Olveiroa é outro dos fitos no Camiño a Fisterra; a última parada do peregrino antes da encrucillada do Hospital de Logoso, onde tes que decidir se tomas a ruta directa a Fisterra ou a de Muxía. A Devesa de Anllares localízase a uns 3km de Olveiroa, a carón do río Xallas. É a masa forestal autóctona mais occidental de Galicia e un dos bosques mellor conservados de Europa, así que, paga a pena visitalo!.

Manter o grao de naturalidade dos espazos forestais naturais e seminaturais, é un dos requisitos da certificación forestal PEFC.

Devesa de Anllares
Superficie arborada en Galicia
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Devesa de Anllares

A situación xeográfica de Galicia, as condicións hidrográficas a existencia de macizos montañosos, así como a influencia humana, dan lugar a unha paisaxe heteroxénea con diversidade de formacións arbóreas dependentes da altitude, clima e natureza dos solos.

Os bosques non só son un conxunto de árbores, senón que se trata de complexos ecosistemas dos que forman parte e relación con outras moitas especies vexetais e animais. Podemos considerar varios tipos de bosques: naturais (carballeiras, aciveirais, caxigueirais, etc.) desenvolvidas libremente e sen intervención humana; artificiais, como os piñeirais e eucaliptais de repoboación, e, por último, seminaturais, similares ás naturais pero con intervención silvícola.

Os bosques naturais extensos e ben conservados son escasos no territorio galego, aínda que moi preto do teu Camiño a Fisterra existe unha boa representación de bosque atlántico costeiro, a Devesa de Anllares. 

A Devesa de Anllares é a masa forestal autóctona mais occidental de Galicia e un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa, de gran riqueza e biodiversidade.

A principal superficie de monte ocupa unhas 80 hectáreas, continuada ao longo do río por outras menores. Porén, a pesar do seu aspecto natural o curso fluvial do río Xallas está moi afectado polos aproveitamentos hidroeléctricos, xa que conta con 4 presas en menos de 15 quilómetros.

A Devesa amósanos un bosque de ribeira dominado polos ameneiros, salgueiros e abeleiras, e continúa estendéndose polo territorio con carballos principalmente, co seu sotobosque de acivros, ruscos e fentos e as rochas recubertas de musgo. Se prestas atención observarás unha gran diversidade de bolboretas, libélulas, coleópteros, aves..

Esta zona está catalogada como Área de Especial Interese Paisaxístico incluída na Grande Área Paisaxística (GAP) Chairas e Fosas Occidentais de Galicia, e considérase unha área de distribución potencial de Escribenta das canaveiras, incluída no Catalogo de Especies Amezadas de Galicia. As áreas de distribución potencial, son aqueles humidais costeiros que poderían ser empregados por esta ave, ben como área de descanso durante movementos dispersivos, ou ben en épocas diferentes ás de cría, especialmente durante o inverno.

Non se trata dunha ruta homologada, co cal é necesario o XPS, e en determinados tramos pode resultar difícil a camiñada. Senón queres adentrarte no bosque, aconsellámoste que te achegues ao encoro de Castrelo, onde podes divisar o inicio da Devesa de Anllares.

Superficie arborada en Galicia

Segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN), o 70% da superficie forestal galega (1.424.094,17ha) está arborada, o que representa o 47% de Galicia. Dita superficie, componse de diferentes formacións arbóreas, que responden á evolución das masas nas diferentes rexións bioxeográficas presentes na nosa Comunidade. Estas formacións arbóreas agrúpanse, atendendo principalmente a criterios de especie principal, obxectivos e densidade do arborado.

Dentro do grupo das coníferas, a especie dominante é o Pinus pinaster, seguido en menor presenza, por Pinus radiata e Pinus sylvestris.

En canto ás frondosas autóctonas destacan as quercíneas, co Quercus robur como principal especie seguida de Quercus pyrenaica. Entre o resto de frondosas autóctonas ten importancia a Castanea sativa. 

No que se refire aos Eucalyptus spp. a especie principal é o Eucalyptus  globulus, seguida do Eucalyptus nitens.

A mestura de coníferas e frondosas é moi heteroxénea pero predomina o Pinus pinaster con  Eucalyptus  globulus, seguido de Pinus pinaster con Quercus robur.

No seguinte mapa podemos observar a distribución e superficie ocupada polas distintas formacións arbóreas:

Fonte:PLADIGA2020

O Papel de PEFC

Un dos obxectivos de PEFC, é manter ou aumentar a superficie forestal, con especial referencia ao arboredo, excepto por actuacións de defensa do propio monte (p.e. incendios) ou outras derivadas de actuacións encamiñadas á mellora da súa multifuncionalidade.

Podemos manter e incrementar a superficie forestal arborizada, reforestando e restablecendo a cuberta especialmente nas zonas máis degradadas, mediante a utilización de especies e técnicas silvícolas adecuadas á estación, e mellorar a estrutura das masas forestais existentes, fomentando a ordenación e a silvicultura.

É esencial manter o grao de naturalidade daqueles espazos forestais considerados naturais e seminaturais, establecendo medidas de carácter preventivo para garantir a súa persistencia, polo menos no grao actual de conservación, e establecer mecanismos de defensa de relictos valiosos.

Unha xestión non intensiva é máis próxima a dinámicas e procesos naturais que unha intensiva, porén, o abandono dunha superficie pode conducir a unha degradación do ecosistema forestal e a un aumento dos riscos para a súa conservación.

As particulares características ecolóxicas de determinados biótopos forestais (alta diversidade,  especial vulnerabilidade, representatividade, presenza de especies  endémicas, raras, protexidas ou ameazadas, reservas xenéticas, etc.) converte os hábitats en singulares, e motivan a súa conservación, exista ou non normativa específica que así o determine.

Na xestión dos montes, deberase ter en conta o mantemento dos hábitats singulares existentes, polo que identificaranse no documento de xestión do monte cun rexistro cartográfico, contemplando as medidas necesarias para a súa conservación.

As nosas CIFRAS
6. Corzón
Subir
8. Dumbría

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia