O Monte Veciñal en Man Común de Biduedo e Serra do Eixe está situado no concello de A Veiga, na provincia de Ourense, e pertence aos veciños e veciñas de Riomao. Trátase dun monte recoñecido oficialmente como veciñal en man común desde o 27 de outubro de 1976, cunha ampla extensión de 1.668 hectáreas.

Este monte representa un exemplo claro de como a xestión comunitaria, sostible e innovadora pode poñer en valor o patrimonio forestal, contribuíndo ao desenvolvemento rural, á conservación da biodiversidade e á xeración de coñecemento científico en Galicia.

Propiedade: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Riomao

Superficie certificada PEFC: 1.668 hectáreas desde o 16/06/2022

Localización: A Veiga, Ourense.

Localización e características

A superficie da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Riomao está composta por dous montes: O Biduedo, na parte oeste, e Serra do Eixe, ao leste. En agosto de 2021, a Comunidade de Montes decidiu poñer fin ao convenio coa Administración Forestal para asumir directamente a xestión do monte, apostando por unha xestión sostible baseada nun instrumento técnico aprobado desde o ano 2019.

Desde o 16 de xuño de 2022, o monte está certificado baixo o sistema PEFC, garantía de que se xestiona respectando criterios ambientais, sociais e económicos. A certificación foi obtida a través do grupo de certificación forestal de AMETLAM.

Actualmente, 1.145,72 hectáreas da superficie están arboradas, cun claro protagonismo do Pinus sylvestris (piñeiro silvestre), que representa o 63,97% da superficie forestal. Esta especie amosa unhas existencias medias de 200,47 m³/ha con cortiza, o que suma un volume total estimado de 146.938,50 m³.

Apostando pola innovación e o coñecemento

O Monte Veciñal en Man Común de Biduedo e Serra do Eixe destaca tamén polo seu compromiso coa innovación forestal. Nel desenvólvense proxectos de I+D+i e actuacións pioneiras, converténdoo nun espazo de referencia para a investigación aplicada e a formación forestal. Algunhas das iniciativas máis destacadas son:

PARCELA DE ENSAIO CON PINUS SYLVESTRIS (2007)

Zona experimental onde se plantaron 21 procedencias diferentes desta especie procedentes de toda España, co obxectivo de avaliar o seu comportamento e adaptación no medio local.

MARTELOSCOPIO SILVÍCOLA (2024)

Unha ferramenta formativa de 1 hectárea que permite simular distintos escenarios de xestión forestal. Neste marteloscopio conviven Piñeiro silvestre (Pinus sylvestris) e Piñeiro negro (Pinus nigra), e está pensado para a formación práctica de técnicos xestores e estudantes no ámbito da silvicultura.

PARCELA CON TECNOLOXÍAS 3D PARA ESTUDAR ALOMETRÍAS

O monte alberga unha parcela experimental escaneada con tecnoloxías de última xeración (TLS, MSL e dron con LiDAR). Esta iniciativa forma parte da acción COST 3DFORECOTECH “Proximate Sensing for inventories and allometries development in an operational forest management setting”, centrada na estimación de variables forestais mediante tecnoloxía de detección remota e o desenvolvemento de modelos alométricos para a xestión forestal operativa. A especie protagonista desta parcela é o Pinus nigra var. corsicana.

INVENTARIO DE PRECISIÓN

MEDICIÓN EN TEMPO REAL DE PRAGAS

Detección con análise de imaxes satelitales en alerta temperá e voos dron para detección de danos de Ips sexdentatus para a súa erradicación.

Entidade Certificada. AMETLAM, S.L.

DATOS DO CERTIFICADO

Nº certificado

GFA-PEFC-FM/COC-500604

Nº licenza

PEFC/14-22-00034

Modalidade de certificación

Grupo

Data certificación inicial

06/04/2020

Entidade certificadora

GFA CERTIFICATION GmbH

Especialistas en Xestión do Territorio

AMETLAM é unha empresa de enxeñería e servizos forestais que desenvolve a súa actividade principalmente no medio rural. Cunha forte implantación territorial en Galicia, a empresa promove a sustentabilidade e a eficiencia na xestión dos recursos naturais, adaptándose ás necesidades específicas de cada terreo e cliente.

A prestación de servizos para os seus clientes baséase en obxectivos, criterios e indicadores que integran no seu modelo de negocio aspectos esenciais como a mitigación do cambio climático, a mellora da biodiversidade, a protección do chan contra a erosión, a preservación de acuíferos e cursos fluviais ou o uso social do monte.

Unha parte fundamental da optimización dos produtos e servizos que o monte ofrece está intrinsecamente relacionada cos traballos de enxeñería. Estes traballos abarcan unha serie de actividades técnicas e científicas que se enfocan na planificación, deseño e xestión eficiente dos recursos agrícolas e forestais.

O departamento de enxeñería da empresa está formado por un equipo multidisciplinar de enxeñeiros/as cunha dilata experiencia profesional en todos os ámbitos da enxeñería para o desenvolvemento rural e a xestión integral do territorio.

Así, crean solucións ad-hoc, prestando asesoramento técnico en multitude de actividades, tanto a clientes públicos como privados onde destacan os seguintes servizos: a xestión e certificación forestal, a agricultura e gandería de precisión, a xestión integral do territorio, a conservación e planificación fluvial ou o desenvolvemento de software de xestión de activos.