O Camiño de Fisterra atravesa moitas aldeas que aínda conservan o seu carácter tradicional, nas que se manteñen construcións que perderon a súa funcionalidade orixinal pero que son parte da nosa identidade. É o caso dos muíños, hórreos, eiras de mallar ou fornos asociados á elaboración do pan, noutrora centro da actividade cotiá das aldeas xa que ése era o principal alimento no rural galego. Moitas destas construcións e ferramentas empregadas na elaboración do pan estaban feitas de madeira; e ata o propio pan se facía orixinalmente cos froitos das árbores.

PEFC ten como obxectivo potenciar e manter o efecto a longo prazo de sumidoiro das masas forestais e os seus produtos leñosos. 

Eiras de mallar
Hórreos
Fornos
O papel de PEFC
Volver ao mapa

O pan foi o principal alimento na sociedade galega durante moito tempo. Aínda hoxe en día, se recoñece internacionalmente a súa valía como produto gastronómico.

Nun comezo, o pan facíase de fariña de castañas ou landras que se recollían nos soutos, carballeiras ou sobreirais. Máis adiante, empezou a facerse pan de centeo e, sobre todo, de millo (o “mijo” castelán). É no s. XVII cando se introduce un novo cereal procedente de América (“maíz” en castelán) que acabou por impoñerse. O novo cereal substituíu complemente aos anteriores na alimentación cambiando a nosa dieta, e mesmo pasou a denominarse do mesmo xeito: millo. Para diferencialos, o anterior cereal pasou a chamarse millo miúdo.

En Ozón podes ver algunhas desas construcións asociadas ao proceso de elaboración do pan alimento:

  • Nas eiras, mallábase o cereal para separar a palla das mazarocas.
  • Nos hórreos gardábase o cereal.
  • E, unha vez convertido o cereal en fariña, o pan cocíase nos fornos.

Na túa próxima parada, na aldea de Os Muíños, podes visitar os muíños nos que se moía o cereal para facer a fariña do pan. 

Algunhas destas construcións eran de uso particular, pero moitas delas estaban xestionadas por unha colectividade. En xeral, o rural galego construíuse dende o común.

Eiras de mallar 

As eiras de mallar son espazos circulares ou rectangulares localizados nun terreo chan e sollado, cun pavimento de terra ou pedra.

Fonte: Carme Toba Trillo

Todos os veciños se reunían nelas para realizar a malla, que ten por finalidade separar a palla (que se empregada como forraxe do gando) do gran do cereal (que se moía para facer a fariña do pan); mais as eiras tamén servían para secar as fabas, as aveas,…ou para branquexar a cera das abellas que se dedicaba á fabricación de candeas.

A malla iniciábase estendendo os mollos de cereal seco no chan da eira, en ringleiras, con todas as espigas na mesma dirección. Isto había que facelo cedo para que o cereal fora quecendo co sol (asoleábase) e as espigas abriran co calor. Despois, golpeábanse cun pau de madeira (mallo) do que colgaba un segundo pau articulado (pértigo), unidos entre si por unha correa de coiro. Tras unha primeira malla, dábaselle a volta aos mollos e repetíase a operación.

Era unha tarefa comunal que comprendía ritos, costumes e festas. Porén, co tempo, as ferramentas de madeira foron substituídas por máquinas malladoras que percorrían os pobos cobrando o servizo por horas, o que supuxo o esmorecemento desta tarefa.

Hórreos

Os hórreos tiñan como finalidade almacenar e secar o cereal; aínda que tamén se gardaban neles os queixos, chourizos, touciño e xamóns para curaren, e mais allos e cebolas. Por este motivo, localízanse en lugares elevados e ben ventilados para que as correntes de aire favorezan o secado ou curado dos alimentos. Por funcionalidade, moitos atópanse á beira das eiras de mallar. 

Ao igual que ocorre cos muíños, existen múltiples tipoloxías de hórreos en función da súa forma, do material de construción empregado ou da estrutura sobre a que se asentan para non estar en contacto directo co chan e reducir así a humidade. Segundo as zonas, predominan unhas ou outras características; e aínda dentro de cada zona, a combinación de variables pode ser múltiple. Nas terras orientais de Galicia aínda se poden ver hórreos circulares, pero no occidente impóñense os rectangulares. Ao saír de Compostela, os hórreos eran de madeira, pero aquí xa ves que son completamente pétreos; é no linde do concello de Negreira con Dumbría e Mazaricos onde se produce a transición dunha tipoloxía a outra. A razón é a climatoloxía, pois nesta zoa hai moita máis humidade, polo que a madeira requiría un maior esforzo de conservación.

Hórreo – Ozón

Hórreo – Ponte Maceira

En xeral, os hórreos apóianse en pés dereitos, sobre un celeiro (unha base pechada), sobre unha cepa (unha base maciza) ou sobre muros transversais. Enriba desta estrutura, disponse o tornarratos, que pode ser único ou unha peza por cada pé, e cuxa finalidade é impedir que os ratos ruban polo hórreo para comer os alimentos. A cámara (o almacén) está sempre inzada de físgoas para favorecer a circulación do aire; ronda os 2’5m de altura e 1’5m de ancho, pero a lonxitude varía en función da situación económica do seu propietario: a maiores dimensións, maior poder adquisitivo, e o do Mosteiro de Ozón é un dos máis grandes de Galicia. As paredes máis longas denomínanse costais e nela soe situarse a porta de acceso, á que se chegaba mediante unha escaleira fixa ou móbil. Os lados curtos son os penais e soen estar coroados por lampións (pináculos) ou cruces, a modo de decoración e protección. A cuberta é a dúas augas, de tella, como a das vivendas. 

Os fornos

Tras a moenda do gran nos muíños, procédese á elaboración da masa do pan (fariña, auga e sal), que se deixa repousar varias horas na artesa, un recipiente grande de madeira, xeralmente con catro patas e tampa, máis estreito no fondo que na parte superior. Despois, a masa introdúcese no forno, composto por unhas lousas (lar) sobre as que se asenta unha cámara de pedra cunha bóveda de entre 1’5-2’2m de diámetro. Só se deixa unha pequena abertura de 0’5 x 0’5m para meter a masa, que despois se pecha cunha lousa sellada cunha mestura de excrementos de vaca e auga. Tres horas despois, o pan está listo, así que xa se pode retirar cunha pa longa de madeira.

Se o forno é particular soe configurarse como un recinto de pedra e cuberta a unha auga que se acaroa a unha das fachadas da vivenda ou dalgunha das edificacións da casa (como un alpendre). Tamén se pode atopar dentro da propia vivenda. 

Se o forno é de uso comunitario, será unha estrutura illada con cuberta a dúas augas (semellante a un muíño), emprazada nun espazo accesible a todos os veciños. Neste caso, cada unidade familiar ten asignado un número concreto de fornadas, cada veciño ten que levar a súa propia leña e debe deixalo limpo.

Aplicando certas modificacións, tamén había fornos de oleiros e telleiros para cocer recipientes de barro ou tellas, respectivamente.

O Papel de PEFC

As masas forestais e os seus produtos caracterízanse pola súa capacidade de fixar carbono. Unha xestión forestal tendente a xerar produtos de prolongado ciclo de vida ou substitutivos doutros produtos máis contaminantes, multiplica este efecto.

PEFC ten como obxectivo potenciar e manter o efecto a longo prazo de sumidoiro das masas forestais e os seus produtos leñosos. 

Os produtos de madeira poden supoñer un gran almacén de carbono. O CO2 absorbido por unha árbore queda secuestrado na madeira; se utilizamos madeira deixamos de empregar outros materiais que provocan moitas emisións na súa fabricación e ademais non almacenan CO2; ademais, podemos reutilizar e reciclar os produtos de madeira, aumentando así a súa vida útil.

Hórreos, utensilios, apeiros de labranza, mobiliario.. son almacéns de carbono.

Usando produtos de madeira contribuímos á mitigación do cambio climático. Ademais debemos asegurarnos que a súa procedencia teña unha orixe sostible, polo que cando vexas a etiqueta PEFC, significa que o material forestal do produto provén dun monte que se xestiona de acordo cuns requisitos ambientais, sociais e económicos moi estritos.

Unha das formas máis simples en que podes axudar a protexer os nosos montes é elixir produtos coa etiqueta PEFC. 

Artigos para o fogar: Desde papel hixiénico ata utensilios de cociña, sobres e panos. De pícnic ou de festa? pratos, vasos, panos de mesa e pallas…Preparando aos teus fillos para a escola? Lapis, cadernos, carpetas, folios…

Mobles: Armarios, andeis, mesas, cadeiras, camas de madeira, marcos de fotos, adornos, mobiliario de xardín…

Bricolaxe: gabinetes da túa cociña, un novo alpendre de xardín? 

Moda: moita da roupa ou produtos téxtiles que compramos están feitos de fibras que proveñen das árbores (viscosa, modal e lyocell) 

Embalaxe: mesmo se o produto que está a comprar non provén do monte, mira a embalaxe! As caixas de cereais, de froita ou bolsas de té, arroz.

8. Dumbría
Subir
10. Muiños

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia