O Monte Veciñal en man común (MVMC) de Areas, situado no municipio de Tui (Pontevedra), está suxeito a un modelo de xestión forestal sostible fundamentado na produción forestal, a multifuncionalidade, a conservación do medio ambiente e a prevención activa de incendios forestais. Esta xestión está aliñada cos principios do selo de certificación PEFC, do cal forma parte este monte.

Ao longo dos últimos anos, a comunidade xestora do monte demostrou unha clara vontade de integrar criterios de conservación ambiental cunha xestión produtiva racional. O obxectivo é asegurar que os recursos forestais xeren beneficios para a comunidade veciñal sen comprometer a saúde dos ecosistemas nin a biodiversidade do territorio.

Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Areas.

Superficie certificada PEFC: 86,06 hectáreas desde o 31/08/2015

Localización: Tui, Pontevedra.

Madeira de calidade e innovación na xestión forestal

Produción de madeira de calidade e innovación na xestión forestal

O MVMC de Areas especializouse na produción de madeira de calidade mediante o manexo silvícola coidadoso de Pinus pinaster (38,28 ha), Eucalyptus globulus (4,58 ha), Pinus taeda (0,59 ha), Frondosas autóctonas (máis de 4 ha) e Redes de Xestión de Biomasa e áreas recreativas (19,26 ha). As superficies forestais dedicadas a produción madeireira son 43,4 ha, con quendas de curta adecuados aos modelos silvícolas vixentes e con tratamentos orientados a obter produtos de alto valor engadido.

A introdución de Pinus taeda marca unha aposta pola innovación. Esta especie, orixinaria do sueste de EE. UU., é avaliada no monte como unha alternativa adaptada ao cambio climático e resistente a pragas como a banda vermella ou o nematodo do piñeiro.

A comunidade realiza un seguimento técnico destas plantacións experimentais, co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre o seu comportamento silvícola e a súa idoneidade para futuras repoboacións.

Silvicultura activa

Silvicultura activa en masas de Pinus pinaster e frondosas autóctonas.

A xestión forestal no MVMC de Areas baséase nunha silvicultura activa e planificada. Nas masas de Pinus pinaster aplícanse podas baixas nos primeiros anos para eliminar ramas laterais e podas altas para mellorar a calidade do fuste. Estes tratamentos compleméntanse con clareos e claras que permiten reducir a competencia e favorecer o crecemento dos mellores individuos.

Nas frondosas autóctonas, os tratamentos inclúen clareos, podas de formación ou sanitarias e control da matogueira. Foméntase o mantemento das masas naturais do monte e a reposición de marras de forma artificial nos claros das formacións de frondosas que o monte estivo recuperando durante vos últimos anos.

As rozas periódicas son unha práctica clave, tanto en coníferas como en frondosas, para evitar a acumulación de combustible vexetal, reducir o risco de incendio e manter unha contorna favorable para o desenvolvemento das masas forestais. Estas actuacións tamén melloran a accesibilidade e visibilidade do monte, facilitando outros labores de xestión e a súa vocación didáctica.

Frondosas, franxas devasas e xestión da biomasa

Plantacións de frondosas autóctonas: aposta pola resiliencia e a biodiversidade

Unha das liñas principais de actuación foi o impulso á plantación de frondosas autóctonas como Quercus robur, Betula pubescens, prunus avium ou Castanea sativa. Estas especies están a ser favorecidas fronte a coníferas como Pinus pinaster ou especies de crecemento rápido como o Eucalyptus globulus, recuperando micro reservas de biodiversidade dentro do monte.

Estas frondosas presentan características clave para o futuro do monte: maior resistencia a pragas, mellor integración paisaxística e capacidade para formar chans máis ricos e estables. A selección de especies foi realizada en función da súa adaptación ecolóxica á contorna e a súa funcionalidade na mellora de hábitats.

No deseño das unidades de ordenación, delimitáronse rodales específicos nos que se aplican quendas longas, tratamentos de baixa intensidade e seguimento técnico para asegurar o establecemento exitoso destas especies. Tamén se fomenta a rexeneración natural e artificial, mantendo unha cobertura de matogueira baixa control que facilite o desenvolvemento das novas frondosas.

As frondosas como elementos de fragmentación en franxas devasas

A substitución estratéxica de zonas concretas de especies produtoras por franxas de frondosas autóctonas constitúe unha medida estrutural de prevención fronte a incendios forestais. Estas franxas actúan como barreiras de combustible descontinuo que dificultan a propagación horizontal e vertical do lume.

O deseño destas franxas considerou factores como a topografía, os ventos dominantes e a accesibilidade para medios de extinción. As especies seleccionadas para formar estas barreiras presentan maior contido hídrico nas súas follas, menor inflamabilidade e estruturas que non favorecen a continuidade do lume en copas.

Estas actuacións teñen un efecto adicional moi positivo: xeran corredores ecolóxicos que conectan rodales de frondosas dispersos, mellorando a conectividade ecolóxica da paisaxe e proporcionando hábitat a fauna silvestre de interese.

Redes de Xestión de Biomasa apoiadas en frondosas autóctonas: mosaico funcional de prevención

O mantemento de franxas arborizadas de frondosas nas marxes da rede viaria do monte responde a unha dobre función: defensa contra incendios e mellora ambiental.

Estas redes crean un mosaico forestal máis resistente ao lume, evitando a homoxeneidade de grandes masas continuas de coníferas.

As especies utilizadas foron coidadosamente seleccionadas en función da súa adaptación ecolóxica e comportamento en incendios.

Ademais, estas franxas contribúen a mellorar a paisaxe, protexer a infraestrutura viaria do risco de incendio e facilitar o seu uso como liña de defensa ou devasa en situacións de emerxencia.

Estas bandas están sometidas a rozas periódicas, revisión do arborado, seguimento do rebrote e tarefas de mantemento que aseguran a súa funcionalidade a longo prazo como infraestrutura verde de defensa forestal.

Educación ambiental e implicación social

Compromiso coa educación ambiental e a implicación social

Cada ano, coincidindo co Día da Árbore, a comunidade de montes organiza xornadas participativas cos centros educativos de primaria da contorna. Durante estas actividades, nenos e nenas plantan frondosas autóctonas, aprenden sobre as especies do monte e reflexionan sobre a importancia de coidar o medio ambiente.

Ademais, prográmanse visitas didácticas ao monte, nas que técnicos e representantes da comunidade explican o modelo de xestión, os valores ecolóxicos do territorio e as ameazas como incendios ou especies invasoras.

Estas accións fortalecen a identidade territorial, a conciencia ecolóxica e o vínculo entre a poboación e o seu monte, garantindo a substitución xeracional na xestión comunal.

Compromiso con PEFC

Compromiso coa certificación PEFC

A pertenza do MVMC de Areas ao sistema de certificación PEFC, garante que as actuacións forestais realízanse baixo estándares estritos de sustentabilidade, rastrexabilidade de produtos e responsabilidade social.

Entre os principios que se aplican destacan: o mantemento da capacidade de produción do monte, a conservación da biodiversidade, o respecto dos dereitos veciñais e o fomento do emprego rural mediante actividades forestais planificadas.

A certificación tamén require un seguimento e avaliación continua dos obxectivos do plan de ordenación, o que asegura que se implementen medidas correctoras e de mellora adaptativa cando sexa necesario.

Conclusión

A xestión forestal desenvolvida no Monte Veciñal en Man Común de Areas constitúe un exemplo de equilibrio entre a conservación da biodiversidade, a produción sostible e o compromiso social. O modelo de ordenación implantado demostra que é posible conxugar a multifuncionalidade do monte cunha silvicultura activa e adaptativa, deseñada para responder os desafíos ambientais actuais e futuros.

A aposta decidida polas frondosas autóctonas, tanto en plantacións como en franxas de defensa e Redes de Xestión de Biomasa, xerou unha estrutura forestal máis diversa, resiliente e funcional. Esta biodiversidade non só mellora os valores ecolóxicos do monte, senón que tamén actúa como unha barreira natural contra pragas, enfermidades e eventos extremos como os incendios forestais.

Ao mesmo tempo, mantense unha vocación produtiva clara, co desenvolvemento de masas de Pinus pinaster e Eucalyptus globulus xestionadas mediante tratamentos silvícolas rigorosos que priorizan a calidade da madeira. Esta produción está orientada a mercados sostibles, certificada baixo o selo PEFC, e cunha visión a longo prazo que garante a renovación e conservación dos recursos.

Finalmente, a comunidade de montes soubo integrar no seu modelo de xestión elementos crave como a educación ambiental, a innovación con novas especies e técnicas, e a planificación coidadosa de cada intervención. Todo iso converte ao MVMC de Areas nun referente de xestión forestal sostible e responsable, capaz de xerar valor para a contorna natural, económico e social no que se insere.

Entidade Certificada. CERNA

DATOS DO CERTIFICADO

Nº certificado

GFA-FM/COC-500241

Nº licenza

PEFC/14-22-00020

Modalidade de certificación

Grupo

Data certificación inicial

11/06/2015

Entidade certificadora

GFA Certification GmbH

CERNA Enxeñería e Asesoría Ambiental, S.L. é unha empresa consultora, creada no ano 2002, que desenvolve a súa actividade no ámbito da Enxeñería Ambiental (Xestión, Enxeñería e Asesoría Ambiental). Ten a súa sede principal en Lugo (Galicia), así como oficinas en Burela (Galicia), Amorebieta (País Vasco), Braga (Portugal) e Vila Real (Portugal). Na actualidade o ámbito xeográfico do seu traballo esténdese polas Comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Aragón, Castela León, Estremadura e Andalucía en España, así como traballos a nivel internacional en Portugal.

CERNA oferta servizos integrais de xestión ambiental a propietarios, xestores, empresas e explotacións agroforestais, industrias de 1ª e 2ª transformación, así como ás diferentes Administracións Públicas.

As principais liñas de traballo de CERNA son: xestión integral de montes, certificación forestal e de cadea de custodia, xestión cinexética integral, xestión de terreos, planificación estratéxica, cartografía, topografía e SIG, formación e divulgación.

En materia de certificación forestal, a aposta de CERNA é clara e arguméntase principalmente nos seguintes fitos:

Foi pioneira en Galicia e España, promovendo activamente a constitución de Grupos de Xestión Forestal nos que se implantou a certificación forestal. Inicialmente desenvolvéronse experiencias de certificación baixo o sistema FSC®, sendo dos primeiros certificados grupais de xestión forestal a nivel nacional con obxectivo eminentemente produtor. Posteriormente, os Grupos de Xestión Forestal fusionáronse e consolidaron a súa certificación a través do Sistema PEFC, constituíndo o Grupo de Xestión Forestal “CERNA Enxeñería e Asesoría Ambiental S.L.”. Así mesmo, CERNA Enxeñería impulsou unha iniciativa grupal con idéntico espírito a través da súa filial portuguesa -ATTRACTIVE CASCADE UNIPESSOAL LDA-, para a certificación da xestión forestal levada a cabo polos propietarios/xestores portugueses.

Ao mesmo tempo constituíronse dous Grupos orientados á certificación da Cadea de Custodia polos diferentes Sistemas, nos que se integraron pequenas e medianas empresas, fundamentalmente de explotación forestal e primeira transformación, radicadas en España e Portugal, e que son coordinadas e asesoradas por CERNA Enxeñería como entidade de grupo.

A participación en diferentes proxectos e actividades de divulgación e sensibilización vinculadas á certificación forestal, involucrándose en iniciativas que promoven modelos innovadores de certificación e a mellora continua na xestión forestal, así como accións formativas e informativas en Galicia e Asturias.

A implicación en procesos de revisión e mellora de estándares de certificación forestal, contribuíndo desde o ámbito técnico e empresarial á súa adaptación e aplicación práctica.

O apoio técnico a propietarios e empresas forestais para a certificación da Xestión Forestal e da Cadea de Custodia, elaborando a documentación requirida e realizando os trámites necesarios para a implantación e mantemento dos certificados. CERNA Enxeñería deu tamén pasos na certificación da pegada de carbono, ademais de en certificación de calidade e medio ambiente.

O Grupo de Xestión Forestal “CERNA Enxeñería e Asesoría Ambiental S.L.” conta na actualidade con cerca de 60.000 ha certificadas por PEFC (e outras superficies baixo outros sistemas), sendo un grupo dinámico que incorpora novas Unidades de Xestión Forestal de maneira continua. Dado o ámbito xeográfico que abarca (principalmente noroeste e norte peninsular), destaca a súa vocación produtiva en madeira de especies dos xéneros Eucalyptus e Pinus, aínda que tamén inclúe masas de frondosas autóctonas e superficies con hábitats de interese.

Para un óptimo funcionamento do Grupo de Xestión Forestal, CERNA Enxeñería desenvolveu e implementa o Sistema de Xestión Forestal de Grupo (SGC), unha ferramenta que facilita a xestión, seguimento e control dos diferentes compoñentes do grupo, articulando os procedementos necesarios para garantir unha certificación forestal rigorosa e eficaz.

Cabe destacar entre os principais valores da entidade:

Rigor: gusto e satisfacción polas cousas ben feitas a través dun traballo constante, permanente dedicación e liñas de innovación.

Sobriedade: integridade e consistencia das solucións seleccionadas, de maneira que sexan óptimas e o valor xerado supere as expectativas de partida.

Equilibrio: estabilidade na estrutura e xestión empresarial que permita ofertar en todo momento un servizo de calidade.