Paramos aquí, no río Fragoso, para advertirche do perigo : ¡anda solto o vákner! E non é desta besta da única da que debes ter medo: apura o paso porque a Santa Compaña sae cada noite.
O monte é sustento de vida, pero tamén é morte. Pode ser un lugar escuro, lúgubre, no que a vexetación non che deixa ver, onde as bestas ruxen, o vento zoa e ti queres escapar pero non podes, porque o medo tenche paralizado.

O vákner é unha figura mítica descrita polo bispo armenio Mártis de Arzendján, nun relato sobre a súa peregrinación a Fisterra entre 1489 e 1496: “Recibín a bendición de Santiago e cheguei ao extremo do mundo, na praia da Santa Virxe, a un edificio construído pola propia man do apóstolo San Pablo e que chaman Santa María de Finisterre. Atopamos ao Vákner, animal salvaxe grande e moi perigoso. ¿Como vos salváchedes cando compañías de 20 persoas non pode pasar?”.

Atemorizaba aos peregrinos entre os montes do Xallas e a costa fisterrá. Os investigadores din que probablemente fora un can de gran tamaño con brotes de rabia, pero quen sabe…era unha besta feroz, astuto, rápido e cunha forza e agresividade desmedidas. Noutras culturas atlánticas documéntanse figuras semellantes; de feito, o nome pode ter raíz indoeuropea, pois “wagh” significa berrar ou retumbar; en latín “vagio” significa xemer ou choromiquear; en danés “vakker” significa alerta, e en nórdico “varg” significa lobo (vídeo).

O lobishome, un home que se transforma en lobo coa lúa chea a causa dunha maldición ou de xeito voluntario segundo as lendas, é outra das figuras máis populares do noso imaxinario. Pero sen dúbida, a máis estendida e a que causa maior temor é a Santa Compaña. Trátase dun grupo de almas en pena vestidas con túnicas negras e capuchas, que vagan polas noites. Non podes velos, pero están aí. Escoitas os cánticos e os rezos, hai unha densa néboa, o vento zoa e ule a cera…unha campanilla soa… O grupo está encabezado por unha persoa viva que leva nas mans unha cruz e un caldeiro con auga bendita. Esa persoa morrerá ao pouco tempo, a non ser que lle pase a cruz e o caldeiro a outra persoa coa que se atope mentres vaga. Ao día seguinte, non lembra nada, pero hai algo que o consume por dentro e cada día está máis delgado, pálido e cansado, ata morrer.
Se te atopas con ela, ¡fuxe!, ¡sae correndo! E se non che da tempo, debuxa un círculo no chan, tómbate dentro del boca abaixo e comeza a rezar…..¡deixa que pasen, non os mires!. ¿Hai un cruceiro preto? Corre ata el e sube aos chanzos; é lugar sagrado, de aí non che poden levar. Iso si, se hoxe é San Xoán (23 de xuño) ou Día de Defuntos (1 de novembro)….as probabilidades de que saias disto son moi moi moi baixas…















