Os produtos forestais están ao noso arredor.
A maioría de nós somos conscientes dos produtos de madeira que nos ofrecen os montes: madeira para os nosos fogares e mobles, papel para libros e revistas, envases para os alimentos, papel hixiénico, máscaras, ata a nosa roupa pode estar realizada a partir de madeira e no noso prato podemos atopar moitos produtos procedentes dos montes.
Sabías que os seguintes produtos tamén conteñen materiais forestais? Pintura, pneumáticos, perfumes, cepillos de dentes, desodorizante, cosméticos, deterxente, roupa, medicamentos, tapóns de cortizas para o viño, esponxas, tinguiduras para o cabelo, etc.
Nesta parada poderás afondar sobre os recursos que nos proporcionan os montes, madeirables e non madeirables e no modo de vida tradicional galego caracterizado por un uso sostible do territorio baseado na complementariedade e multifuncionalidade das distintas zonas que o integran.
A través da certificación forestal PEFC, podemos rastrexar os produtos xestionados de forma sostible desde os montes ata o consumidor final.
Os produtos do monte
Os montes xeran multitude de beneficios ambientais, sociais e económicos grazas á súa protección dos chans, ao acubillo de gran variedade de especies vexetais e animais e á produción de numerosos produtos e servizos que son o medio de vida de moitas familias.
O desenvolvemento de novas actividades e produtos procedentes dos montes, responden ás demandas sociais actuais, tendendes a unha bioeconomía circular.
O modo de vida tradicional

Imaxe cedida por: M.Celeiro Montero
O modo de vida tradicional galego caracterízase por un uso sostible do territorio baseado na complementariedade e multifuncionalidade das distintas zonas que o integran: casa, agra e monte.
Tradicionalmente, o rural galego era unha economía de autosuficiencia baseada na complementariedade entre os diferentes espazos que conforman a paisaxe da que falabamos no miradoiro de Ventosa.

O territorio estaba inzado de explotacións agrarias familiares de pequeno tamaño, que traballaban moitos predios distintos, pequenos e dispersos, cunha tecnoloxía moi básica (arados lixeiros e grades de tracción animal compostos por moitos elementos de madeira) pero cun profundo coñecemento do medio.
A casa era o núcleo da explotación. Nela convivían varias xeracións da familia (avós, pais e fillos) e era habitual que compartiran espazo co gando; as cortes ocupaban parte da planta baixa da casa e as habitacións anexas a esta, pois así aproveitábase a calor dos animais para quecer a casa. A carón desta situábanse as hortas, nas que se plantaban legumes, hortalizas ou froiteiras para autoconsumo. Máis afastadas atopábanse as agras, terras de labradío delimitadas por un peche que abranguía varias parcelas abertas (leiras) e cuxa xestión se compartía con outros veciños da aldea. Nelas plantábase o millo, o trigo ou o centeo. Nas proximidades dos cursos de auga ou das zonas húmidas, atopábanse os pastos para o gando. E nas zonas altas, o monte, en moitos casos de xestión comunal, que fornecía á aldea de madeira para construír, de leña para quentar os fogares, de alimento (castañas…) e doutros moitos produtos.

Estas zonas non se xestionaban de xeito independente senón que conformaban un sistema integrado, complementándose unhas a outras.
Na primeira metade do s. XX, esta estratexia produtiva comezou a mudar por múltiples factores.
Por unha banda, púxose en marcha o proceso de concentración parcelaria, co que preténdese conseguir unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona, agrupando os predios dun mesmo propietario no menor número posible de parcelas. Na túa viaxe a Fisterra, atravesarás zonas concentradas e non concentradas. As pistas de terra rectilíneas, de longo trazado e ángulos rectos, que contrastan cos camiños máis estreitos e sinuosos doutros puntos, estanche a indicar que a zona foi “ordenada”; é dicir, sometida a concentración parcelaria.

Por outra banda, a Administración e maila industria empezaron a fomentar tamén novos usos do solo, as explotacións a gran escala e a especialización, para así seren máis competitivos no mercado. Neste contexto cobra pulo a produción de madeira con destino á industria, polo que se empezaron a introducir especies de crecemento rápido que permitían multiplicar a rendibilidade (como o piñeiro ou o eucalipto). O proceso iniciouse nos montes de utilidade pública, dependentes do Estado, pero pronto se exportou aos montes privados grazas a diferentes axudas e polos bos prezos obtidos no mercado, así como polo baixo nivel de inversión e man de obra que requiría o mantemento das masas arboradas.
A falla de man de obra foi outro dos fenómenos que contribuíron ao abandono do modo de vida tradicional galego. Os mozos emigraban ao estranxeiro ou ás cidades na procura de mellores condicións de vida, e a poboación avellentada que quedaba no rural non podía facer fronte por si soa ás múltiples tarefas que implicaba o antigo sistema.
Todos estes cambios políticos, sociais e económicos tiveron o seu reflexo na paisaxe. Os puntos de referencia na vida cotiá das aldeas, asociados a un modo concreto de relacionarse co territorio, modificáronse para sempre.
Alvarizas
A produción de mel é un dos usos asociados ao monte galego. Moitos mosteiros situados no Camiño a Fisterra, como Ozón ou Moirame, potenciaron esta actividade. Pero en todas as casas había colmeas, ben para autoconsumo, ben como complemento á economía familiar. Na aldea de Vilaserío aínda se conservan algunhas incrustadas nos muros, serás quen de atopalas?

A apicultura tradicional en Galicia tivo a súa máxima expansión no s. XVIII, chegando a recoller o Catastro de Ensenada ao redor de 366.000 colmeas en todo o territorio. A igrexa era a propietaria da meirande parte, e aínda hoxe en día son moitos os mosteiros que seguen a fabricala e vendela. A aparición de novos edulcorantes máis baratos no s. XIX derivou nun progresivo abandono da actividade ata os anos ’70 do s. XX, cando volve a coller de novo pulo pero con cambios substanciais no modelo de explotación.
As colmeas tradicionais (ou trobos) eran circulares, pois estaban feitas dun tronco baleirado de castiñeiro, cerdeira, carballo ou sobreira, duns 50-60cm de alto e 30-50cm de diámetro. No seu interior introducíase unha estrutura de paus cruzados nos que se suxeitaban os panais. A parte superior do trobo féchase cunha tampa de madeira ou de cortiza chamada caldullo, ou ás veces cun colmado cónico de palla seca.

Os trobos adoitaban situarse nun recuncho da horta pouco frecuentado, sollado e á beira dun valado ou sebe que os protexía dos ventos e da chuvia. Outras veces situábanse lonxe das casas, en zonas de difícil acceso, orientados ao nacente para aproveitar o sol, e próximas a zonas de vexetación abundante para que as abellas tiveran alimento. Neste caso, o recinto delimítase con muros de pedra, xeralmente circular e de certa altura para evitar a entrada de animais. Estas construcións a ceo aberto denomínanse abelllarizas ou alvarizas. Tamén hai colmeas no interior das vivendas; as chamadas lacenas son un pequeno habitáculo que se constrúe na parede orientada ó sol e que se tapa cunha táboa. Non se conservan moitas colmeas e as que seguen activas non se poden visitar por atoparse en vivendas particulares ou no monte, en zonas de difícil acceso.
Unha vez producido o mel, gardábase en vasillas especiais de barro para consumir como adozante ou coma menciña caseira. Coa cera facíanse candeas para alumear as casas e para a liturxia. De feito, moitos mosteiros medievais, como o de Ozón ou o de Moirame, cobraban os tributos en especie.
O Papel de PEFC
Os consumidores esperan que os materiais utilizados nos produtos que compran teñan un impacto mínimo sobre o medio ambiente e utilizando a etiqueta PEFC as organizacións fan visible o seu compromiso coa subministración responsable.
Asociar unha marca á etiqueta PEFC demostra que os produtos con base forestal como o papel, a madeira, a cortiza, as resinas e, mesmo os alimentos, proveñen montes xestionados de forma sostible. Isto é cada vez máis importante xa que os consumidores son moi conscientes do impacto das súas decisións de compra e toman en consideración as etiquetas ambientais.

A través da certificación PEFC, podemos rastrexar o material desde os montes, ata a cadea de subministración e ata o produto final que compre.
A Cadea de Custodia PEFC é o seguimento dos produtos forestais durante as distintas fases do proceso produtivo e a súa posterior comercialización, para poder asegurar a rastrexabilidade dos produtos forestais desde o monte ata o consumidor final. Constitúe a etapa posterior á certificación da Xestión Forestal Sostible (do monte) e é necesaria para crear unha ligazón informativa entre a materia prima incluída nun produto forestal e a súa orixe.
A certificación de Cadea de Custodia é esencial para as empresas que buscan acceder a mercados, ambiental e socialmente responsables ou para demostrar o cumprimento con políticas públicas ou privadas de compra que especifican como requisito a subministración de materiais ambientalmente responsables. Ademais permite etiquetar os seus produtos para que os consumidores poidan identificar e elixir aqueles produtos que sosteñen un modelo de xestión forestal responsable.

En cada etapa da cadea verifícase o cumprimento do Sistema PEFC a través de auditorías realizadas por unha terceira parte independente.
PEFC impulsa diferentes iniciativas para promover o uso de produtos e materiais sostibles procedentes de bosques ben xestionados como “Forest For Fashion” ou “Fashions change, forests stay. Comprometidos co futuro dos bosques” que teñen como obxectivo o mundo da moda (Vídeo , saber máis) ou a campaña “Sabores de Montes Sostibles” (aquí)

























