Montes con Nome Propio: Recoñecemento á Xestión Forestal Sostible PEFC en Galicia
A certificación PEFC é un selo de confianza que asegura que os recursos forestais se xestionan de maneira responsable, respectando a biodiversidade, previndo os incendios, impulsando a economía local e contribuíndo á loita contra o cambio climático.
Desde PEFC Galicia impulsamos esta iniciativa co obxectivo de visibilizar e poñer en valor os montes que destacan pola súa xestión forestal sostible. A través deste programa, recoñecemos o labor exemplar dos propietarios, xestores forestais e Entidades Solicitantes que contribúen a construír un futuro máis sostible para os nosos bosques.
Con este programa, desde PEFC Galicia reafirmamos o noso compromiso coa sustentabilidade, a transparencia e a divulgación da boa xestión forestal. Convidámoste a coñecer os montes recoñecidos e a inspirarte coas súas historias.
O monte coñecido como “A Panda da Dá” é un espazo forestal xestionado baixo un modelo sustentable que busca equilibrar a produción de madeira coa conservación dos ecosistemas e a integración coa comunidade local.
Desde a súa adquisición por parte de Finsa en 1989, o predio foi manexado con criterios de xestión sustentable, converténdose nun dos referentes para a silvicultura responsable en Galicia.
Nos últimos anos, Finsa incorporou o enfoque social á súa xestión forestal, promovendo experiencias e actividades que se veñen desenvolvendo no predio de “A Panda da Dá”. Estas experiencias e actividades deséñanse cun enfoque divulgativo e cultural, promovendo a participación da comunidade local, e ofrecendo aos participantes unha visión global do medio rural no que se asenta a actividade forestal da compañía.
Propiedade: Financiera Maderera S.A. (Finsa)
Superficie certificada PEFC: 400,69 hectáreas desde o 21/06/2004
Localización: As Pontes de García Rodríguez e As Somozas, A Coruña.
O Monte Veciñal en Man Común de Xinzo é moito máis que unha masa forestal: é un proxecto colectivo, construído co esforzo e a ilusión dunha comunidade que, desde hai décadas, traballa para coidar, recuperar e dar vida ao seu territorio. A historia da Comunidade de Montes de Xinzo é a historia dun compromiso firme co ben común, coa sustentabilidade e co desenvolvemento local.
A través de xeracións, veciñas e veciños organizaron, xestionaron e dinamizaron os seus montes, impulsando iniciativas que van desde a reforestación e a loita contra os incendios ata a creación de espazos culturais, deportivos e sociais que hoxe en día seguen a dar froitos. Grazas a este labor continuado, o MVMC de Xinzo é un exemplo vivo de como a xestión comunitaria pode transformar un territorio e facelo medrar con sentido e con raíces fondas.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo
Superficie certificada PEFC: 482,5349 hectáreas desde o 07/09/2010
Localización: Ponteareas, Pontevedra.
O Monte Veciñal en Man Común de Baroña, situado no concello de Porto do Son, A Coruña, conta cunha superficie certificada de 777,10 hectáreas e representa un modelo de xestión forestal sostible e multifuncional.
A maior parte da superficie arborada está ocupada por masas de piñeiro do país, que presentan bo vigor e estado fitosanitario axeitado, malia que os crecementos son moderados, debido principalmente á proximidade ao mar, véndose influenciado polos fortes ventos e a salinidade.
Consciente dos retos e das potencialidades do seu territorio, Baroña aposta pola diversificación de usos, combinando produción forestal con pastos, leñas, cogomelos, mel, enerxía eólica, actividades recreativas, caza, protección e posta en valor do patrimonio cultural, conservación ambiental e paisaxe.
A Comunidade traballa para que o monte sexa un motor social e unha fonte de emprego na contorna, promovendo a contratación de persoal propio para a realización das tarefas silvícolas, obras de mellora e xestión dos recursos dispoñibles.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña.
Superficie certificada PEFC: 777,1022 hectáreas desde o 23/02/2011.
Localización: Porto do Son, A Coruña.
O Monte Veciñal en man común (MVMC) de Areas, situado no municipio de Tui (Pontevedra), está suxeito a un modelo de xestión forestal sostible fundamentado na produción forestal, a multifuncionalidade, a conservación do medio ambiente e a prevención activa de incendios forestais. Esta xestión está aliñada cos principios do selo de certificación PEFC, do cal forma parte este monte.
Ao longo dos últimos anos, a comunidade xestora do monte demostrou unha clara vontade de integrar criterios de conservación ambiental cunha xestión produtiva racional. O obxectivo é asegurar que os recursos forestais xeren beneficios para a comunidade veciñal sen comprometer a saúde dos ecosistemas nin a biodiversidade do territorio.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Areas.
Superficie certificada PEFC: 86,06 hectáreas desde o 31/08/2015
Localización: Tui, Pontevedra.
O Monte Veciñal en Man Común de Biduedo e Serra do Eixe está situado no concello de A Veiga, na provincia de Ourense, e pertence aos veciños e veciñas de Riomao. Trátase dun monte recoñecido oficialmente como veciñal en man común desde o 27 de outubro de 1976, cunha ampla extensión de 1.668 hectáreas.
Este monte representa un exemplo claro de como a xestión comunitaria, sostible e innovadora pode poñer en valor o patrimonio forestal, contribuíndo ao desenvolvemento rural, á conservación da biodiversidade e á xeración de coñecemento científico en Galicia.
Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Riomao
Superficie certificada PEFC: 1.668 hectáreas desde o 16/06/2022
Localización: A Veiga, Ourense.
Entre as suaves elevacións do val do río Tambre, nunha contorna de clima húmido e temperado, o monte Santarandel reúne diferentes formas de vida e paisaxe.
Baixo a unha xestión responsable, o monte é hoxe un territorio onde a produción forestal convive coa conservación, destinándose unha parte significativa da súa superficie á protección da biodiversidade.
Propiedade: ENCE, Energía y Celulosa, S.A.
Superficie certificada PEFC: 91,70 hectáreas desde o 31/12/2015.
Localización: Boimorto, A Coruña.
























