Os pazos son un dos elementos máis recoñecibles da identidade galega; símbolo de poder económico, político e social. Partindo do Pazo de Baladrón en Ponte Maceira gozando da sombra que nos ofrece a vexetación de ribeira, o Camiño de Fisterra pasa por Logrosa a carón do Pazo de Albariña, e atravesa a vila de Negreira baixo os arcos do Pazo do Cotón. Ese é só un tramo da Ruta dos Tres Pazos; se te animas, continúa polo paseo fluvial do río Barcala, e chegarás á Área Recreativa de Covas.

Unha escapada ao Miradoiro do Cotro permitirache albiscar varios espazos protexidos pola Rede Natura 2000, ademais dunha paisaxe espectacular. 

Con PEFC, os propietarios forestais saben se o seu monte está incluído nun espazo protexido, ou afectado por calquera outra, téndoo en conta na súa planificación. 

Ruta dos Tres Pazos
Os Pazos
Miradoiro do Cotro
O papel de PEFC
Volver ao mapa

A Ruta dos Pazos

O trazado oficial do Camiño de Fisterra parte do Pazo do Cotón cara a Igrexa de San Xián de Negreira e Zas. Con todo, hai uns anos habilitouse un itinerario alternativo que discorre en paralelo ao río Barcala (afluente do río Tambre), moi preto do pazo, e que forma parte da Ruta dos Tres Pazos .

Esta ruta de sendeirismo, trátase dunha ruta circular de 15,5km coincidente en parte polo teu Camiño, pasando a carón do Pazo de Baladrón en Ponte Maceira, do Pazo de Albariña en Logrosa, e do Pazo do Cotón en Negreira. Se continúas a ruta polo paseo fluvial, que tamén forma parte dunha variante alternativa ao Camiño de Fisterra-Muxía, poderás identificar diferentes especies arbóreas á beira do río como ameneiros, bidueiros,.. incluso, dependendo da época do ano, poderás apañar as castañas que inundan algunhas partes do paseo. Párate nunha das pontellas de madeira, e escoita a natureza, o murmurio das follas ao seren movidas polo vento, o movemento das augas e de pequenas fervenzas, o cantar dos paxaros. Sen decatarte chegarás á área recreativa de Covas ou Refuxio de Pescadores.

Os Pazos

Os pazos son casas señoriais localizadas en contornas rurais, nas que vivía o fidalgo propietario das terras derredor. Erguéronse entre os séculos XVII e XIX, pero moitos deles teñen a súa orixe en construcións defensivas medievais, de aí as torres, as ameas e as seteiras.

Pazo de Baladrón

Pazo de Baladrón

A parcela na que se localiza o pazo delimítase cun muro e nela localízanse os xardíns e construcións adxectivas; segundo o refraneiro “pombal, capela e ciprés, pazo es”. Máis aló dese recinto, atópanse os terreos que traballan as xentes do lugar, pagando unha renda por elo, ben en especie, ben en cartos. Na Idade Media existían xa este tipo de figuras. O foro era un contrato perpetuo ou de longa duración no que o propietario (forista) lle cede a outro as terras (foreiro) a cambio dun canon e do cumprimento de certas condicións, retendo para si o dominio directo sobre elas pero cedendo o dominio útil. En 1926, estipulouse por lei a extinción deste tipo de contratos, debendo pagar o foreiro ao forista unha indemnización para poder quedar coas terras. Outra posibilidade era arrendar as terras; pero neste caso, o contrato era temporal (habitualmente, por 9 anos) e o rendeiro non adquiría ningún dereito sobre o ben. O mesmo ocorría no caso dos caseiros, que compartían a xestión da terra co propietario, repartíndose entre eles os produtos xerados (a medias, a terzos ou segundo o acordado). Así é como se mantiñan os pazos. Así, e tecendo redes sociais e matrimoniais que tiñan como obxectivo incrementar o poder político e económico da familia fidalga.

Pazo de Albariña

Pazo de Albariña

O Pazo do Cotón foi construído en época moderna, pero crese que as súas orixes son medievais. Na planta baixa atópanse as dependencias secundarias (cociña, adegas…), no andar nobre os salóns e no terceiro piso os dormitorios. A vivenda conéctase coa Capela de San Mauro mediante unha galería de pedra que se asenta sobre tres arcos de medio punto. Baixo os arcos discorre a Carreira de San Mauro, o Camiño de Fisterra, antigo Camiño Real e, moi probablemente, calzada romana. Se ergues a ollada verás o piso de madeira deste corredor.

Pazo do Cotón

A fachada principal do pazo é de estilo barroco. Mira cara os xardíns, organizados en distintos niveis ou sectores, cada un coa súa propia personalidade, e conectados entre si por escalinatas ou ramplas. Os escudos das familias propietarias penduran dos muros: os Mariño, os Lobeira, os Saavedra e os Luaces.

Todos os domingos celébrase unha feira en torno ó pazo. Podes mercar roupa, calzado, froita, embutidos, queixos, plantas, algún moble e mesmo gando porcino. Aínda co paso do tempo, o pazo segue a ser o centro da actividade da vila. As casetas que se dispoñen paralelas á Carreira de San Mauro foron construídas cara 1950 polo concello, tamén con fins comerciais. Algunhas delas seguen activas.

Miradoiro do Cotro

Precisas un coche para a viaxe que aquí che propoñemos, pero se os pés che piden descanso, aproveita porque non te arrepentirás! 

O Miradoiro do Cotro, atópase a máis de 500m de altura e ofrece unhas vistas espectaculares da ría de Noia e de máis de 20 concellos!. Desde este punto poderás ver o Estuario do Tambre, Lugar de Interese Comunitario (LIC) de 1.581 ha e que conta con aves en perigo de extinción como a Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas. 

Podes avistar a cidade de Compostela e algúns dos cumios chave no imaxinario galego, como o Pico Sacro ou o Monte Pindo.

Recoñecerás o Pico Sacro pola súa forma apuntada. Sitúase no Concello de Boqueixón. Segundo a lenda, os discípulos que transportaban o corpo defunto do Apóstolo Santiago ata Compostela solicitaron audiencia ante a Raíña Lupa, gobernante pagán da comarca, para que lles facilitara o paso. Porén, esta enviounos ao Pico Sacro convencida de que o dragón que nel moraba lles daría morte. Mais non foi así; os discípulos persignáronse ao velo e isto acabou con el. Ante o milagre, a Raíña Lupa e mailos seus súbditos convertéronse ao cristianismo.

O Monte Pindo abarca 4.629ha de terreo no linde entre os municipios de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría. É un macizo de granito de case 630m de altura, tamén fácil de recoñecer. Forma parte do Espazo Natural Carnota-Monte Pindo, un Lugar de Importancia Comunitaria incluído na Rede Natura 2000. Alí medra o roble enano (Quercus lusitanica Lam), o único hábitat en Galicia, especie vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Neste caso, as lendas vencéllano co noso pasado galaico. Falan de mouros, druídas, heroes celtas…que se asocian a formas antropomorfas debuxadas pola erosión nas súas rochas. Pero tamén aquí se documentan lendas da tradición xacobea, como a que fala do tesouro agochado da Raíña Lupa.

O Papel de PEFC

Espazos Forestais Protexidos

Galicia, grazas á súa posición xeográfica e á súa orografía, posúe un incomparable patrimonio natural de excepcional valor, que constitúe un dos principais sinais de identidade da nosa comunidade e que exixe a súa axeitada preservación para satisfacer as necesidades das xeracións presentes e futuras.

A Rede galega de espazos naturais protexidos representa o 13% da superficie total galega. Nela recóllense aqueles espazos naturais que dispoñen dun réxime especial de protección en virtude das diferentes normativas autonómicas, estatais ou comunitarias así como convenios internacionais.

Estes espazos naturais recollen os ecosistemas máis representativos e significativos do territorio galego: costas e rías, lagoas, ecosistemas fluviais, serras do interior, fragas e devesas, etc. A normativa autónomica que regula a protección está recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Pincha aquí para ver o mapa de espazos protexidos de Galicia.

PEFC promove e fomenta entre os propietarios o nivel de coñecemento da lexislación dos espazos protexidos situados no seu territorio, incluíndo a súa identificación, rexistro cartográfico e as afeccións no plan de xestión do monte.

Promover os Plans de Ordenación dos Recursos Naturais dos espazos protexidos e fomentar o establecemento de convenios específicos cos propietarios son obxecto de PEFC para facilitar a sostibilidade na xestión forestal.

Uso Recreativo do Monte

 A conservación do medio é unha das demandas da sociedade actual, pero tamén existe unha elevada demanda social de recreo no monte, que aconsella a creación e mantemento de áreas destinadas a ordenar esta función nas contornas forestais, sobre todo cando se trata de montes de titularidade pública. A cantidade e calidade destas infraestruturas son formas de medir os valores recreativos da rexión.

PEFC fomenta entre os propietarios e xestores forestais o coñecemento relacionado coa presenza de valores recreativos, paisaxísticos, así como os valores históricos, culturais e espirituais dos recursos forestais nos seus terreos e as implicacións que as súas accións poden ter na súa conservación, pero tamén ten como obxectivo estudar a valoración das externalidades que achegan os propietarios de montes nestes usos sociais. 

3. Ponte Maceira
Subir
5. Vilaserío

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia