BARBANZA, ENXA, XIAN, DORDO, COSTA DE ABAIXO, O SOBRADO
O Monte Veciñal en Man Común de Baroña, situado no concello de Porto do Son, A Coruña, conta cunha superficie certificada de 777,10 hectáreas e representa un modelo de xestión forestal sostible e multifuncional.
A maior parte da superficie arborada está ocupada por masas de piñeiro do país, que presentan bo vigor e estado fitosanitario axeitado, malia que os crecementos son moderados, debido principalmente á proximidade ao mar, véndose influenciado polos fortes ventos e a salinidade.
Consciente dos retos e das potencialidades do seu territorio, Baroña aposta pola diversificación de usos, combinando produción forestal con pastos, leñas, cogomelos, mel, enerxía eólica, actividades recreativas, caza, protección e posta en valor do patrimonio cultural, conservación ambiental e paisaxe.
A Comunidade traballa para que o monte sexa un motor social e unha fonte de emprego na contorna, promovendo a contratación de persoal propio para a realización das tarefas silvícolas, obras de mellora e xestión dos recursos dispoñibles.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña.
Superficie certificada PEFC: 777,1022 hectáreas desde o 23/02/2011.
Localización: Porto do Son, A Coruña.
Planificación Forestal
O monte veciñal de Baroña é un exemplo de xestión multifuncional, onde conviven diferentes usos produtivos, ambientais e sociais, que permiten aproveitar os recursos do monte sen comprometer o seu futuro.
A distribución do monte está organizada principalmente en dous grandes cuarteis (001 e 002), nos que se desenvolven diferentes actividades segundo as características do terreo e os seus valores ambientais, produtivos ou culturais.
Usos produtivos
- Aproveitamento de madeira: É o uso principal, sobre todo no Cuartel 001, onde predominan os piñeiros (Pinus pinaster) e os eucaliptos. Realízanse cortas de rexeneración, mellora ou por causas extraordinarias (temporal, lume, pragas…).
- Resinación: No mesmo cuartel, a extracción de resina está a medrar notablemente e representa xa unha fonte de ingresos tan relevante como a madeira.
- Pastos: O aproveitamento de pastos está regulado por dous plans silvopastorís no Cuartel 001.
- Caza: O uso cinexético non interfire co resto da planificación forestal. Baroña planea de cara ao futuro un coto privado de caza.
- Enerxía eólica: Nas zonas altas e menos fértiles do monte instálanse parques eólicos, que supoñen ingresos engadidos e melloran a rede viaria, axudando tamén na prevención de incendios.

Usos de protección
O monte tamén cumpre un importante papel na protección do medio ambiente:
- Prevención da erosión e regulación hídrica.
- Captación de CO₂ e protección das ladeiras e ríos.
- Conservación da biodiversidade, con zonas de frondosas autóctonas e presenza de hábitats valiosos.
- Protección do patrimonio arqueolóxico, especialmente no Cuartel 002, onde se atopa o contorno do Castro de Baroña e outras zonas de especial interese cultural.

Usos recreativos
Baroña conta con instalacións como campos de fútbol, pistas de motocross, áreas recreativas, miradoiros ou roteiros. Estes espazos, situados principalmente no Cuartel 002 e en varias zonas do 001, permiten que o monte sexa tamén un lugar para o ocio e o contacto coa natureza.

Usos tradicionais
O monte mantén viva a relación histórica coa veciñanza a través de usos tradicionais como:
- Recolleita de leña, mel, cogomelos, castañas e outros froitos.
- Instalación de apiarios (actualmente hai dous no Cuartel 001, con previsión de ampliar).
- Aproveitamento micolóxico regulado en varias mouteiras e con plans de extensión a todo o monte.

Aproveitamento resineiro
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña é pioneira e principal produtora de resina natural en Galicia. Ante a limitada calidade da madeira obtida polos efectos do vento e da salinidade, decidiron diversificar os usos do monte apostando pola resinación como alternativa sostible e rendible.

Desde o ano 2017, Baroña conta cun plan específico de resinación e, a día de hoxe, esta actividade converteuse na principal fonte de ingresos do monte. Extraen unha media de 40 toneladas de resina ao ano a partir de arredor de 12.000 piñeiros polo método tradicional e uns 12.500 mediante o sistema da bolsa.

O proceso é realizado por persoal propio da comunidade, contratado durante todo o ano, o que permite xerar emprego local, fixar poboación no rural e garantir unha xestión sostible dos recursos. Ademais, imparten formación continua para capacitar novos resineiros, xa que este oficio apenas conta con profesionais cualificados en Galicia.

Baroña participa tamén en proxectos de investigación para mellorar os métodos extractivos e conseguir unha resina de maior calidade. Esta materia prima ten múltiples usos en sectores como a cosmética, a industria química ou alimentaria, e a súa demanda non deixa de medrar.
A actividade resineira é, ademais, unha aliada fronte aos incendios forestais, xa que require un coidado continuo da masa forestal e unha presenza constante no monte. Grazas a esta aposta, Baroña fortalece o seu compromiso coa sustentabilidade, demostrando que é posible vivir do monte respectando os seus ciclos naturais.
Gando
Un dos piares da xestión do monte de Baroña é a introdución de gandería extensiva, que combina a presenza de distintos tipos de gando como cabalos, vacas, cabras e ovellas. Esta actividade cumpre unha dobre función produtiva e ecolóxica.

Desde o punto de vista ecolóxico, a presenza de gando axuda ao control natural da vexetación do sotobosque, limitando o crecemento descontrolado da matogueira e, con iso, reducindo o risco de incendios forestais. É unha estratexia de prevención eficaz, de baixo impacto e aliñada cos principios de xestión forestal sostible.
Tamén se favorece a conservación de razas autóctonas como o cabalo galego do monte, e promóvese o manexo sostible do territorio, que favorece a fertilidade do chan e a biodiversidade do ecosistema.
No plano económico, o gando xera produtos locais de calidade, como carne de poldro. A través do Grupo Operativo Multiforest, do que a Comunidade é membro xunto coa Universidade de Vigo, FEUGA e PEFC Galicia, preténdese implantar a Cadea de Custodia PEFC para trazar e poñer en valor a procedencia deste produto.
Desde o punto de vista ecolóxico, a presenza de gando axuda ao control natural da vexetación do sotobosque, limitando o crecemento descontrolado da matogueira e, con iso, reducindo o risco de incendios forestais. É unha estratexia de prevención eficaz, de baixo impacto e aliñada cos principios de xestión forestal sostible.
Tamén se favorece a conservación de razas autóctonas como o cabalo galego do monte, e promóvese o manexo sostible do territorio, que favorece a fertilidade do chan e a biodiversidade do ecosistema.
No plano económico, o gando xera produtos locais de calidade, como carne de poldro. A través do Grupo Operativo Multiforest, do que a Comunidade é membro xunto coa Universidade de Vigo, FEUGA e PEFC Galicia, preténdese implantar a Cadea de Custodia PEFC para trazar e poñer en valor a procedencia deste produto.

Este modelo permite integrar a actividade gandeira con outros usos do monte, asegurando así unha convivencia harmónica entre produción, conservación e comunidade.
Coto micolóxico
Comunidade de Montes de Baroña, estableceu un coto micolóxico rexistrado e regulado dunhas 100 hectáreas de monte, co obxectivo de ordenar e controlar a recolección de cogomelos silvestres. Esta medida responde tanto a unha necesidade de conservación dos recursos naturais como a un interese por fomentar o turismo micolóxico responsable.

O coto permite establecer normas claras de recolección, garantindo que esta se realice de forma sostible, sen danar o micelio nin alterar o equilibrio do ecosistema. Mentres que para os comuneiros o seu acceso é gratuíto, o resto de persoas que queiran recoller cogomelos neste espazo deben contar cun carné de recolector de cogomelos, que ten un custo anual de 10 euros e que permite acceder na tempada. O recadado con esta cota reinvístese no propio coto, como na reparación do peche ou en tratamentos de micorrizado para favorecer o crecemento de cogomelos. Nestes montes abundan os boletus e o níscalo, pero tamén hai outras especies como a lingua de vaca ou a cantarela.
A delimitación do coto micolóxico encádrase dentro dun proxecto máis ambicioso que pretende a comercialización dos cogomelos de maneira deshidratada, e que está en proceso de desenvolvemento.
Baroña fomenta a educación ambiental, promovendo o coñecemento das especies comestibles e tóxicas, o respecto á contorna natural e a importancia da diversidade dos fungos, a través de cursos de formación ou roteiros micolóxicos.
Apicultura
Dentro da súa estratexia de diversificación de usos, a CMVMC de Baroña desenvolveu un proxecto de apicultura, mediante a instalación de colmeas en distintas zonas do monte. Esta actividade ofrece numerosos beneficios, tanto produtivos como ambientais.

En termos económicos, permite a produción de mel e outros produtos apícolas (cera, propóleos, xelea real) que poden comercializarse en mercados locais ou de proximidade, fortalecendo as economías rurais. Trátase dunha actividade perfectamente compatible con outras formas de uso do monte.

Desde o punto de vista ecolóxico, a apicultura desempeña un papel crucial na polinización das especies vexetais, o que contribúe a manter e enriquecer a biodiversidade do ecosistema forestal. As abellas son indicadores de saúde ambiental, e a súa presenza activa contribúe ao equilibrio natural do monte.
Actualmente a Comunidade de Montes de Baroña é membro do Grupo Operativo Multiforest, xunto coa Universidade de Vigo, FEUGA e PEFC Galicia para o estudo e desenvolvemento da cadea de custodia da mel a través do Sistema de certificación PEFC, o que proporcionará un valor engadido a este produto, e permitirá a transferencia de coñecemento a outras comunidades de montes interesadas neste sistema de trazabilidade.
Patrimonio
O patrimonio arqueolóxico, un valor en alza en Baroña
Os montes de Baroña gardan un valioso tesouro: numerosos restos arqueolóxicos que testemuñan séculos de historia. Alén do emblemático Castro de Baroña, a zona conta cunha importante concentración de petróglifos que a Comunidade de Montes está a poñer en valor como parte esencial do seu modelo de xestión.

Nun pasado non tan afastado, moitos comuneiros vían estes elementos patrimoniais como un atranco, xa que limitaban certos usos do monte. Porén, esta percepción foi cambiando grazas ao labor divulgativo impulsado pola comunidade.
Con iniciativas como roteiros arqueolóxicos e a publicación dun libro-guía sobre os petróglifos da parroquia, editado pola propia comunidade, fóronse achegando os coñecementos sobre o patrimonio aos veciños e veciñas, facendo que hoxe sexa visto como un recurso cultural e turístico de gran valor.

Este cambio de visión permitiu tamén estreitar a colaboración con Patrimonio, facilitando a catalogación de novos achados e impulsando unha protección activa deste legado.
A comunidade organiza actividades divulgativas para todos os públicos, como os roteiros nocturnos polos petróglifos, que espertan a curiosidade e marabilla de maiores e pequenos, converténdose nunha ferramenta clave para a educación e sensibilización arredor da nosa historia.
Usos socioculturais
A CMVMC de Baroña non só xestiona o monte como un recurso natural e produtivo, senón tamén como un espazo comunitario, cultural e educativo. Neste sentido, desenvólvense actividades turísticas e socioculturais destinadas tanto aos comuneiros como ao público en xeral.

Entre estas actividades inclúense roteiros guiados, talleres ambientais, visitas escolares e eventos culturais, que teñen como finalidade achegar á poboación ao monte, fomentar a educación ambiental e crear un vínculo emocional coa contorna.
Estas iniciativas reforzan o sentido de pertenza da comunidade, promoven a participación activa dos veciños na vida do monte e contribúen a potenciar o atractivo turístico da zona, o que supón unha fonte de ingresos adicional para o territorio.
Ademais, o uso sociocultural do monte permite que este sexa percibido non só como un recurso económico, senón como un espazo vivo, con memoria, identidade e valor simbólico para a comunidade.
Entidade Certificada. EGS
A Entidade Galega Solicitante da Certificación Forestal (EGS) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito autonómico, con sede en Santiago de Compostela. Conta cunha ampla experiencia no ámbito da certificación forestal.
Compromiso coa xestión forestal sostible
Desde a súa fundación, EGS traballou activamente na promoción de prácticas de xestión forestal sostible en Galicia. O seu labor céntrase en facilitar a certificación de parcelas forestais baixo estándares recoñecidos internacionalmente, como PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification) e FSC (Forest Stewardship Council), garantindo que a xestión dos montes sexa ambientalmente adecuada, socialmente beneficiosa e economicamente viable.
Entre as súas funcións destacan:
•Asesoramento e acompañamento en certificación: EGS facilita o proceso de certificación a propietarios e xestores forestais, proporcionándolles apoio técnico e administrativo para cumprir cos requisitos da normativa PEFC.
•Promoción da certificación como ferramenta de desenvolvemento rural: EGS impulsa a certificación forestal como un elemento diferenciador que permite acceder a mercados que valoran a sustentabilidade, favorecendo a competitividade dos produtos forestais galegos.
•Colaboración con administracións e entidades do sector: A asociación traballa en estreita cooperación coa Xunta de Galicia, asociacións de propietarios forestais, centros de investigación e empresas do sector para consolidar un modelo de xestión forestal responsable e aliñado coas directrices europeas de sustentabilidade.
Valores e visión de futuro
EGS basea o seu traballo nos principios de sustentabilidade, transparencia e mellora continua, promovendo un modelo de certificación forestal que garanta:
•Protección da biodiversidade: Asegurando que a xestión forestal contribúa a manter a diversidade biolóxica e a saúde dos ecosistemas forestais.
•Mitigación do cambio climático: Fomentando prácticas de xestión que aumenten a capacidade dos bosques para actuar como sumidoiros de carbono e adáptense ás novas condicións climáticas.
•Fortalecemento do tecido produtivo local: Impulsando a certificación como un mecanismo para agregar valor á cadea forestal-madeira galega, promovendo produtos con garantías ambientais
•Participación activa de comunidades e propietarios: Favorecendo modelos de gobernanza inclusivos e democráticos na xestión dos montes, involucrando ás comunidades locais na toma de decisións.
De fronte ao futuro, EGS exponse seguir ampliando a superficie certificada en Galicia, promovendo a dixitalización dos procesos de certificación e establecendo novas alianzas con actores crave do sector forestal e da bioeconomía. Un exemplo diso é a súa participación no grupo operativo GO Bosques 3.0, que traballa no desenvolvemento de ferramentas de dixitalización e teledetección para mellorar a xestión forestal.
En definitiva, a Entidade Galega Solicitante da Certificación Forestal é un referente na promoción da certificación forestal en Galicia, actuando como motor do cambio cara a unha xestión forestal máis sostible, eficiente e adaptada ás necesidades do século XXI.













