Tras o teu paso pola carballeira do Alto do Vento chegarás ao Bosque do Peregrino, un emprazamento que conta cun miradoiro de madeira rodeado dunha pequena plantación de frondosas autóctonas, que ofrece unha panorámica do val da Maía que permite comprender as principais características da paisaxe rural galega; e o papel que xogan o val, a aldea e a parroquia na súa configuración, historicamente e aínda hoxe en día. 

Para PEFC, as paisaxes son espazos que, polos seus valores singulares, estéticos, culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, deben ser considerados na xestión forestal. 

Que saber?
Toponimia & Monte
OUTROS PUNTOS DE INTERESE
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Que saber?

A paisaxe é unha construción histórica froito da interacción entre a natureza e o ser humano. Por iso, a paisaxe atópase en constante transformación; non é unha realidade estática. E tamén por iso, comprender a paisaxe permite achegarse ás comunidades que a habitan.

Ata a Idade do Ferro, as comunidades ocupaban as partes altas das serras, por ser estas as máis óptimas para a supervivencia de sociedades baseadas na caza e na recolección de alimentos, así como para aquelas que empezaban xa a traballar a terra pero con ferramentas moi básicas. Son os galaicos (ou castrexos) os que comezan a descender cara as terras baixas, apoiándose no perfeccionamento das ferramentas agrícolas e consolidando a agricultura como forma de vida. Ese descenso paulatino vai continuar ao longo dos séculos, convertendo ao val no eixo da organización territorial galega.

Habitar o territorio implica sempre unha certa intervención sobre este. Porén, será a partires da chegada dos romanos cando se interveña de forma máis activa nel, creando paisaxes construídas por bancais, camiños, canais de rego…que domestican a paisaxe. Comeza así a substitución do natural por un medio artificializado, que vai en incremento co paso dos séculos.

Desde o miradoiro de Ventosa ou Bosque do Peregrino, estás a ver o Val da Maía. Os núcleos de poboación localízanse na parte baixa, onde tamén se sitúan as zonas de cultivo e pasto, pois alí atópanse os solos máis ricos e húmidos; as abas dedícanse ao aproveitamento forestal, pois son máis difíciles de traballar pola pendente; e nas terras altas atópase a vexetación que se adapta a solos máis pobres. A ocupación do territorio está condicionada, polo tanto, polas características dos distintos pisos ecolóxicos.

Desde o miradoiro podes recoñecer tamén outras características do poboamento en Galicia. Observarás que as casas esténdense por todo o val. En Galicia, a densidade de ocupación do territorio é elevadísima; de feito, a metade dos núcleos de poboación de España localízanse aquí.

Repararás tamén en que é complexo determinar se se trata dun único núcleo de poboación ou de varios moi próximos. No rural galego, as casas agrúpanse en pequenos núcleos chamados aldeas (a veces, mesmo en unidades máis pequenas, como lugares ou casais), que poden estar preto ou afastadas entre si, sendo moi variadas as formas de transición entre unhas e outras. Pero en todo caso, as aldeas sempre están comunicadas a través de multitude de camiños e vinculadas por relacións inmateriais, como festas ou traballos comunitarios de mantemento de bens comúns. Á súa vez, as aldeas agrúpanse en parroquias; un concepto vencellado ao cristianismo que alude ao territorio que está baixo a dirección espiritual dun párroco, pero que é herdeira de formas de organización colectiva anteriores, polo que sendo o val o elemento en torno ao cal se organiza a vida, é lóxico que os lindes das parroquias coincidan coas contornas destes.

A parroquia é a unidade administrativa básica e a agrupación de varias configura un concello; varios concellos constitúen unha provincia, sendo as catro provincias galegas A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Porén, é a aldea ou a parroquia a que define a identidade no rural galego.

A urbanización inmediata ao miradoiro lévanos a falar tamén dun fenómeno habitual na actualidade. Desde a segunda metade do s. XX estase a producir un éxodo de poboación cara núcleos urbanos que deriva nun progresivo abandono do medio rural e do sistema agro-pastoril-silvícola que o sustentaba tradicionalmente. Moitos dos que se van, manteñen a súa vivenda pero só para ocupala en períodos vacacionais. Entre os que quedan, algúns seguen a dedicarse ao sector primario, noutros casos, o aproveitamento agrícola e forestal vai perdendo peso e compleméntase con outras actividades como o turismo rural. Porén, cada vez son máis as persoas que traballan noutros sectores nas vilas ou cidades pero viven nas aldeas, ben porque naceron alí e manteñen a súa vivenda, ben porque non sendo nados, buscan mellorar no rural a súa calidade de vida. Este fenómeno é moito máis acusado nos concellos limítrofes coas grandes cidades.

Toponimia & Monte

Presta atención á toponimia! 

Os topónimos son os nomes cos que identificamos os distintos espazos do territorio. Habitualmente, aluden a algunha característica especial da zona ou á construción máis significativa que alí se localiza, ao uso que se lle daba a esa parte do territorio e ás especies vexetais máis abundantes. Por iso, o seu estudo permite afondar na nosa historia.

O nome de Ventosa alude ás condicións climáticas da zona. Na túa viaxe atravesarás outros núcleos que responden a esa mesma lóxica, e poderás observar o elevado número de lugares que a través do seu nome transmiten a importancia dos montes e do arborado nesa localización: CASTIÑEIRO DE LOBO, CARBALLO, OUTEIRO, SUSAVILA DE CARBALLO, TRASMONTE, SALGUEIRO…

A dispersión dos núcleos de poboación, o reparto da terra en parcelas moi pequenas (minifundismo) e a orografía irregular son algúns dos factores que explican que en Galicia se localicen máis de 38.000 nomes de núcleos de poboación (un terzo do total de España) e máis de 2.000.000 de microtopónimos.

Porén, o envellecemento da poboación e a transformación dos modos de vida tradicionais están a por en risco esa riqueza. Para salvagardala, a Xunta de Galicia vén de por en marcha a plataforma Galicia Nomeada: introduce o nome do núcleo de poboación e verás todos os topónimos documentados ata o de agora nos arredores.

Petróglifo da Peneda Negra

As terras altas foron ocupadas polas sociedades prehistóricas; cada unha delas, cun modelo de ocupación do territorio distinto. As terras altas que rodean o Bosque do Peregrino están inzadas de petróglifos da Idade do Bronce. Con só xirarte e deixar o val ás túas costas, poderás achegarte á nosa prehistoria a través do parque ao aire libre Compostela Rupestre.

VISITA: localízase no monte, pero non está sinalizado, así que é preciso XPS.

Fonte: Idoliforme. Colectivo a Rula.

Os petróglifos son gravados feitos na rocha; nalgúns casos co obxectivo de delimitar un territorio, noutros son marcas de propiedade ou marcan camiños. En Galicia hai máis de 3.400 petróglifos catalogados, tanto prehistóricos como de época histórica. Os prehistóricos foron feitos con ferramentas de pedra e os históricos con instrumentos metálicos polo que os sucos son diferentes, pero non sempre é sinxelo diferencialos. Os motivos gravados si son distintos. Nos prehistóricos represéntanse círculos, cazoletas, espirais ou figuras antropomorfas, se seguen un estilo xeométrico; armas, cabalos ou cervos, se seguen un estilo naturalista. Nos petróglifos históricos abundan as cruces (que cristianizan lugares pagáns ou marcan lindes) e as ferraduras.

Os concellos de Compostela, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra veñen de constituír o parque ao aire libre Compostela Rupestre, do que forman parte moitos dos gravados que se localizan na contorna de Ventosa. A maior parte deles foron feitos hai uns 4.000 anos na Idade do Bronce; entre eles, o Petróglifo da Peneda Negra. Aquí podes descargar a súa posición e un calco, pois a erosión da rocha e as condicións de luz poden condicionar a súa visualización.

Localízase en ladeira, mirando cara o val e cun bo control visual do mesmo, como é característico neste tipo de petróglifos. A rocha ten uns 80m x 20m, e os gravados concéntranse na parte mais plana. A gran maioría das representacións son cazoletas, círculos simples, círculos con cazoletas no interior, combinacións circulares ou semellantes, pero tamén hai dúas figuras de animais; unha delas, un cervo macho de grande cornamenta.

O Papel de PEFC

Integrar o coñecemento relacionado coa paisaxe na xestión do territorio forestal.

As paisaxes son espazos que, polos seus valores singulares, estéticos, culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, deben ser considerados na xestión forestal. 

Fomentar entre os propietarios e xestores forestais o coñecemento relacionado coa presenza de valores recreativos, paisaxísticos e culturais nos seus terreos e as implicacións que as súas accións poden ter na súa conservación, é un dos moitos obxectivos de PEFC. 

Para acadar a certificación dun monte, o propietario ou xestor forestal debe contar cunha planificación, é dicir, cun instrumento de xestión elaborado por enxeñeiro/a forestal ou de montes e visado polo Colexio profesional correspondente ou aprobado pola Administración competente. No documento de xestión realízase unha radiografía da superficie forestal: inventario de especies, estado sanitario, a existencia ou non de limitacións de uso do monte, ou afectación por algunha figura de especial protección (Espazos Naturais Protexidos, Rede Natura, Áreas de Especial Interese Paisaxístico, especies ameazadas, elementos patrimoniais..). Coa diagnose da situación realizase unha planificación axeitada do territorio.

1. Compostela
Subir
3. Ponte Maceira

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia