En Galicia, o 97% da propiedade forestal é privada, da cal o 64% está en mans de particulares e un 33% pertence a Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Só o 3% da superficie forestal é de propiedade pública. 

No teu Camiño a Fisterra, o concello de Mazaricos é o que conta cun maior número de Montes Veciñais, e o Miradoiro de Corzón atópase nun deles. Desde o miradoiro observarás diferentes especies arbóreas, actividades e traballos que se fan nos montes, ademais dunha ampla panorámica do Encoro da Fervenza, contorna na cal discorren varias rutas que che permitirán coñecer a fauna e maila vexetación asociada a este lugar.

A certificación forestal PEFC pon en valor a xestión forestal sostible que realizan propietarios e xestores de montes.

A propiedade do monte
Montes Veciñais. Miradoiro de Corzón
Encoro da Fervenza
O papel de PEFC
Volver ao mapa

A propiedade do monte

Galicia é unha Comunidade Autónoma cunhas importantes aptitudes forestais. De feito é unha das poucas nas que se pode falar con propiedade da existencia dun auténtico sector forestal. Dúas terceiras partes da superficie galega, teñen a consideración de forestais.

En Galicia existen tres tipos básicos de propiedade do monte, os montes públicos (do Estado da Comunidade Autónoma ou das Entidades Locais, catalogados de Utilidade Pública ou non), montes veciñais en man común (natureza privada colectiva) e montes particulares (natureza privada individual). 

É destacable que a maior parte da propiedade dos terreos forestais, máis do 97%, son montes particulares e veciñais en man común, que acadan os 2 millóns de hectáreas forestais.

O número de propietarios particulares está por riba dos 650.000, cunha superficie media de aproximadamente 2-3 hectáreas á súa vez fragmentada en diferentes parcelas, o que dificulta en gran medida unha xestión profesionalizada. En canto a comunidades de montes veciñais en man común existen máis de 3.300 que posúen preto de 700.000 hectáreas cunha superficie media de 220 hectáreas por monte.

O asociacionismo forestal cobra especial importancia no noso territorio, facilitando o asesoramento e múltiples servizos aos propietarios particulares e montes veciñais. Algunhas das asociacións de propietarios presentes en Galicia foron pioneiras nos procesos de organización dos propietarios no sur de Europa. Outras iniciativas relevantes son as asociacións de comercialización de madeira.

Os montes veciñais. Miradoiro de Corzón.

Nesta parada, atópaste no Monte Veciñal en Man Común de Corzón, por iso consideramos que debes coñecer que é un monte veciñal.

Os montes veciñais en man común son aqueles que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertencen a agrupacións veciñais en calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, que veñen aproveitandoo consuetudinariamente, sen asignación de cotas, porque a titularidade recae no colectivo e non nos individuos concretos que nun momento dado viven no lugar.

A propiedade é de natureza privada e colectiva, correspondendo ao conxunto dos veciños, con casa aberta e residencia habitual nas entidades de poboación ás que tradicionalmente estivese adscrito o seu aproveitamento, e que veñen exercendo algunha actividade relacionada con eles.

Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.

Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados, totalizando 664.230 ha, pero a súa distribución non é homoxénea nas 4 provincias galegas, sendo Ourense a que conta con maior número, nunha porcentaxe do 39,2%, e a provincia da Coruña con só o 9,1%.

A media de comuneiros por monte veciñal é de 44, alcanzando un número total de comuneiros en Galicia de 122.734.

Os montes veciñais contan con superficies que permiten a diversificación de producións e usos: madeira, pastos, leñas, cogomelos, mel, recreo, caza, protección e posta en valor do patrimonio cultural, conservación ambiental, paisaxe… cumpren as súas múltiples vertentes: social, económica e ambiental.

Na contorna do miradoiro de Corzón, podes visitar as necrópoles de Mámoas de Pedras Miúdas e de Castelo:

A presenza de elementos patrimoniais e un terreo rochoso, fai que o monte non teña unha elevada superficie arborada, contando co piñeiro como especie principal, pero tamén poderás observar como os acivros medran espontaneamente.

Nos últimos tempos, ademais do aproveitamento forestal, búscanse outros usos e beneficios para que os veciños se sintan vinculados ao seu monte, como cotos micolóxicos nos que se regula a recollida de cogomelos poñendo en valor o recurso e evitando a sobreexplotación ou apiarios, que si te fixas poderás ver no monte no que te atopas. 

O aproveitamento da resina, tamén está a coller pulo en Galicia, sendo un complemento económico para a Comunidade veciñal, que leva asociado a creación de novos postos de traballo directos e indirectos e a fixación da poboación local.

A introdución do silvopastoreo nos montes veciñais, en moitos casos, está a ser fundamental para o control da vexetación e da biomasa forestal. Cabalos, cabras, vacas, son claves para evitar incendios, desempeñando cada especie o seu papel, medida complementaria a actuacións silvícolas, franxas de biomasa e creación de cortalumes.

Dende o miradoiro parte unha ruta ornitolóxica circular, de 20km de lonxitude, que discorre en parte polo Camiño de Fisterra, para logo dirixirse ao Monte de Aro (onde se instalou un prismático panorámico) e ao Encoro da Fervenza. En paneis e códigos QR distribuídos por toda a senda atoparás información sobre as aves e a vexetación da zona. 

Encoro da Fervenza

O Encoro da Fervenza, construído no ano 1966 para o aproveitamento hidroeléctrico do río Xallas, entre os concellos de Dumbría e Mazaricos. Con anterioridade á súa existencia, a enerxía obtíñase adaptando unha dínamo de corrente continua á roda hidráulica dun muíño, movida pola auga do río. A transmisión da enerxía producida estaba limitada a cortas distancias, polo que só permitía electrificar os núcleos de poboación máis próximos, destinándose principalmente ao alumeado público. Así ocorreu en O Logoso (unha pequena aldea localizada pouco antes da bifurcación na que debes elixir se vas a Muxía ou te dirixes directamente a Fisterra), aínda que moitos dos seus veciños rexeitaron o servizo por medo a que se incendiaran as súas casas.

O encoro da Fervenza ocupa unha superficie de 1.250ha, ten unha capacidade de 103hm3, e a presa acada os 27m de altura e 127m de lonxitude. A súa construción cambiou radicalmente a vida dos habitantes desta zona, pois asolagou aldeas enteiras e amplas áreas de campos de cultivo e monte, variando incluso o clima, agora máis húmido e neboento. Pero tamén se converteu no refuxio dunha gran diversidade de paxaros, que buscan as súas augas calmas. Pódense ver mazaricos, mergullóns lavancos, porróns europeos e  moñudos,  cormoráns e garzas reais, milanos negros, pimpíns reais ou escribanos palustres.

Augas abaixo, atópanse tres encoros máis: Ponte Olveira, Castrelo (desde o que podes divisar a seguinte parada que te aconsellamos) e Santa Uxía; este último para aproveitamento urbano, non industrial como os demais.

Na vila de Ézaro, o río Xallas desemboca directamente no Océano Atlántico, nunha caída libre de máis de 100m; é a única fervenza en toda Europea que así o fai, así que che recomendamos que te achegues ata alí en canto podas. E se quedas con ganas de visitar máis fervenzas espectaculares, o Concello de Mazaricos ven de poñer en marcha a Ruta das Fervenzas, que te leva ata Gosolfre, Fírvado, Noveira, Vioxo-Chacín e Santa Locaia, a través de densas carballeiras e vexetación autóctona.

O Papel de PEFC

A certificación da Xestión Forestal Sostible proporciona numerosos beneficios aos seus propietarios e xestores.

A xestión forestal é un proceso a longo prazo, e os resultados das boas prácticas a miúdo só se aprecian despois de décadas. A certificación forestal PEFC pon en valor a xestión forestal sostible que realizan propietarios e xestores, sendo avalada por unha terceira parte independente. Ademais, a certificación PEFC está perfectamente adaptada aos nosos montes, por posuír un Sistema Español de Certificación Forestal, creado por e para os silvicultores, propietarios e xestores forestais españois. Este Sistema nacional, ademais cumpre cos máis estritos requisitos internacionais.  

Certificación adaptada ás pequenas superficies

A Certificación da Xestión Forestal PEFC está perfectamente adaptada a propietarios de pequenas superficies forestais, así como para propiedades forestais familiares, facendo accesible a certificación forestal para todos, prestando especial atención ás necesidades específicas, os custos e as estruturas operativas dos propietarios forestais privados, as familias e as comunidades locais.

As modalidades de certificación agrupada, tanto Rexional como de Grupo, contemplan a adhesión de múltiples propietarios nun certificado, facendo que a certificación sexa alcanzable e práctica.

As nosas CIFRAS.

Dos 42.000 propietarios e xestores forestais certificados en España, máis de 33.000 son galegos. 

SOLO 5 PASOS PARA CERTIFICAR O TEU MONTE

  • 1. Ter un Plan de Xestión aprobado pola administración competente ou visado por un Colexio Oficial de Montes/Forestais.

    Un Plan de Xestión é un documento ou conxunto de documentos que individual ou colectivamente establecen a xestión forestal dunha unidade de xestión ou grupo de unidades de xestión, sobre a que o xestor/es teñen control.

  • 2. Realizar unha Xestión Forestal Sostible de acordo á Norma Nacional UNE 162.002 de Criterios e indicadores de Xestión Forestal Sostible. 

    A Norma UNE 162.002 é unha norma nacional, adaptada á realidade territorial dos montes españois, e que contempla a multifuncionalidade dos mesmos. Nela inclúense numerosos indicadores englobados nos 6 criterios de sostibilidade: a biodiversidade, as funcións produtivas, a mitigación do cambio climático, a saúde e vitalidade dos bosques, as funcións protectoras dos bosques e os aspectos socioeconómicos.

  • 3. Solicitar o teu certificado 

    3.1 Solicita a adhesión a un certificado existente

    Deberás coñecer os requisitos, así como os dereitos e deberes para adherirte a un certificado de grupo ou rexional. O 70% da superficie nacional certificada atópase dentro dun certificado rexional, e máis do 75% dos silvicultores e propietarios certificados atópanse agrupados nun certificado de Grupo.

    3.2 Solicita un certificado de Xestión Forestal Sostible  

    Se non te adheriches a un certificado existente podes crear unha entidade solicitante nova e obter un certificado propio, individual, grupal ou rexional.

  • 4. Colaborar cos procesos de auditoría.

    Se non te adheriches a un certificado existente podes crear unha entidade solicitante nova e obter un certificado propio, individual, grupal ou rexional.

  • 5. Obter o certificado de Xestión Forestal Sostible e a licenza de uso de marca PEFC.

    Despois do proceso de auditoría, a entidade de certificación concede o certificado de Xestión Forestal Sostible á entidade solicitante na modalidade que corresponda. Por último, PEFC España ou PEFC Galicia (na nosa Comunidade) outorga unha licenza da marca cun número específico, asociada ao certificado de Xestión Forestal Sostible concedido pola Entidade de certificación.

5. Vilaserío
Subir
7. Olveiroa

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia