Ponte Maceira é parada obrigada no Camiño de Fisterra, xa documentada nas fontes históricas. No ano 2020, foi recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España polos seus valores culturais e ambientais, e catalogado como Ben de Interese Cultural. Aquí falaremos de como os camiños articularon o noso territorio ao longo do tempo, facilitando o intercambio de bens, ideas e valores entre os distintos pobos e culturas que interconectan. Falaremos tamén das árbores da contorna e da vinculación camiños e o sector forestal, mentres descansas baixo unha das súas copas.

PEFC considera que unha infraestrutura viaria adecuada resulta indispensable para o cumprimento dos obxectivos de xestión, os usos e a defensa do monte.

Os Camiños
A Ponte
Os Cruceiros
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Os Camiños

Os camiños non son elementos estáticos senón dinámicos, que responden ás circunstancias e necesidades das comunidades ás que se asocian en cada momento e lugar. A súa construción implica un grado de intervención no medio que varía segundo as épocas; na prehistoria, por exemplo, trátase apenas de sendas marcadas no terreo, mentres que en época moderna a súa execución implica desmontes, recheos, etc. En todo caso, a construción de camiños denota un coñecemento específico e experto do territorio por parte das comunidades.

Os túmulos neolíticos (tamén chamados mámoas ou medorras) emprázanse ao longo das vías de tránsito que marcan as divisorias das augas, marcando as zonas óptimas de paso. 

A aparición das sociedades xerarquizadas na Idade do Ferro implica o xurdimento de centros de poder máis ou menos afastados que interactúan entre eles, o que deriva na creación dunha rede de camiños de curta, media e longa distancia que posibilita eses intercambios.

Esta rede multiplícase coa conquista romana, non só porque emerxen novos núcleos de poder, senón tamén porque o propio Imperio fomenta a súa construción, entendendo que son un elemento chave para o bo funcionamento do seu sistema social, político e económico.

Na Idade Media, o achado da tumba do Apóstolo Santiago constitúe un punto de inflexión. Compostela convértese no centro da Gallaecia, nun dos principais núcleos de Europa e nunha das tres capitais de peregrinación da cristiandade. Desde ese momento, pasou a ser o destino da maior parte dos camiños de longa distancia e isto derivou nunha reorganización e xerarquización da totalidade da rede.

A existencia de vías de comunicación é un dos factores que condicionan o emprazamento dos núcleos de poboación; por iso é tan habitual en Galicia que os asentamentos se dispoñan dun xeito lineal nas marxes dos camiños. A consolidación a finais do século XI das rutas de peregrinación a Compostela acentúa este proceso, pois foméntase a creación de novos asentamentos á beira das rutas cos que garantir o control sobre o territorio e o tránsito de mercadorías, a seguridade e a oferta de servizos aos peregrinos a través de equipamentos específicos como hospedaxes ou hospitais.

Ata o s. XVII, os camiños eran de ferradura e de pé; é dicir, pensados para a mobilidade de persoas e cabalos. Porén, no s. XVIII, o Estado acomete a construción dos chamados Camiños Reais pensados xa para o tránsito de carruaxes de rodas. O obxectivo era facilitar o intercambio comercial entre as distintas rexións; por iso, a caixa destes camiños era moito máis ancha ca dos anteriores, realizábanse tarefas de mantemento máis a miúdo, estaban sometidos a unha maior vixilancia para garantir a seguridade dos usuarios, e dotáronse de infraestruturas de apoio, como postas para descanso dos viaxeiros. Como noutros tempos, a traza dos camiños reais seguía en moitas ocasións o trazado de vías anteriores.

Ese mesmo proceso repetiuse no s. XIX cando se empezaron a construír estradas. Reaproveitábase o itinerario dos camiños reais, modificando determinados aspectos que podían contribuír a mellorar as comunicacións (ampliación da plataforma de rodaxe, rectificación de curvas pechadas, deseño de tramos alternativos nas zonas de maior pendente, etc. ).

É dicir, a nosa extensa malla de camiños resulta da suma e reaproveitamento de vieiros construídos en distintos períodos, que se someten a transformacións de maior ou menor envergadura para dar resposta ás necesidades e intereses de cada período histórico. E os Camiños de Santiago non foron unha excepción.

A primeira referencia inequívoca ao Camiño de Fisterra como camiño internacional de peregrinación aparece no ano 1283. A romaxe a Santa María de Fisterra existía xa con anterioridade a esa data, pero tiña un alcance local ou comarcal. Desde Compostela podían tomarse varias vías para chegar á fin do mundo, e todas elas cruzaban o río Tambre. A máis antiga cruzaba pola desaparecida ponte de Ons, localizada no linde entre os actuais concellos de Negreira e Brión, e que segundo a tradición veu abaixo cando as tropas romanas perseguían aos discípulos do Apóstolo Santiago, que se dirixían a Compostela co seu corpo sen vida. A outra é a que finalmente se consolidou como camiño de peregrinación e cuxo trazado coincide co Camiño Real entre Santiago e Corcubión. Esta vía ofrece algunhas variantes, pero na documentación histórica noméanse sempre unhas etapas obrigadas; entre elas, Ponte Maceira, localizada no linde entre os concellos de Negreira e Ames.

A Ponte

A ponte que ves hoxe en día foi construída entre os séculos XIII e XIV pola mitra compostelá, co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra, Corcubión, Cee e Muxía, controlando o acceso e as mercadorías. Como todas as pontes medievais, presenta un perfil alombado, cun arco apuntado de 14m de luz no centro e dous arcos de medio punto a cada lado, de 6m de luz. Ademais, en cada acceso construíuse un aliviadoiro para facilitar a evacuación da auga en períodos de enchente.

A ponte érguese directamente sobre a rocha, e é na súa cimentación (que presenta un aparello diferente ao empregado no resto da ponte) onde algúns historiadores ven a orixe romana da estrutura; mais esta cuestión non está confirmada dende un punto de vista arqueolóxico. Atribuír orixes romanas ás pontes medievais é lóxico tendo en conta como se foi conformando a rede viaria no noso país. Así, seguindo esta mesma lóxica, a existencia dun asentamento da Idade do Ferro a uns 300m ao S (o Castro de Piñor) confirmaría o reaproveitamento constate dos camiños e o papel estratéxico que xogou esta zona ao longo do tempo na comunicación entre o interior e a costa.

Augas abaixo, o topónimo A Barquiña alude a un paso con barca anterior á existencia da ponte. Existían tamén outras solucións, como as pontellas ou os pasos, das que falaremos en Vaosilveiro, no concello de Muxía.

No ano 2020 iniciáronse os trámites para declarar A Ponte Maceira como ben de interese cultural, o máximo grado de protección que contempla a nosa lexislación. Tamén nese ano foi recoñecido como un dos pobos mais bonitos de España pola asociación que outorga esta distinción. En ámbolos dous casos, aínda que a ponte é o detonante, tense tamén en conta o valor ambiental de todo o conxunto.

A Ponte Maceira cruza o río Tambre, un dos ríos máis destacados da nosa Comunidade, que  converte a zona nun entorno natural de especial beleza. A vexetación ripícola asociada ao río, ademais de posuír un gran valor paisaxístico (Área de Especial Interese Paisaxístico), ten unha elevada importancia ecolóxica, regulando o microclima do río, asegurando estabilidade nas beiras, conformando un hábitat ideal para numerosas especies animais e vexetais, actuando como filtro de sedimentos e substancias nocivas no leito, e como non, proporcionándonos sombra e refuxio no noso Camiño ata chegar ao seguinte fito que é a vila de Negreira. 

Neste tramo, o trazado coincide coa Ruta dos Tres Pazos, un percorrido circular de 15’5km que une tres casas señoriais: o Pazo de Baladrón (Ponte Maceira), o Pazo de Albariña (Logrosa) e o Pazo do Cotón (Negreira).

Os Cruceiros

Se falamos de camiños temos que falar tamén de cruceiros. Alí onde mires, has de ver un; en Galicia hai máis de 15.000 e o proceso de catalogación aínda segue en marcha. 

Os cruceiros comezan a popularizarse no s. XVI. Son monumentos relixiosos en forma de cruz, erixidos en pedra, illados ou formando parte dun vía crucis. Están compostos por unha plataforma dunha ou máis gradas na que te axeonllas para rezar; un pedestal no que pode haber unha inscrición co ano, autor ou motivo da construción; o fuste; o capitel (que pode ser substituído por unha pequena capela); e coroando o conxunto, unha cruz. O fuste e mailo capitel poden ter ou non decoración. No caso de tela, os motivos máis habituais no fuste son escaleiras, serpes, caveiras e tibias, ou os instrumentos da paixón; na cruz soe representarse á virxe mirando ao leste (ao nacemento do sol) e a crucifixión ao oeste (ao solpor).

Os cruceiros teñen distintas funcionalidades. Emprázanse nas encrucilladas dos camiños, servindo como sinalización e protección (sobre isto afondaremos ao teu paso por Dumbría). Tamén se colocan onde sucedeu unha morte tráxica para conmemorar ao defunto, para espiar algunha mala obra, para dar grazas por algún beneficio obtido de Deus ou como testemuña dunha promesa que se realiza. Tamén indican a proximidade dunha igrexa ou camposanto, así como os lindes dunha parroquia ou concello.

Nos enterros, rezábase en cada cruceiro polo que pasaba o cortexo fúnebre. Os nenos que morrían antes de seren bautizados non podían recibir sepultura nos camposantos, polo que en moitas ocasións eran soterrados ás agachadas ao pé dos cruceiros, ao considerarse que así estaban máis próximos ao ceo. Aínda hoxe en día moitas procesións das festas parroquiais dan a volta ao redor dun cruceiro, o que mostra a súa importancia no noso imaxinario.

O Papel de PEFC

Unha infraestrutura viaria adecuada resulta indispensable para o cumprimento dos obxectivos de xestión, os usos e a defensa do monte.

Dita rede pode estar constituída por infraestruturas de uso público que lle dan servizo e polas pistas forestais do propio monte, polo que resulta imprescindible dispoñer dunha adecuada rede viaria tanto en densidade como no seu estado.

A infraestrutura viaria ten como función principal facilitar a accesibilidade aos sistemas forestais para a súa xestión, para a extracción dos produtos, para a protección contra os incendios, para a supervisión fitosanitaria, para a comodidade dos visitantes, etc.

No caso de aproveitamentos madeireiros, é necesario tomar as medidas oportunas, para racionalizar as vías de saca ou trochas e limitar o largo da vía ao estritamente necesario para o paso e traballo da maquinaria. Recoméndase romper a continuidade das vías de saca a fin de reducir os danos por vento e diminuír o impacto paisaxístico. Na medida do posible, a vía de saca non coincidirá ou respectará os bosquetes de frondosas e minimizarase o número de ramais cegos da rede viaria forestal, evitando tramos de excesiva pendente e construíndo obras de drenaxe tecnicamente xustificadas.

As vías pecuarias, adscritas ao tránsito dos gandos, que viñeron cumprindo tradicionalmente unha dobre finalidade: poñer en comunicación as zonas de pastoreo estacional e proporcionar alimento ao gando durante os seus desprazamentos. Igualmente poden considerarse como corredores verdes de alto interese ecolóxico para o mantemento da biodiversidade natural.

En paralelo coa citada concepción ecolóxica, foi consolidándose a idea, ante unha demanda social cada vez máis intensa, de poñer as vías pecuarias ao servizo da cidadanía, de forma tal que, sen contradición co uso pecuario, poidan realizarse outros usos compatibles e complementarios con este (paseo, sendeirismo, cabalgada, etc.)

2. Ventosa
Subir
4. Negreira

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia