Os muíños son un dos elementos da arquitectura popular que máis abunda en Galicia. Isto débese fundamentalmente a dous factores: por unha banda, a facilidade para xerar enerxía hidráulica nun país cunha rede fluvial e unha liña de costa tan ampla como a nosa; e por outra banda, porque os muíños son parte esencial do proceso de fabricación do pan, que durante moito tempo foi o alimento principal da nosa xente. O Paseo Fluvial do Río Negro sorprenderache.

Con PEFC coñecerás os beneficios que un ecosistema achega á sociedade. Os servizos ecosistémicos. 

Os Muiños

Existen múltiples tipoloxías de muíños. Atendendo á propiedade, poden ser muíños de parceiros, construídos e utilizados exclusivamente por un grupo de persoas con dereitos e obrigas colectivas de mantemento; e muíños de maquía, onde o servizo se facía a cambio dunha parte da moenda (maquía). Na maioría moíase o gran para facer o pan; os muíños son un chanzo máis no proceso de elaboración do pan xunto coas eiras de mallar, os hórreos e os fornos, dos que xa falamos ao pasar por Ozón. Pero tamén se moían olivas para obter aceite, cortizas das árbores para curtir peles, etc. Así mesmo, atendendo á enerxía que empregan para funcionar, os muíños poden clasificarse en: muíños de vento (que se constrúen en Galicia a partires do s. XIX), muíños de sangue (movidos por mulas ou bois) e muíños hidráulicos (accionados pola forza da auga dos ríos ou do mar). Estes últimos son os que máis abundan: os muíños de río introducíronse na Idade Media, e os de mareas nos s. XV-XVI. Dentro destes tamén se poden diferenciar distintas tipoloxías en función do mecanismo de moenda e da maneira en que a auga chega ao muíño. Como diciamos, as tipoloxías son moi variadas.

Paseo Fluvial do Río Negro

Ao longo do Paseo Fluvial do Río Negro distribúense 17 muíños que podes visitar seguindo a pasarela de madeira que remata na Praia de Area Maior, en Merexo. Trátase de construcións sinxelas de forma cadrada ou rectangular con muros de cachotería, sen ningún tipo de revestimento. A cuberta é a dúas augas e de tella, sobre un armazón de madeira. As dimensións varían consonte ao número de pezas de moer que acollan; neste caso, unha ou dúas por cada muíño, pero poden chegar a cinco. Xunto á porta de acceso sitúase unha peza de granito chamada pousadoiro que sobresae uns 30 ou 50 cm e que servía para pousar nela o saco de gran. 

 No curso do río construíuse unha pequena presa de lousas de pedra para desviar a auga, que discorre por unha canle ata os muíños. Neste caso, a canle é de pedra, pero podía ser de madeira. A auga entra na edificación a través do inferno, filtrada na grade, unha reixa que impide o paso de paus e pedras. A forza da auga move a roda, que tamén soe ser de madeira; pode ser horizontal (rodicio) ou vertical (bruia), e que é a que acciona a peza de moer. Suxeita do teito, está a moega, unha caixa de madeira en forma de pirámide invertida, aberta pola parte superior por onde se bota o gran, e pola inferior por onde cae na moa. A moa e o son as pezas de pedra que moen o gran; a primeira é a que xira mentres a segunda se mantén fixa. Segundo o tipo de gran, as pezas de moer son de distinta calidade e reciben distintos nomes: as pedras brancas ou albeiras, para moer o trigo e o centeo; e as do país ou pedra mourenza, para o millo.

Aínda que a pedra é o material predominante, os muíños son un exemplo do emprego da madeira como material de construción, non só para a teitume ou carpinterías da edificación, senón tamén nos aparellos de moenda.

Das xuntas da moa e do pé sae a fariña que vai caer nun lugar chamado farneiro. Distínguense distintas calidades: o óleo é fariña moi fina; o farelo é fariña brava con casca de gran; e o picón, son grans machucados.

Os muíños eran tamén un centro de reunión social no que a xente se entretiña mentres agardaba a quenda, e moitos sitúan aquí as orixes das muiñeiras, o baile tradicional galego. Moitos dos instrumentos da música tradicional galega están elaborados por diferentes compoñentes, entre eles, a madeira: pandeiretas, pandeiros, gaitas, tamborís, bombo…

A partires dos anos 50 empeza o abandono destes muíños, substituídos por muíños eléctricos.

Mosteiro de Moirame

Moi preto, emprázase o Mosteiro de Moirame, construído no s. XII e do que só se conserva a igrexa. Tamén aquí o teito é de madeira. A fachada principal está flanqueada por dous campanarios; o do lado N mantense como estaba orixinalmente, pero o do S sufriu modificacións. Un espazo porticado moderno agocha o pórtico románico, que moitos estudosos vencellan pola súa técnica ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Na fachada S hai unha porta de acceso, tamén de estilo románico, que estivo tapiada ata non hai moito e que comunicaba a igrexa co mosteiro. Ademais da espectacularidade arquitectónica, no interior destacan as pinturas descubertas baixo a capa de cal que cubría as paredes. Trátase de 8 lenzos nos que se representan os 7 pecados capitais e a morte. Os historiadores dátanas no s. XVII pero algúns defenden a súa orixe medieval. 

Baixo o mosteiro medieval, as intervencións arqueolóxicas demostran que este espazo estivo ocupado tanto polos xermánicos como polos romanos. Por unha banda, documentáronse 8 tumbas de época visigoda, escavadas no substrato, con orientación O-L e asociadas a pezas de bronce (un broche e unha cruz). Por outra banda, aparecen tamén estruturas de canalización de auga e un hipocausto (unha cámara oca situada debaixo do chan e por onde circulaba aire quente), que estarían a indicar a existencia dunha vila romana de época tardoimperial.

O Papel de PEFC

Os servizos ecosistémicos son aqueles beneficios que un ecosistema achega á sociedade, sustentan a nosa saúde, a nosa economía e a nosa calidade de vida. 

Pódense considerar catro tipos distintos de servizos ecosistémicos, segundo o beneficio que ofrezan:

Os servizos de abastecemento son os beneficios materiais que as persoas obtemos dos ecosistemas, como a subministración de alimentos, auga, fibras, madeira…

Os servizos de regulación son os beneficios obtidos das funcións crave dos ecosistemas, como a regulación do clima e do ciclo da auga, o control da erosión do solo, a  polinización…

Os servizos culturais son os beneficios inmateriais que as persoas obtemos dos ecosistemas, relacionados co tempo libre, o lecer ou aspectos máis xerais da cultura.

Os servizos de apoio, son necesarios para a produción de todos os demais servizos ecosistémicos, por exemplo, ofrecendo espazos nos que viven as plantas e os animais, permitindo a diversidade de especies e mantendo a diversidade xenética.

Os servizos ecosistémicos, combinan a preservación do medio natural á vez que se fai un uso e desenvolvemento sostible. A certificación forestal PEFC emprega indicadores e parámetros que permiten medir estes servizos e a calidade da nosa interacción coa contorna. 

Coa certificación PEFC en España, avaliamos a situación e evolución dos montes, a través dos indicadores e parámetros establecidos na Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal Sostible, como o Criterio 5, de Mantemento e mellora apropiada da función protectora na xestión dos montes, no cal débense identificar as zonas potencialmente sensibles e a existencia de medidas preventivas e correctivas adoptadas e implantadas, co obxectivo de protexer o solo fronte á erosión, previr de efectos adversos referentes á calidade das augas, tendo especial coidado na regulación do ciclo hidrolóxico, a estabilización de leitos, a protección de ribeiras, etc., e adoptar as medidas correctivas en caso de ser necesarias. 

Debemos por tanto, contar con ferramentas que permitan identificar que opcións de xestión axudan a mellorar estes beneficios e evitar riscos potenciais para os ecosistemas e as sociedades.

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia