As árbores teñen un papel esencial nas nosas vidas.

Son os principais sumidoiros de CO2 naturais do planeta, proporcionan osíxeno e limpan o aire que respiramos. Conservan os solos e as augas, albergan biodiversidade, proveen de alimento e materia prima renovable, proporcionan traballo, axudan a mellorar a saúde física e mental, regálanche sombra e abrigo no teu Camiño ao tempo que embelecen a paisaxe. 

Queres coñecer as árbores mais destacadas do noso territorio?

Castaño
Piñeiro
Carballo
Eucalipto
Ameneiro
Bidueiro
Volver ao mapa

CASTIÑEIRO.
Castanea sativa

Castiñeiro. Castanea sativa

Como é?

O castiñeiro é unha árbore frondosa esvelta, que pode alcanzar os 30 metros de altura e cítanse casos de ata 1.000 anos de idade. A súa copa é densa e esférica, con ramas grosas. O tronco é dereito, curto e groso nos pés illados, e recto e longo en espesura. Nos exemplares máis vellos ás veces é oco. A cortiza é lisa verde-parda ao inicio, volvéndose cincenta e gretada coa idade.

Castiñeiro · Arbores

As Follas do castiñeiro son longas, simples, alternas e caducas, cun pecíolo curto e limbo lanceolado. Os bordos con dentes de serra, e a súa cor vai de verde brillante a verde escuro na face e máis claro no  envés.

As flores masculinas agrúpanse en longos e estreitos  filamentos amarelos (amentos), primeiro verdes e logo ocre claro. As flores femininas están dispostas en grupos de tres na base dos amentos. 

Os froitos, as castañas, están envoltos por unha cápsula espiñenta chamada ourizo.

Sistema radical potente, estendido e robusto.

Para que se usa?

O castiñeiro proporciona madeira, froito, sombra,… e enriquece as condicións do solo no que vive. As excelentes características da súa madeira deron lugar a que fose amplamente utilizada para os máis variados usos. Empregouse tradicionalmente para a construción (pontóns e vigas), carpintería interior e exterior, toneles, barcas, postes e hórreos. Coas varas máis finas desta árbore fabrícanse cestos. Sempre foi moi apreciada para a elaboración de mobles,  chapado fino ou  ebanistería en xeral. Outra aplicación foi o aproveitamento dos seus taninos na industria dos curtidos.

Na actualidade, o castiñeiro é unha das especies forestais máis importantes e apreciadas pola calidade da súa madeira e as súas múltiples aplicacións.

Segundo o obxectivo do propietario forestal, sexa o castiñeiro destinado á produción de froito, madeira ou mixta, aplicaranse actuacións silvícolas diferentes.

Siuación actual do Castiñeiro

Situación actual en Galicia

O castiñeiro enténdese por toda a rexión galega. Gusta de solos frescos, soltos e profundos, sen fortes secas estivais nin xeadas invernais. Actualmente, Galicia conta cunha extensa superficie con presenza de castiñeiros, ben como especie principal, ocupando unha superficie de 12.500 hectáreas en masas puras, ou secundaria en formacións mixtas, chegando a unha superficie de 46.455 hectáreas segundo os datos do IV Inventario forestal nacional. Os soutos, formacións dominadas por castiñeiros, ocupan un 3,48% da superficie arborada na nosa Comunidade

PIÑEIRO BRAVO.
Pinus pinaster

Piñeiro en Galicia

Como é?

O Piñeiro é unha árbore conífera, mediana de entre 20 e 40m de altura. A súa copa ten forma piramidal en idades novas e posteriormente máis redondeada. O tronco é dereito ou flexuoso, e a súa cortiza negruzca e áspera que se greta coa idade. 

As súas follas son agullas envainadas de 2 en 2, ríxidas, grosas e longas de 15 a 17 cm. Poderás diferenciar facilmente o piñeiro pinaster do radiata polo número de agullas, xa que neste último van 3 en 3. As flores ou conos floríferos prodúcense a comezos de primavera. As ramas son rectas e regularmente verticiladas ata idade avanzada.

As piñas aparecen sentadas na ramiña, alongadas, asimétricas. Os piñóns son pequenos e, cando a piña madura e ábrese, saen cunha ala membranosa para facilitar a dispersión polo vento.

O Sistema radical é moi forte, coa raíz principal penetrante e as secundarias moi desenvolvidas.

Para que se usa?

Carpintería de interior e semiexterior (portas, xanelas, tarima, frisos). Taboleiro alistonado. Taboleiro contrachapado con uso estrutural. Palets. Envases e embalaxes. Construción auxiliar (puntais, encofrados). Pasta de papel. Taboleiros de partículas e fibras.

Do piñeiro tamén podemos obter resina, utilizada para a elaboración de produtos tan diversos como cosméticos, pinturas, vernices e mesmo compoñentes electrónicos ou alimentación.

Situación actual do piñeiro

Situación actual en Galicia

O piñeiro do país, encóntrase preferentemente en solos pobres, areosos e acedos, polo que é frecuente en zonas próximas á costa, aínda que esta especie pode alcanzar os 1.000m de altitude. Segundo datos do IV Inventario Forestal Nacional, os piñeirais en Galicia ocupan un 39% da superficie arborada. O Pinus pinaster é a especie principal, con máis de 200.000 hectáreas (15% das coníferas) seguido do radiata e sylvestris, e en moitas ocasións mesturado con outras especies como o eucalipto. 

CARBALLO.
Quercus robur

Arbore Carballo en Negreira

Como é?

O carballo é unha árbore robusta, de porte maxestoso que pode superar os 40 metros de altura. A súa copa é ampla e regular, de ramificación enmarañada coas ramas principais en candelabro e as secundarias sinuosas. 

O tronco é dereito, corto, e alcanza grandes diámetros nos exemplares illados, cunha cortiza grisácea e lisa, volvéndose gretada e parda coa idade. As follas son grandes, simples, alternas e caducas. Son lampiñas nas dúas caras, de cor verde intensa na face e máis pálidas no envés, con nervios ben marcados. O bordo lobulado e redondeado. 

Froitos do Carballo

Flores en amento. Landras suxeitas por longos pedúnculos con estrías escuras lonxitudinais.

O Sistema radical fortemente desenvolvido, penetrante e profundo.

Para que se usa?

A madeira emprégase na construción, carpintería, ebanistería, tarimas, decoración interior, travesas, apeas, tornería, talla, chapa, cubas, postes, toneles. Noutros tempos, moi empregado na construción naval, pontes, presas, carros, rodas, pezas de máquinas, vagóns, etc.

A leña e o carbón son combustibles de alto contido calorífico. A súa cortiza, rica en taninos, empregábase para o curtido de peles.

As landras foron empregadas como alimento antes da chegada dos romanos, consumíanas tostadas ou moídas en fariña para facer pan; hoxe día empréganse para o alimento do gando, especialmente porcos, xa que dan bo sabor á súa carne.

Follas do carballo

Situación actual en Galicia

O carballo é un especie frecuente nos vales galegos e bosques de ribeira, crece en solos profundos, soltos e frescos. Segundo os datos do IV Inventario Forestal Nacional, o 17,51% da superficie arborada en Galicia está formada por carballeiras. O Quercus robur, con 125.000 hectáreas, é a especie principal e en moitas ocasións pode aparecer mesturada con outras especies.

EUCALIPTO.
Eucalyptus globulus

Eucaliptos en Galicia

Como é?

É unha árbore frondosa perennifolia moi elevada, de ata 65  m de altura. A súa copa é escura, pouco densa, alargada e moi irregular. O tronco dereito e con tendencia á torsión helicoidal, con cortiza caediza, lisa, fibrosa, ao principio esbrancuxada e logo pardo – agrisada. As follas dimórficas (de dúas formas), as xuvenís son opostas anchamente lanceodas, sen pecíolo de cor verde pálido a gris azulado. As adultas, alternas estreitamente lanceoladas, con pecíolo. Verde escuras e lustrosas.

Flores solitarias ou en grupos de 2-3, con numerosos estames de cor branca. O froito é unha cápsula campaniforme de cor verdosa, pardusca o grisácea segundo o grao de madurez, que contén pequenas e abundantes semillas.

O Sistema radical penetrante, laterais superficiais que se desenvolven aos poucos anos con rapidez.

Para que se usa?

Árbore empregada para a produción de madeira, aceites esenciais e, fundamentalmente, pasta de papel. Os seus longos troncos utilízanse para a construción das bateas tan frecuentes nas rías galegas. A súa madeira úsase para serra, carpintería, construción estrutural, parqué, mangos de ferramentas, etc.

É unha árbore melífera, produtoras de abundante mel, o que atrae ás abellas e outros insectos axudando ao transporte do pole.

Situación actual en Galicia

O Eucalipto é unha especie moi estendida en Galicia debido a que grandes áreas da nosa comunidade resultan idóneas para o seu desenvolvemento, polas precipitacións, temperaturas medias e a ausencia de grandes períodos de xeadas. Segundo datos do IV Inventario Forestal Nacional, o conxunto de eucaliptais en Galicia, ocupan máis do 26% da superficie arborada. O Eucalyptus globulus é a especie principal, pero nos últimos anos o Eucalyptus nitens tivo un incremento moi considerable, debido principalmente á súa resistencia ao gurgullo do eucalipto (defoliador). 

AMENEIRO.
Alnus glutinosa

Ameneiro árbore frondosa mediana

Como é?

O ameneiro é unha árbore frondosa mediana, de 17-22m de altura, cunha copa densa, regular, piramidal nos individuos novos e máis redondeada nos adultos con ramificación irregular. O seu tronco é dereito, cilíndrico e bastante limpo cunha cortiza lisa brillante, pardo verdosa nos novos e escura nos adultos.  

As Follas simples, alternas e caducas, redondeadas no ápice e sinuoso dentadas. Son verdes nas dúas caras, aínda que máis pálidas polo envés.  As follas novas son pegañentas, e fan a súa aparición en abril ou maio. As flores masculinas dispóñense en longos pedúnculos colgantes denominados amentos que albergan o pole. As flores femininas forman ao madurar unhas estruturas semellantes a pequenas piñas que conteñen as sementes.

O Sistema radical non é moi profundo, pero está moi ramificado, sobre todo nos solos húmidos e pouco profundos. 

Para que se usa?

Esta especie vive asociada aos cursos de auga formando bosques galería chamados ameneirales e cohabita con outra vexetación de ribeira como salgueiros, bidueiros e freixos.

Utilízase na fabricación de chapas e taboleiros contrachapados, torneados, mobiliario, carpintería de interior (frisos, molduras, rodapés…), artesanía, mangos de utensilios e xoguetes. É fácil de tornear con ela elabóranse pequenas pezas como cubertos, mangos, lapis, cuncos,  zocos, caixas, patas de mobles, etc. Ten facilidade para admitir tinguiduras.

Ameneiro arbore de follas simples

Situación actual en Galicia

O ameneiro é unha árbore que aparece en toda Galicia, especie típica de zonas de ríos, arroios e lagoas, onde forma verdadeiros bosques de galería, xunto a outras especies como o bidueiro e o salgueiro. Os bosques ribeira representan un 2% da superficie arborada da comunidade, e esta proporción mantense nas catro provincias respecto a o seu total arborizado. 

BIDUEIRO.
Betula pubescens

Como é?

O bidueiro é unha árbore frondosa de mediana altura, entre 25-30m, cunha copa redondeada, irregular con moitas follas, pero de sombra clara. O tronco é dereito ou algo flexuoso, con ramas erectas e ramillos colgantes, e cunha cortiza branca ou prateada.

As follas son simples, alternas, caedizas, colgantes e dobremente aserradas, con nervios moi marcados. As flores en amentos colgantes e o seu sistema radical baséase en raíces secundarias moi extendidas e superficiais.

Para que se usa?

Atópase na beira dos ríos e nas zonas húmidas, normalmente acompañado doutra vexetación típica de ribeira, como o ameneiro ou o salgueiro.

A madeira é pouco dura e elástica. Úsase para a construción, carpintería, ebanistería, mangos de ferramentas, utensilios diversos e obxectos de pequeno tamaño.

Situación actual en Galicia

O bidueiro é unha árbore moi abundante en Galicia, sobre todo nas provincias de A Coruña e Lugo. Aparece nas marxes dos ríos e ladeiras húmidas. O bidueiro resiste condicións climáticas duras, os fríos intensos, ventos e nevadas. Os datos do IV Inventario Forestal Nacional indica que o as formacións de bidueirais para Galicia ocupan o 2,66% da superficie forestal arborada. É moi habitual atopar bidueiros mesturados con outras especies como o ameneiro. 

16. Cee
Subir
1. Compostela

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia