unha experiencia satisfactoria que, a bo seguro, se volverá repetir.

Proxecto de Ordenación
No período que abrangue dende o ano 2003 ata a actualidade, foron executados íntegros dous (2) plans especiais (períodos 2003-2012 e 2013-2022), atopándonos agora no terceiro ano do Plan Especial 2023-2032.
En esencia, o Plan Xeral mantense (incluso a idea primixenia esbozada naqueles primeiros instrumentos de xestión do ano 1992), tan só se foron implementando algunhas pequenas modificacións puntuais ao longo dos anos en favor de ampliar as zonas reservadas para as frondosas e/ou favorecendo os rexenerados mixtos de Pinus pinaster + Quercus robur trala corta final dalgúns piñeirais con sotobosque de carballo. Cando se produza a seguinte corta final de piñeiro (dentro duns 25 anos) estas formacións mixtas darán lugar, de xeito natural, a carballeiras, con exemplares xa adultos e rexenerado que irá ocupando o lugar dos piñeiros.
A superficie ordenada actual, e de xestión propia, é de 495,87 hectáreas, ocupando o estrato arborado 414,24 hectáreas, o estrato arbustivo 22,89 hectáreas e o estrato desarborizado 58,75 hectáreas. O resto da superficie é xestionada por terceiros ben como superficie forestal ben como superficie de explotación mineira.
O 7 de setembro de 2010 procedeuse á certificación da xestión forestal mediante PEFC nun total de 482,5349 ha, excluíndo aquelas superficies ocupadas por liñas eléctricas ou con dereitos de superficie a terceiros. A certificación da xestión forestal sostible foi realizada no marco do Grupo de Selga, Compañía Galega de Silvicultores S.L. que forma parte da Asociación Forestal de Galicia. A CMVMC de Xinzo foi un dos primeiros montes que se certificaron dentro do presente grupo.
Divídese esta superficie ordenada en catro (4) cuarteis:
- Cuartel 000. Cuartel no que se engloban as infraestruturas de defensa contra incendios forestais.
- Cuartel 001. Cuartel dedicado á produción de madeira de coníferas.
- Cuartel 002. Cuartel dedicado á produción de madeira e de leñas de eucalipto.
- Cuartel 003. Cuartel dedicado fundamentalmente á dupla función de protección e de produción.
- Cuartel 004. Cuartel dedicado á protección por motivos culturais, derivada da protección integral que posúen os xacementos arqueolóxicos presentes no monte.
Defensa contra incendios forestais
Cuartel 000. Cuartel no que se engloban as infraestruturas de defensa contra incendios forestais: rede viaria, rede primaria (liñas eléctricas), rede secundaria (protección dos núcleos de poboación), e rede terciaria: devasas, áreas devasas, rede viaria, faixas auxiliares a pista, puntos de auga…

A rede primaria e a rede secundaria establécense para o documento de xestión consonte a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios de Galicia, modificada pola Lei 7/2012 de montes de Galicia . A rede terciaria establécese a nivel monte e nela tamén se incluíron, como faixas auxiliares a pista, aquelas que resultan do cumprimento das distancias mínimas que deben respectar as repoboacións forestais e, por extensión, as masas forestais.
A maiores, a efectos da prevención e defensa contra incendios forestais, tamén se consideran infraestruturas de defensa contra incendios neste instrumento (rede terciaria), e como tales reflíctense no plano de infraestruturas de prevención, as áreas arboradas maiormente con especies de frondosas en situación de valgada, de límite ou apoiadas en pista interconectadas entre si e que rompen a continuidade entre cantóns de produción madeireira, pero que se emprazan noutros cuarteis distintos do Cuartel 000.
O Cuartel 000 ocupa nesta unidade de xestión 55,68 hectáreas, isto é o 11,23 % da superficie de ordenación.
Produción de madeira
Cuartel 001. Cuartel dedicado á produción de madeira de coníferas, principalmente de Pinus pinaster . Non obstante, esta orientación produtiva será exclusiva das masas de piñeiro, mentres que as mouteiras de frondosas e de mesturas de frondosas e coníferas exóticas que puideran atoparse neste Cuartel, asociadas na maior parte dos casos a zonas de valgada, manterán, na medida do posible, unha orientación protectora destes leitos estacionais e de conservación da diversidade existente. Nas zonas de rochedo que se mantiveron dentro do Cuartel preténdese a protección dos ecotonos singulares de matogueiras e outra flora menor e de árbores e arbustos dificilmente accesibles asociados a estas áreas pétreas.
Por outra banda, dada a existencia de numerosos elementos do patrimonio cultural, maiormente foxas con restos de carbóns, deberá velarse pola conservación dos mesmos e a non alteración deles no transcurso da realización de actuacións silvícolas e/ou de aproveitamentos forestais. Por elo todas as actuacións a realizar no ámbito de protección destes xacementos, grafado nos planos do documento de xestión, deberán contar coa autorización previa da administración con competencias en materia de protección do patrimonio cultural e actuar en consonancia coa lexislación en vigor nese momento na materia.
O Cuartel 001 ocupa nesta unidade de xestión 242,80 hectáreas, isto é o 48,96 % da superficie de ordenación.

Cuartel 002. Cuartel dedicado á produción de madeira e de leñas de eucalipto, principalmente de Eucalyptus globulus . Non obstante, esta orientación produtiva será exclusiva das masas de eucalipto, mentres que as mouteiras de frondosas e de mesturas de frondosas e coníferas exóticas que puideran atoparse neste Cuartel, asociadas na maior parte dos casos a zonas de valgada, manterán, na medida do posible, unha orientación protectora destes leitos estacionais e de conservación da diversidade existente. Nas zonas de rochedo que se mantiveron dentro do Cuartel preténdese a protección dos ecotonos singulares de matogueiras e outra flora menor e de árbores e arbustos dificilmente accesibles asociados a estas áreas pétreas.
Non existe neste momento neste Cuartel ningún elemento patrimonial catalogado ou censado. De coñecerse a existencia dun novo elemento catalogado e/ou censado no transcurso do Plan Especial, deberá ser grafado este elemento na cartografía do documento de xestión así como a súa área de protección e actuar en consonancia coa lexislación en vigor nese momento en materia de protección do patrimonio cultural.
O Cuartel 002 ocupa nesta unidade de xestión 34,52 hectáreas, isto é o 6,96 % da superficie de ordenación.
Protección e produción
Cuartel 003. Cuartel dedicado fundamentalmente á dupla función de protección e de produción. Non obstante, conflúen nel outras función simultáneas como a prevención de incendios, a de recreo e a cultural, dada a existencia de elementos do patrimonio cultural e etnográfico no seu interior.
A produción será fundamentalmente de madeira de piñeiro e de frondosas (as masas de eucalipto existentes serán eliminadas de xeito paulatino no transcurso de período do Plan Xeral), non descartando, así mesmo, a produción de froito (castaña), con expectativa de comercialización ou sen ela. A función protectora primará sobre a función produtora, sen excluíla. Nas zonas de rochedo preténdese a protección dos ecotonos singulares de matogueiras e outra flora menor e de árbores e arbustos dificilmente accesibles asociados a estas áreas pétreas.
A protección adquire neste Cuartel a súa definición máis extensa: protección da diversidade florística e faunística asociada, protección do solo, protección dos leitos estacionais e/ou permanentes, protección da fauna ao crear corredores de longo recorrido que lles proporcionan acubillo e alimento, protección fronte aos lumes ao constituír áreas que frean o avance das lapas, protección do patrimonio ao tratarse de áreas de nula ou escasa intervención en moitos casos…

A función de recreo, na súa acepción máis ampla, ofrécea todo o Cuartel por ser o máis diverso en canto a especies e ofrecer así unha grande variedade cromática ao longo de todo o ano. Nun ámbito máis concreto, emprázase neste Cuartel a área de recreo denominada Cavada Nova dotada de mobiliario básico para esta función recreativa, cunha fonte con auga corrente e unha poza de auga que engade atractivo ao lugar.

O Cuartel 003 ocupa nesta unidade de xestión 161,59 hectáreas, isto é o 32,59 % da superficie de ordenación.
Xacementos arqueolóxicos
Cuartel 004. Cuartel dedicado á protección por motivos culturais, derivada da protección integral que posúen os xacementos arqueolóxicos presentes no monte. Unha vez realizados os aproveitamentos nas áreas que conten con arborado non se volverán plantar.
O Cuartel 004 ocupa nesta unidade de xestión 1,29 hectáreas, isto é o 0,26 % da superficie, en relación coa superficie de ordenación.
Especies vexetais
Como se pode observar da lectura da descrición dos distintos cuarteis que conforman a unidade de xestión, a función conservadora de mantemento da biodiversidade e dos ecotonos asociados ás zonas de rochedo, abundantes na unidade de xestión, están sempre presentes, sexa cal sexa o obxectivo principal do cuartel, e así se cumpre e se fai cumprir sobre o terreo na execución das distintas actuacións silvícolas, sobre todo nas actuacións de rozas onde se preservan aquelas especies arbustivas típicas da rexión eurosiberiana e mediterránea como os estripeiros (Crataegus monogyna) e os escaramboeiros (Pyrus sylvestris e Pyrus cordata), a dafne (Daphne gnidium), a dixitalia (Digitalis purpurea), o sanguiño (Rhamnus frangula ou Frangula alnus), o érbedo (Arbutus unedo), o rusco ou rascacú (Ruscus aculeatus), o loureiro (Laurus nobilis), o carballo (Quercus robur), a sobreira (Quercus suber), o rebolo (Quercus pyrenaica)…, sendo que nas proximidades dos leitos de auga non se roza co fin de evitar o sobrequecemento das augas, mantendo así a variedade de fentos e fentas a eles asociados (Osmunda regalis, Dryopteris filix mas., Athyrium filix fem.).

Cabe destacar nesta unidade de xestión a frecuente presenza do érbedo ou maroteiro (Arbutus unedo) como especie testemuñal de climas máis cálidos que nos precederon e que aínda atopa unhas condicións de estación apropiadas para o seu desenvolvemento debido a que nos atopamos nunha zona de transición ao clima mediterráneo. A pesar de ser unha especie fortemente castigada pola presión que o home exerceu sobre ela, por mor do elevado poder calorífico das súas leñas, aproveitadas tanto en fogares como para a elaboración de carbón, e polos lumes continuados, atopámola en ambos montes formando parte do sotobosque fundamentalmente, sendo tamén abundante a presenza de rexenerado desta especie. Nalgunhas zonas do monte estase a potenciar o seu desenvolvemento retirándolle outras especies introducidas no seu día, como piñeiros e eucaliptos, permitindo que se espalle e colonice o terreo, para que chegue a constituír algún erbedal singular.
A diversidade de especies vexetais, así como, na medida do posible, a súa calidade xenética, é algo xa buscado dende que se xestionan os montes de modo ordenado seguindo as directrices dos distintos instrumentos de xestión. De xeito que se teñen mantido e potenciado especies arbóreas autóctonas como o carballo (Quercus robur), a sobreira (Quercus suber), o castiñeiro do país (Castanea sativa) o bidueiro (Betula sp), o salgueiro (Salix sp), o loureiro (Laurus nobilis), ou o érbedo ou maroteiro (Arbutus unedo), así como aquelas especies arbustivas de sotobosque máis representativas: estripeiros (Crataegus monogyna), escaramboeiros ou escarambóns (Pyrus pyraster e Pyrus cordata), sanguiños (Frangula alnus) e rascacús (Ruscus aculeatus). Téñense reintroducido especies como a sobreira (Quercus suber), a cerdeira (Prunus avium), o bidueiro (Betula celtiberica), o amieiro (Alnus glutinosa) ou o castiñeiro (Castanea x hybrida). Téñense introducido novas especies: pino piñonero (Pinus pinea), pino de Oregón (Psudotsuga menziesii), carballo americano (Quercus rubra), criptomeria (Cryptomeria japonica), cedros (Cedrus atlantica e Cedrus deodara), ciprés de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana), plataneiros (Platanus x hybrida), todos elas formando pequenos rodais alí onde as condicións de estación o permitían, e plantas illadas de sequoia (Sequoia sempervirens), liquidámbar (Liquidambar styraciflua), abeleira (Corylus avellana), araucaria (Araucaria angustifolia), pradairo (Acer pseudoplatanus), faia (Fagus sylvatica), nogueira do país (Juglans regia), nogueira americana (Juglans nigra), arce negundo (Acer negundo) arce campestre (Acer campestre) , freixo (Fraxinus excelsior e Fraxinus angustifolia), capudre (Sorbus aucuparia), aciñeira (Quercus ilex), acivro (Ilex aquifolium), arce xaponés (Acer palmatum), abetos (Abies nordmanniana, Abies concolor, Abies nobilis), piceas (Picea abies, Picea omorika), teixo (Taxus baccata), chopo (Populus sp). E tense continuado co piñeiro do país (Pinus pinaster) e co eucalipto branco (Eucalyptus globulus) como principais especies produtoras de madeira, polos bos crecementos que presentan e a súa frugalidade, idóneas para a maior parte dos terreos forestais existentes na unidade de xestión, de escasa profundidade e exposición de solaina.

Esta diversidade de especies son xestionadas atendendo a distintos modelos silvícolas, elixidos entre os modelos silvícolas orientativos establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que ese establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021. Así, en cumprimento do Plan Xeral, serán xestionadas 247,55 hectáreas de Pinus pinaster co modelo silvícola PP2; 29,12 hectáreas de eucalipto co modelo silvícola EG1; e 128,84 hectáreas de frondosas en pequenas masas puras ou, maiormente, en mestura con outras frondosas e/ou coníferas exóticas, cos modelos CS1, PFMV, PPA1, RBA, RR, SPN, XBR.
Na unidade de xestión tamén se conta coa presenza de acacia negra ou australia (Acacia melanoxylon) que se intenta manter controlada co fin de evitar o seu espallamento e, na medida do posible, ila eliminando.
Non se coñece a existencia de especies endémicas, vulnerables ou en perigo de extinción nestes montes.
Máis Información
Persoal: actualmente a CMVMC de Xinzo conta con dous (2) operarios con máis de 20 anos de antigüidade na Comunidade e unha (1) limpadora para o Centro Cultural. O servizo técnico é externo.
Maquinaria e vehículos: tractor + remolque + guindastre (equipo tractocargador), apeiros de tractor: desbrozadora lateral, desbrozadora arrastrada, pala “polidozer”, grada de discos, subsolador. Motobomba, esteladora, vehículo todoterreo. Rozadoiras manuais, motoserras, tesoiras, pértegas poda, bastóns plantadores… Material incendios: batelumes, mochilas, equipos persoais de seguridade…

Inmobles: Garaxe para gardería de maquinaria, vehículos e apeiros; nave para o almacenamento de estela; estrutura para a construción dun novo garaxe con vestiarios e oficina; tres (3) naves, con deterioros importantes, construídas e empregadas no seu día nas explotacións mineiras agora paralizadas; Campo de Fútbol e instalacións anexas (cedido ao Fútbol Club Xinzo); Centro Cultural Xinzo, sede de todas as asociacións da parroquia, e pista polideportiva anexa (cedida a xestión do uso dos locais mais a pista á Asociación Cultural Xinzo); terreos nas inmediacións do Centro Cultural, mercados co fin de ser destinados para uso dotacional.

Os ingresos da Comunidade: na actualidade, maiormente cortas regulares de madeira e algúns cánones por actos de disposición. Ata a o ano 2008 foron moi importantes os ingresos por cánones derivados dos actos de disposición por ocupación de canteiras, sobre todo porque nese momento eran escasos os ingresos por cortas dada a situación de descapitalización na que se recibiu o monte en decembro de 1979 e os incendios ocorridos entre os anos 1985 e 1987.
ACTIVIDADES NO MONTE:
Celebración do Día da árbore dende 1987: plantación de frondosas orientada aos máis pequenos, que deben vir acompañados dalgún maior. Nos últimos anos veñen sobre todo acompañados por avós e resulta moi entrañable. Por vez primeira este ano 2025 a plantación levouse a cabo con piñeiro do país (Pinus pinaster).
Para esta celebración tamén se fai partícipes aos nenos das escolas rurais existentes na parroquia que elaboran os carteis cos que se anuncia logo o acto.
OUTRAS COLABORACIÓNS CON ENTIDADES DE FÓRA DA PARROQUIA
Tense colaborado con diversas entidades socioculturais, ben cedendo o uso de locais ou permitindo desenvolver actividades no monte (marchas ciclistas, de 4 x 4, actividades de ocio, rastrexos, enduro, marchas a cabalo…), ben con achegas económicas.
OUTROS RECOÑECEMENTOS
1997.- 2º premio Iniciativas Locais de Desenvolvemento Rural (Silleda, Semana Verde, 1997)
2005.- Premio Orden San Miguel 2005 (Ponteareas)
2010.- Premio Cumbres del Suído á concordia
Entidade Certificada. SELGA
|
DATOS DO CERTIFICADO |
|
|---|---|
|
Nº certificado |
PEFC/14-22-00007-AEN |
|
Nº licenza |
PEFC/14-22-00007 |
|
Modalidade de certificación |
Grupo |
|
Data certificación inicial |
07/09/2010 |
|
Entidade certificadora |
AENOR CONFÍA, S.A.U. |
A Asociación Forestal de Galicia, a través da súa empresa SELGA, creou no ano 2010 o Grupo SELGA Xestión Forestal Sostible cos seguintes obxectivos:
- Promover a xestión forestal sostible, garantindo ás xeracións presentes e futuras o uso e goce dos nosos bosques;
- Elaborar os documentos e informes necesarios que permitan a avaliación dos criterios de xestión forestal sostible que non se poidan avaliar a escala de propiedade individual;
- Ofrecer a posibilidade de participar na certificación aos propietarios e xestores galegos e, en particular, aos socios da Asociación Forestal de Galicia;
- Minimizar os custos de control dos adscritos, garantindo a viabilidade económica do proceso de certificación;
- Establecer unha ferramenta de mercado que achegue a madeira ao consumidor.
Estes obxectivos veñen reflectidos no compromiso de política do grupo que rexe a xestión que realiza SELGA, Compañía Galega de Silvicultores S.L., na súa condición de Entidade de Grupo.
Imaxes


















