Os produtos forestais están ao noso arredor.

A maioría de nós somos conscientes dos produtos de madeira que nos ofrecen os montes: madeira para os nosos fogares e mobles, papel para libros e revistas, envases para os alimentos, papel hixiénico, máscaras, ata a nosa roupa pode estar realizada a partir de madeira e no noso prato podemos atopar moitos produtos procedentes dos montes.

Sabías que os seguintes produtos tamén conteñen materiais forestais? Pintura, pneumáticos, perfumes, cepillos de dentes, desodorizante, cosméticos, deterxente, roupa, medicamentos, tapóns de cortizas para o viño, esponxas, tinguiduras para o cabelo, etc. 

Nesta parada poderás afondar sobre os recursos que nos proporcionan os montes, madeirables e non madeirables e no modo de vida tradicional galego caracterizado por un uso sostible do territorio baseado na complementariedade e multifuncionalidade das distintas zonas que o integran.

A través da certificación forestal PEFC, podemos rastrexar os produtos xestionados de forma sostible desde os montes ata o consumidor final.

Os produtos do monte
O modo de vida tradicional
Alvarizas
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Os produtos do monte

Os montes xeran multitude de beneficios ambientais, sociais e económicos grazas á súa protección dos chans, ao acubillo de gran variedade de especies vexetais e animais e á produción de numerosos produtos e servizos que son o medio de vida de moitas familias.

O desenvolvemento de novas actividades e produtos procedentes dos montes, responden ás demandas sociais actuais, tendendes a unha bioeconomía circular. 

A madeira é un material resistente, flexible e lixeiro que ofrece apreciables valores estéticos, de durabilidade, rendemento e comportamento en uso, para calquera construción e estilo. É un recurso renovable e reciclable, cuxo proceso de transformación en produtos de madeira supón un baixo consumo enerxético, á vez que constitúe un almacén de carbono, tanto na súa produción como en fase de uso.

A madeira é un material versátil que, só ou combinado con outros materiais, pode ser utilizado, tanto en uso estrutural como non estrutural, en case a totalidade dun edificio.

É un material estético e confortable, con características específicas moi particulares, aparencia única e elevadas vantaxes que proporciona aos profesionais do sector solucións innovadoras, prácticas e economicamente efectivas, á vez que sostibles e respectuosas co medio ambiente.

A madeira segue a ser un dos materias máis populares na arquitectura galega, poderás comprobalo no teu Camiño en edificacións, galerías, hórreos, embarcacións e tamén como se emprega en diferentes ferramentas de traballo, apeiros de labranza, utensilios de pesca

SABÍAS QUE? Usando madeira en construción no canto de aceiro ou formigón reduciría o consumo de combustibles fósiles nun 19%  e ata nun 31% as emisións de CO2 (UNECE).

A cadea de valor da celulosa, papel e cartón iníciase na natureza, nas árbores, das que se obtén a materia prima natural e renovable coa que a industria papeleira produce a celulosa e o papel.

A partir do papel, as empresas transformadoras producen unha amplísima gama de produtos de papel e cartón como envases e embalaxes de todo tipo (caixas, bolsas…), material de papelería (sobres, cadernos, cartafoles…) e produtos tisú (papel hixiénico, panos, papel de cociña…). Tamén prodúcense papeis especiais de alto valor engadido, para aplicacións moi específicas (papeis decorativos, papeis de seguridade, papel  autoadhesivo, papel  metalizado…).

O papel fabrícase coas fibras de celulosa que hai na madeira. Cando esa fibra utilízase por primeira vez chámase fibra virxe e cando a través da reciclaxe recuperámola e volvémola a utilizar como materia prima para fabricación de papel chamámola fibra reciclada. Pero en realidade trátase da mesma fibra en momentos diferentes do seu ciclo de vida.

Estes bioprodutos, substitúen aos produtos procedentes de recursos fósiles non renovables e contribúen á descarbonización.

SABIAS QUE? A embalaxe de papel pode ser reciclada 25 veces. (TU Darmstadt)

A moda segue o ciclo estacional da natureza e todos somos conscientes do seu impacto ambiental. Con todo, a industria da moda busca substituír parcialmente os seus convencionais materiais con alternativas sostibles, e os montes xestionados de forma sostible son parte da solución.

As fibras forestais máis populares no mercado son Viscosa, Modal e Lyocell, representando ao redor do 6,2% da produción téxtil mundial. Co avance da tecnoloxía, os procesos de transformación son cada vez máis sostibles, polo que son unha alternativa máis limpa a outras fibras sintéticas (derivadas do petróleo) e tamén ao algodón.

As fibras forestais son naturais, renovables e reciclables, reducen a pegada de carbono e colaboran na mitigación do cambio climático. 

SABIAS QUE? a produción de fibras forestais consome 1/3 da enerxía e 60 veces menos da cantidade de auga que a mesma produción de tecidos de algodón. (LENZING)

As zocas para os pés tamén eran de madeira, principalmente de bidueiro e ameneiro. Non os confundas cos zocos, que tiñan a sola de madeira pero o resto do corpo era coiro, que se curtía con graxa unha vez á semana para impermeabilizalos. As zocas empregábanse para a vida diaria, mentres que os zocos se reservaban para os días de festa. Poucos son os zoqueiros que se manteñen activos, pero algunhas empresas están a por de moda de novo esta peza de vestir, mantendo o traballo artesanal pero innovando nos seus deseños.

Imaxe cedida por: M.Celeiro Montero

A resina é un recurso natural substituto do petróleo, que se extrae das coníferas, en Galicia dos piñeiros (Pinus pinaster), e é utilizada para a elaboración de produtos tan diversos como cosméticos, pinturas, vernices e mesmo compoñentes electrónicos ou alimentación.

As iniciativas de resinado estendéronse nos últimos anos por toda a Comunidade como unha actividade complementaria aos aproveitamentos madeireiros, obtendo rendementos medios que superan os 3kg anuais por árbore. O prezo medio da resina é de 1€/kg.

Independentemente do beneficio económico, o resinado ten numerosos efectos positivos. Así, por exemplo, implica a roza da matogueira, o que reduce o risco de incendio; e crea emprego, en moitas ocasións local, fixando poboación no medio rural. Ademais, ao ser unha actividade que require unha presenza continuada no monte, permiten a detección temperá de pragas e enfermidades nas árbores, á vez que se mantén unha vixilancia fronte a posibles incendios.

Se queres afondar un pouco máis nos métodos de extracción convidámosche a ver o seguinte vídeo 

Os alimentos procedentes dos montes como os cogomelos, as castañas, os piñóns, a mel ou a caza, contribúen de maneira importante á subministración de alimentos e á calidade nutricional das dietas, especialmente nalgunhas das rexións máis vulnerables do mundo.

Imaxe cedida por: Restaurante O Rueiro. Vilaserío.

Os produtos silvestres de orixe forestal foron fundamentais na alimentación dos galegos, e hoxe en día seguen formando parte da nosa dieta, e con posibilidades moi interesantes de desenvolvemento comercial no segmento gourmet ou premium.

Os produtos silvestres de orixe galega son de excelente calidade e contan con fantásticas características organolépticas, sabores e aromas que son unha verdadeira experiencia para os sentidos. Se a isto engadimos que a súa dispoñibilidade no mercado é limitada e na maior parte dos casos vinculada á tempada contamos cunha gama de produtos únicos e exclusivos.

Nesta parada, poderás disfrutar da restauración da zona de exquisitos pratos ou degustacións de caza, cogomelos e moitos máis produtos dos nosos montes.

Sabias que? As actividades que se desenvolven nos montes, como a caza e a pesca, proporcionan máis do 20% das necesidades proteicas dos fogares nos países en desenvolvemento.

A biomasa forestal é unha materia orgánica orixinada nun proceso biolóxico que se pode utilizar como fonte de enerxía, derivada dos residuos xerados no monte (restos de corta, derivados de tratamentos silvícolas, podas), e dos subprodutos da industria da madeira.

É unha enerxía respectuosa co medio ambiente porque contribúe á redución das emisións de CO2 e reduce a dependencia enerxética dos derivados do petróleo. 

Nos montes de Galicia hai unha gran variedade de especies forestais que teñen un importante potencial enerxético. Esta abundancia do noso monte converte a biomasa forestal galega nun recurso enerxético limpo, económico e próximo para os nosos fogares e empresas. O seu aproveitamento, contribúe á limpeza dos montes, diminuíndo así o risco de incendios.

En Galicia temos capacidade suficiente de produción para atender a demanda deste biocombustible do que se producen anualmente 140.000 toneladas, sendo os máis habituais os pellets, as briquetas e leña.

Galicia é a primeira rexión española en canto a potencial de residuos forestais, existindo unha  dispoñibilidade estimada de case un millón de toneladas por ano de biomasa forestal residual en condición sostida. As características climáticas, a distribución da poboación e a gran tradición e importancia das explotacións madeireiras reflicten un potencial considerable para este tipo de  enerxía na nosa Comunidade.

Sabías que? Unha vivenda familiar pode aforrar 1.000 € anuais en relación á caldeira de gasóleo, cifra que ascendería a case 13.000 € no caso dun edificio do sector servizos ou comunidade de veciños. (INEGA)

Os montes proporcionan os ingredientes empregados na medicina moderna e tradicional. 

A recolección de plantas medicinais silvestres era outra actividade habitual no rural galego, tanto para sandar ás persoas como ao gando. Actualmente, estase a recuperar esta actividade pola alta demanda da industria farmacéutica e cosmética. Macela, genciana, árnica ou hipericón son algunhas das máis comúns no noso país. A árnica é fácil de recoñecer porque ten unha flor amarela moi vistosa cun aroma semellante ao da macela. Ten propiedades antiinflamatorias, antibióticas, cicatrizantes e analxésicas, polo que che viría ben se tiveras unha torcedura no pé, dor articular e muscular, ou a pel irritada. A variedade máis común en Galicia (a Arnica montana L.) xera moi poucas alerxias, polo que é unha das máis demandas pola industria.

Aquí podes acceder á presentación de Plantas Medicinais de Galicia con máis de 40 especies diferentes coa imaxe, nome e utilidades, entre outros.

A mellor medicina para a nosa saúde mental é pasar tempo no monte, podendo diminuír os síntomas de ansiedade e depresión. O exercicio na natureza axuda a reducir o risco de accidentes cardiovasculares ou cerebrovasculares e a obesidade. 

Sabias que? Ao redor de 2.000 millóns de persoas dependen de medicinas tradicionais extraídas dos montes.

O modo de vida tradicional

Imaxe cedida por: M.Celeiro Montero

O modo de vida tradicional galego caracterízase por un uso sostible do territorio baseado na complementariedade e multifuncionalidade das distintas zonas que o integran: casa, agra e monte.

Tradicionalmente, o rural galego era unha economía de autosuficiencia baseada na complementariedade entre os diferentes espazos que conforman a paisaxe da que falabamos no miradoiro de Ventosa.

O territorio estaba inzado de explotacións agrarias familiares de pequeno tamaño, que traballaban moitos predios distintos, pequenos e dispersos, cunha tecnoloxía moi básica (arados lixeiros e grades de tracción animal compostos por moitos elementos de madeira) pero cun profundo coñecemento do medio.

A casa era o núcleo da explotación. Nela convivían varias xeracións da familia (avós, pais e fillos) e era habitual que compartiran espazo co gando; as cortes ocupaban parte da planta baixa da casa e as habitacións anexas a esta, pois así aproveitábase a calor dos animais para quecer a casa. A carón desta situábanse as hortas, nas que se plantaban legumes, hortalizas ou froiteiras para autoconsumo. Máis afastadas atopábanse as agras, terras de labradío delimitadas por un peche que abranguía varias parcelas abertas (leiras) e cuxa xestión se compartía con outros veciños da aldea. Nelas plantábase o millo, o trigo ou o centeo. Nas proximidades dos cursos de auga ou das zonas húmidas, atopábanse os pastos para o gando. E nas zonas altas, o monte, en moitos casos de xestión comunal, que fornecía á aldea de madeira para construír, de leña para quentar os fogares, de alimento (castañas…) e doutros moitos produtos.

Estas zonas non se xestionaban de xeito independente senón que conformaban un sistema integrado, complementándose unhas a outras.

Na primeira metade do s. XX, esta estratexia produtiva comezou a mudar por múltiples factores.

Por unha banda, púxose en marcha o proceso de concentración parcelaria, co que preténdese conseguir unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona, agrupando os predios dun mesmo propietario no menor número posible de parcelas. Na túa viaxe a Fisterra, atravesarás zonas concentradas e non concentradas. As pistas de terra rectilíneas, de longo trazado e ángulos rectos, que contrastan cos camiños máis estreitos e sinuosos doutros puntos, estanche a indicar que a zona foi “ordenada”; é dicir, sometida a concentración parcelaria.

Por outra banda, a Administración e maila industria empezaron a fomentar tamén novos usos do solo, as explotacións a gran escala e a especialización, para así seren máis competitivos no mercado. Neste contexto cobra pulo a produción de madeira con destino á industria, polo que se empezaron a introducir especies de crecemento rápido que permitían multiplicar a rendibilidade (como o piñeiro ou o eucalipto). O proceso iniciouse nos montes de utilidade pública, dependentes do Estado, pero pronto se exportou aos montes privados grazas a diferentes axudas e polos bos prezos obtidos no mercado, así como polo baixo nivel de inversión e man de obra que requiría o mantemento das masas arboradas.

A falla de man de obra foi outro dos fenómenos que contribuíron ao abandono do modo de vida tradicional galego. Os mozos emigraban ao estranxeiro ou ás cidades na procura de mellores condicións de vida, e a poboación avellentada que quedaba no rural non podía facer fronte por si soa ás múltiples tarefas que implicaba o antigo sistema.

Todos estes cambios políticos, sociais e económicos tiveron o seu reflexo na paisaxe. Os puntos de referencia na vida cotiá das aldeas, asociados a un modo concreto de relacionarse co territorio, modificáronse para sempre.

Alvarizas

A produción de mel é un dos usos asociados ao monte galego. Moitos mosteiros situados no Camiño a Fisterra, como  Ozón ou  Moirame, potenciaron esta actividade. Pero en todas as casas había colmeas, ben para autoconsumo, ben como complemento á economía familiar. Na aldea de Vilaserío aínda se conservan algunhas incrustadas nos muros, serás quen de atopalas?

A apicultura tradicional en Galicia tivo a súa máxima expansión no s. XVIII, chegando a recoller o Catastro de Ensenada ao redor de 366.000 colmeas en todo o territorio. A igrexa era a propietaria da meirande parte, e aínda hoxe en día son moitos os mosteiros que seguen a fabricala e vendela. A aparición de novos edulcorantes máis baratos no s. XIX derivou nun progresivo abandono da actividade ata os anos ’70 do s. XX, cando volve a coller de novo pulo pero con cambios substanciais no modelo de explotación.

As colmeas tradicionais (ou trobos) eran circulares, pois estaban feitas dun tronco baleirado de castiñeiro, cerdeira, carballo ou sobreira, duns 50-60cm de alto e 30-50cm de diámetro. No seu interior introducíase unha estrutura de paus cruzados nos que se suxeitaban os panais. A parte superior do trobo féchase cunha tampa de madeira ou de cortiza chamada caldullo, ou ás veces cun colmado cónico de palla seca.

Os trobos adoitaban situarse nun recuncho da horta pouco frecuentado, sollado e á beira dun valado ou sebe que os protexía dos ventos e da chuvia. Outras veces situábanse lonxe das casas, en zonas de difícil acceso, orientados ao nacente para aproveitar o sol, e próximas a zonas de vexetación abundante para que as abellas tiveran alimento. Neste caso, o recinto delimítase con muros de pedra, xeralmente circular e de certa altura para evitar a entrada de animais. Estas construcións a ceo aberto denomínanse abelllarizas ou alvarizas. Tamén hai colmeas no interior das vivendas; as chamadas lacenas son un pequeno habitáculo que se constrúe na parede orientada ó sol e que se tapa cunha táboa. Non se conservan moitas colmeas e as que seguen activas non se poden visitar por atoparse en vivendas particulares ou no monte, en zonas de difícil acceso.

Unha vez producido o mel, gardábase en vasillas especiais de barro para consumir como adozante ou coma menciña caseira. Coa cera facíanse candeas para alumear as casas e para a liturxia. De feito, moitos mosteiros medievais, como o de Ozón ou o de Moirame, cobraban os tributos en especie.

O Papel de PEFC

Os consumidores esperan que os materiais utilizados nos produtos que compran teñan un impacto mínimo sobre o medio ambiente e utilizando a etiqueta PEFC as organizacións fan visible o seu compromiso coa subministración responsable.

Asociar unha marca á etiqueta PEFC demostra que os produtos con base forestal como o papel, a madeira, a cortiza, as resinas e, mesmo os alimentos, proveñen montes xestionados de forma sostible. Isto é cada vez máis importante xa que os consumidores son moi conscientes do impacto das súas decisións de compra e toman en consideración as etiquetas ambientais. 

A través da certificación PEFC, podemos rastrexar o material desde os montes, ata a cadea de subministración e ata o produto final que compre.

A Cadea de Custodia PEFC é o seguimento dos produtos forestais durante as distintas fases do proceso produtivo e a súa posterior comercialización, para poder asegurar a rastrexabilidade dos produtos forestais desde o monte ata o consumidor final. Constitúe a etapa posterior á certificación da Xestión Forestal Sostible (do monte) e é necesaria para crear unha ligazón informativa entre a materia prima incluída nun produto forestal e a súa orixe.

A certificación de Cadea de Custodia é esencial para as empresas que buscan acceder a mercados, ambiental e socialmente responsables ou para demostrar o cumprimento con políticas públicas ou privadas de compra que especifican como requisito a subministración de materiais ambientalmente responsables. Ademais permite etiquetar os seus produtos para que os consumidores poidan identificar e elixir aqueles produtos que sosteñen un modelo de xestión forestal responsable.

En cada etapa da cadea verifícase o cumprimento do Sistema PEFC a través de auditorías realizadas por unha terceira parte independente.

PEFC impulsa diferentes iniciativas para promover o uso de produtos e materiais sostibles procedentes de bosques ben xestionados como “Forest For Fashion” ou “Fashions change, forests stay. Comprometidos co futuro dos bosques” que teñen como obxectivo o mundo da moda (Vídeo , saber máis) ou a campaña “Sabores de Montes Sostibles” (aquí)

4. Negreira
Subir
6. Corzón

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia