As árbores xogan un papel esencial na loita contra a contaminación nas cidades.Compostela conta múltiples espazos verdes de características moi diversas, desde parques, xardíns ata contornas forestais que transforman a capital galega co paso das estacións.  

Árbores senlleiras, Áreas de Especial Interese Paisaxístico, MOITO POR DESCUBRIR nunha cidade que conta cuns 52m2 de superficie verde por habitante, o que a sitúa moi por riba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (15m2).  

PEFC traballa activamente para concienciar sobre a importancia das árbores na vida das cidades e a súa adecuada planificación.

Que saber?
Que ver?
A madeira na Catedral
Curtidoiros
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Que saber?

AS ÁRBORES E OS BOSQUES URBANOS actúan como filtros de aire e auga, eliminando os contaminantes nocivos, almacenan carbono e contribúen a mellorar o clima local. 

Constitúen o hábitat de gran cantidade de plantas e animais, e axudan a manter e aumentar a biodiversidade. Tamén reducen a contaminación acústica. 

A dispoñibilidade de zonas verdes fomenta estilos de vida activos e saudables, melloran a saúde mental, preveñen enfermidades e facilitan a relación entre as persoas. 

Estes, entre outros moitos, son algúns dos beneficios que xeran na vida de máis da metade da poboación mundial, que vive nas cidades e áreas metropolitanas. Estas ocupan tan só un 3% da superficie da Terra pero representan ao redor do 70% das emisións de carbono mundiais e consumen máis do 60% dos recursos. Agárdase que no ano 2030 o 60% da poboación viva en metrópoles (ONU). 

Que ver?

Compostela conta con múltiples espazos verdes de características moi diversas. Aquí podes consultar o patrimonio natural de Santiago de Compostela; e aquí, unha estimación da distancia e tempo de desprazamento a pé entre elas. 

Convidámosche a coñecer máis a fondo dous deses espazos:

Monte Pedroso

Parque da Alameda

Paisaxe Santiago de Compostela

O Pedroso

O Monte Pedroso érguese a uns 3km ao Oeste de Compostela e conta cunha superficie de 106 hectáreas, das que 85 están arboradas. Está catalogado como ÁREA DE ESPECIAL INTERESE PAISAXÍSTICO (AEIP) dentro do Catálogo das Paisaxes de Galicia, e nel atoparás castiñeiros, carballos ou bidueiros, especies propias do bosque atlántico.

Se che gustan os parques urbanos, achégate ata A Granxa do Xesto. Alí atoparás unha cafetería, un parque infantil e rutas de sendeirismo que ascenden ao cumio do Pedroso, desde onde poderás gozar dunha visión panorámica da cidade. Os carballos, castiñeiros, piñeiros e bidueiros son as especies mais comúns no parque, se ben tamén hai algún exemplar de teixo, abeleira, espiño e cedro de California. A auga agroma dos mananciais creando pequenas lagoas onde medran gran variedade de herbáceas, lentella de auga (Lemns sp), lirio amarelo (Iris pseudocorus), fento real (Phargmites australis), nenúfar branco (Nymphaea alba) e arbustos como o toxo (Ulex europaeus), xesta negra (Cytisus scoparius), xesta branca (Genista florida), roseiras silvestres (Rosa sp) e varias especies de breixos (Erica sp).

Pero se prefires unha contorna máis rural, achégate ata A Selva Negra. Trátase dun parque forestal cunha vexetación moi frondosa, como indica o seu nome. Foi creado no s. XVII polos veciños de Marrozos, Aríns e O Eixo, por orde do Concello de Santiago e do Convento de Santa Clara, propietarios dos terreos. O predio ten unha extensión de 22ha e nel plantáronse carballos, bidueiros, salgueiros, ameneiros, abeleiras, sobreiras, loureiros e piñeiros, e froiteiras como maceiras, pereiras, pexegueiros e ameixeiras; desde o Miradoiro do Alto podes observalos. Xunto ao arborado, tamén había terras de labranza e pastoreo; por iso se delimitou cun valado toda a parcela.

A Alameda

Na Alameda, atoparás moitas árbores significativas incluídas no CATÁLOGO GALEGO DE ÁRBORES SENLLEIRAS. Se queres coñecer as árbores e arbustos, os seus nomes comúns e científicos, a súa tipoloxía, orixe, distribución e a súa localización, prema aquí. Senón, no teu paseo atoparás placas explicativas en distintos idiomas, incluído o braille.

A historia deste parque está estreitamente vencellada á da cidade. As orixes da Alameda sitúanse no s. XII, cando Diego Xelmírez (o primeiro arcebispo de Compostela e o gran impulsor da catedral e da peregrinación xacobea) mandou soterrar os restos de Santa Susana nunha capela emprazada no Outeiro dos Poldros. Este coto localizábase a escasa distancia da cidade medieval, pero fóra do recinto amurallado. Porén, co tempo, a Alameda converteuse no nexo entre as distintas zonas da cidade: o Casco Histórico, o Ensanche e o Campus Universitario.

A capela románica sufriu distintas remodelacións ao longo do tempo, e tamén a súa contorna. A zona poboouse con 300 carballos e de aí a súa denominación como Carballeira de Santa Susana. Como en todas as carballeiras galegas, alí celebrábanse as romarías, pero tamén todas aquelas actividades que non eran ben acollidas dentro da muralla, como a venda de gando, un uso que se mantivo ata 1971.

No s. XIX puxéronse en marcha distintos proxectos que tiñan como obxectivo ampliar este lugar de esparexemento urbano e que moldearon o espazo ata darlle a súa configuración actual.

O Paseo Central comeza a construírse en 1835 en paralelo á vía que comunicaba Compostela coa cidade de Pontevedra (a actual Avenida de Juan Carlos I). Nel diferéncianse 3 rúas, separadas entre si por arborado (camelias, tilos e plátanos) e bancos de fundición da emblemática fábrica de Sargadelos, símbolo da identidade galega. Cada rúa era empregada por unha clase social: á dereita as clases pobres, no centro os adiñeirados e na esquerda o clero e os catedráticos.

Os xardíns configúranse xeometricamente, albergando distintas construcións, como un estanque ou un quiosco da música. Entre o arborado, destaca un exemplar de sequoia e unha magnolia, así como exemplares conmemorativos de diversos feitos e procedentes de doazóns, con cadansúa placa explicativa.

O Paseo da Ferradura completa o deseño da Alameda. Recibe o seu nome pola súa forma, xa que rodea a Carballeira de Santa Susana polo L, N e O. Polo L discorre o Paseo dos Leóns, flanqueado por varias fiadas de carballos e coas mellores vistas á catedral. Polo O, o Paseo das Letras Galegas comunícase a través dunha gran escalinata co campus universitario, outra das grandes zonas verdes da cidade. Nesta zona atópanse algunhas árbores destacadas, como ‘La Perona’, ligada á visita de Eva Duarte de Perón a Santiago, algúns cipreses de Lawson, abetos do Cáucaso, cedros ou palmeiras canarias, entre outros. Finalmente, no Paseo de Bóveda (así chamado na honra dun dos mecenas da obra) localízase o Banco dos Namorados, que pola súa forma cóncava posibilita que dúas persoas se escoiten con claridade a pesares de atoparse a 14m de distancia, cada un sentado nun extremo. Son moitos os que aínda se sentan a comprobalo efecto acústico.

Na Alameda localízanse ademais gran cantidade de esculturas e monumentos. A actual escola infantil Santa Susana, recentemente reformada empregando como elemento principal a madeira, é un dos edificios máis destacados do parque, construído para a Exposición Rexional Galega de 1909, pero quizais, un dos elementos máis populares da Alameda é a escultura das “Dúas en punto” ou “Das Marías”. Instalouse no ano 1994 para lembrar ás irmáns Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, falecidas na década anterior. Eran fillas dunha costureira e un zapateiro e irmáns de militantes da Confederación Nacional do Traballo (CNT), unha entidade anarcosindicalista perseguida polo franquismo. Cos seus irmáns fuxidos, elas foron obxecto de todo tipo de violencia e presións por parte das forzas da orde; mais como xesto de rebeldía e liberdade, saían todos os días a pasear pola cidade ás dúas en punto do mediodía; cada xornada, cunha vestimenta diferente e chea de cor, fumando e mesmo dicíndolle piropos ós homes, o que estaba moi mal visto na sociedade daquel entón. Gracias a unha colecta popular, descansan xuntas no camposanto de Boisaca.

Coralia (esquerda) e Maruxa (dereita).

A madeira na Catedral

Entre os moitos valores que alberga a Catedral, atópase un importante patrimonio cultural en madeira. Para contribuír á súa conservación, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira) da Axencia Galega da Industria Forestal – XERA e a Fundación Catedral asinaron un acordo de colaboración que contemplaba o asesoramento de aspectos relacionados coa diagnose, recuperación de estruturas e recomendacións de deseño construtivo, entre outros.

Os resultados permitiron manter numerosos elementos orixinais como os xugos de carballo das campás inspeccionadas, que continúan cumprindo a súa función máis de tres séculos despois de ser erixidos.

Noutros casos, como nas cubertas absidais, a madeira estrutural de castiñeiro substituíu as cubertas existentes realizadas con outros materiais, e que presentaban numerosos problemas de infiltracións.

De especial interese foi a diagnose da estrutura do baldaquino que descubriu un importante problema de consideración estrutural que puido ser reparado.

Fonte: XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

Algunhas destas actuacións foron presentadas no Congreso Lignomad – Rede para o impulso da madeira e outros materiais lignocelulósicos no sector a construción (relatorio), e a Televisión de Galicia mostrou no programa “Descubrindo a Catedral de Santiago” o resultado da restauración realizada.

Ao longo do teu Camiño poderás comprobar a relación con outros puntos como no Castelo de San Carlos (Fisterra), e contarémosche a importancia do sector forestal e a madeira na construción, entre outros.

Curtidoiros

A fábrica de curtidos de Ponte Sarela

No teu Camiño descubrirás o papel que xogan as árbores en sectores tan diversos como o téxtil, o pesqueiro ou a construción, entre outros. 

No núcleo de Ponte Sarela, verás os restos dunha fábrica de curtidos, hoxe parcialmente restaurada para uso residencial. Descubre con nós a relación dos bosques co proceso de curtido.

* non acondicionada para visitas; as ruínas vense desde o Camiño.

Compostela, Allariz ou Noia foron algúns dos principais focos da industria do coiro en Galicia, pero practicamente en todas as parroquias había un curtidoiro. Habitualmente, nestes curtidoiros locais non se desenvolvían todas as fases do proceso de curtido, senón que se complementaban entre si. É na primeira metade do s. XVIII cando este modelo cambia, dando paso ás fábricas de capital privado, con traballadores asalariados, nas que se centraliza todo o proceso. A principios do s. XIX, en Compostela rexistrábanse 25 establecementos; todos eles localizados na periferia da cidade por mor dos malos cheiros que xera esta actividade. Esta fábrica en concreto construíuse en 1790 e estivo activa ata 1959.

Nos curtidoiros fabricábanse pergameos para escribir, pelellos para almacenar líquidos, o fol das gaitas, as cinchas dos arneses do gando, as alforxas, pezas de vestir (como cintos, chalecos, luvas ou calzado) e mesmo as correas de transmisión da primeira maquinaria.

Inicialmente, as peles proviñan dos matadoiros locais, pero co tempo empezaron a chegar de América a través do porto da Coruña (unha media de 24.000 coiros anuais). Maioritariamente, empregábanse peles de vaca ou tenreira, pero tamén de ovella ou becerro.

Nesta fábrica en concreto producíronse sobre todo solas, empeñas e canas para todo tipo de calzado, a partires de pel de vaca ou tenreira.

No proceso de curtido era esencial dispor de auga, de aí que as fábricas se localicen sempre nas ribeiras dos ríos (neste caso, o Sarela). Tamén localízanse preto do monte, onde se aprovisionan da casca de carballo e castiñeiro necesaria no proceso de curtido. Co incremento da demanda, a materia prima dos montes locais resultou insuficiente, o que derivou nun comercio a escala galega.

No proceso de curtido, primeiro había que eliminar os restos adheridos: as peles limpábanse no río, metíanse en cal e rasurábase o pelo cunhas coitelas. De seguido, somerxíanse en pías que contiñan unha mestura diferente de auga e líquido acidulante, durante 4 ou 6 meses, e separadas entre si por cáscara de castiñeiro ou carballo. Na primeira pía colocábanse coa parte que tivo pelo cara abaixo, e na segunda, cara arriba. Finalmente, secábanse ao aire e mazábanse para homoxeneizar a peza. O proceso continuaba no caso dos coiros brandos (ovella e becerro), untándolles aceite de sardiña para abrandalos.

O emprego de cascas de carballo e castiñeiro xustifícase pola concentración de taninos, un elemento químico que favorece a unión das moléculas de coláxeno da pel, aportándolle dureza (é dicir, cúrtea). Para facilitar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun muro circular de 30-40cm de alto e de 3-4m de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril. Precisábanse uns 5kg de casca por cada Kg de pel. A finais do s. XIX empezaron a empregarse taninos artificiais e outros métodos de curtido (como o cromo), que reducían o tempo de traballo; mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns 410 días, cos novos sistemas abondaba con 180.

As fábricas de coiros aproveitaban todos os refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola para os carpinteiros e para as fábricas de papel; e o pelo desprendido das peles para a fabricación de cepillos e brochas.

O Papel de PEFC

PEFC traballa activamente para concienciar sobre a importancia das árbores e bosques na vida das cidades. Unha planificación da xestión dos espazos verdes urbanos a curto, medio e longo prazo é fundamental para poder aplicar criterios ambientais, sociais e económicos. Desta forma poderase garantir que as cidades máis verdes contribúen á mitigación do cambio climático, á saúde da poboación e a outros moitos beneficios.

PEFC na súa Norma PEFC ST 1003:2018 Xestión Forestal Sostible, proporciona a interpretación para desenvolver requisitos rexionais, nacionais e subnacionais e normas aplicables a Árbores Fóra dos Bosques (TOF-Trees outside Forests). 

Existe unha rica diversidade global de sistemas TOF. Algúns son ecosistemas naturais ou  seminaturais con complexidade ecolóxica e servizos ecosistémicos equivalentes aos bosques naturais. No outro extremo do espectro son árbores individuais en campos ou formacións arbóreas lineais. Por iso PEFC establece diferentes requisitos, categorías, umbrais e criterios para distinguir obxectivamente entre diferentes sistemas TOF.

O selo PEFC axuda a dar cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 a través dos modelos de xestión sostible, desde unha óptica ambiental, social e económica, visibilizando á súa vez, o papel dos bosques e do sector forestal na bioeconomía circular. 

ÁRBORES
Subir
2. VENTOSA

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia