Muxía é coñecida pola súa igrexa parroquial, o miradoiro do Corpiño, o Santuario da Barca e a Pedra de Abalar, entre outros atractivos. Porén, nós recomendámosche visitar tamén algún dos secadoiros de congro que aínda seguen activos na vila. Son un patrimonio máis descoñecido, pero moi valioso pola súa singularidade. Descubre porqué!

O sector forestal será a panca que axude a outros sectores na transición cara unha bioeconomía circular, ofrecendo solucións con certificado de sostibilidade PEFC.

Os Secadoiros de congro
Os Salgadoiros
Santuario da Barca
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Os secadoiros de congro

A conservación dos alimentos foi unha preocupación principal desde tempos remotos. Secar, afumar, salgar ou escabechar o peixe era unha forma de conservalo cando non se consumía en fresco. Nós ímosche a falar de dous deses métodos: o secado e a salga.

O secado consiste na deshidratación parcial do peixe polos efectos do aire e do sol. No afumado empréganse madeiras pouco resinosas (bidueiro e loureiro principalmente) que reducen a humidade do peixe, incrementando o seu tempo de conservación. A inmersión do alimento en sal (salgado) ou nun mollo ácido (escabechado) tamén detén a putrefacción. Porén, estes procedementos artesanais foron desaparecendo cando se xeneralizou a comercialización de conservas herméticas.

Os secadoiros de Os Cascóns e o da Pedriña son os únicos secadoiros de congro en activo da Península Ibérica. No da Pedriña aínda se fai o proceso de curación e secado de xeito artesanal. 

Secar ou curar o congro é unha tradición que algúns remontan á Idade Media, pero que polo menos se facía xa nos s. XV e XVI. É nesta época cando se documentan intercambios entre Muxía e pobos de Cataluña, Aragón ou Castela. Os aragoneses, por exemplo, traían cordas para as embarcacións e cobraban en especie os congros secos. 

Os secadoiros instálanse na beiramar, en lugares sollados e con vento do nordés. Están formados por unha estrutura de varais de madeira entrecruzados (cabrias). Seguindo o procedemento tradicional, o congro sométese ao esmunifado, que consiste en abrirlle a cabeza cun machado sobre un cepo baixo. A continuación, nun táboa inclinada, realízase o lañado, que consiste en abrir o peixe lonxitudinalmente para extraerlles as tripas e a peza de carne. Despois, cun coitelo de grandes dimensións, fanse buratos na pel do peixe para conseguir un secado máis intenso e rápido. Lávase na auga de mar e envárase, introducindo unha vara polos buratos da parte superior, para así manter a pel estirada. A vara cólgase nas cabrias e retírase despois de 1 ou 2 semanas (dependendo do clima), para enfardalo nun prensa e embalalo.

Os salgadoiros

En Galicia xa se documentan salgadoiros dende época romana, e os documentos medievais aluden á exportación de peixe salgado e de polbo seco e curado ao aire dende os nosos portos. Porén, será da man dos comerciantes cataláns que empezan a chegar a Galicia no s. XVII cando a industria conserveira galega tome verdadeiro impulso.

Inicialmente, os cataláns viñan a mercar o peixe (principalmente sardiña, pero tamén xardas, agullas, bocarte ou atún) para aplicarlles métodos de salgadura propios do Mediterráneo. Instalaban pequenos barracóns de madeira a carón do mar e alí intercambiaban viño, aceite ou xabón por peixe. Porén, xa desde inicios do s. XIX empezan a establecerse aquí con pequenas empresas, introducindo novas técnicas de salgadura e novos sistemas de traballo. Ao igual que no caso da madeira, privatízanse os medios de produción e xorden os primeiros traballadores asalariados.

En Galicia, o método de salga habitual era o escochado, que consiste en limpar unha a unha cada peza de pescado, sacándolle cabeza, espiña e tripas, para despois metelas a remollo en salmoira (auga saturada con sal) durante 1 día enteiro. Retirábanse entón para introducilas en barricas de madeira, de novo con sal; tapábanse e xa estaban listas para a venda. Os restos do peixe (cabezas, tripas…) prensábanse para extraerlles a graxa (saín), que se empregaba para refinar o coiro, protexer a madeira, fabricar pinturas ou como aceite para as luminarias. Porén, seguindo este método non se extraía a graxa do peixe que se salgaba, polo que co tempo, ía adquirindo unha cor amarelenta froito da oxidación, que dificultaba a súa comercialización. Co método do salpresado, introducido polos cataláns, isto non ocorría, xa que o peixe tamén se prensaba.

foto de Xenaro Martínez Castro, maqueta do Museo do Pobo Galego.

Polo xeral, os almacéns de salga sitúanse na liña de costa, en lugares de fácil acceso desde o mar para facilitar o desembarco da materia prima. A meirande parte teñen unha única planta de forma rectangular, cun patio central (o claro) no que se dispuña unha canle para desaugar os líquidos do lavado do peixe. A un lado do patio atópase a chanca, onde se sitúan as pías para salgar o peixe, e o alfolín, o almacén dos utensilios e taller de carpintería. Neste último construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou ameneiro. Os primeiros eran de gran tamaño, con capacidade para 20.000 sardiñas, o que dificultaba o seu traslado; por iso, fóronse reducindo as súas dimensións ata a popular pandeireta, que contén arredor de 20Kg de peixe.

Ao outro lado do patio sitúase o morto, onde se prensaba o peixe, cuxa graxa discorría por canles abertas no chan que decantaban o saín en depósitos.

Co tempo, a conservación en recipientes herméticos, primeiro de vidro e despois de folla de lata, impúxose como método de conservación fronte á salga. A primeira conserveira moderna púxose en marcha en Galicia no ano 1879 na Illa de Arousa, e poucos anos despois, en 1907, xa se rexistran máis de 100 empresas dese tipo.

Santuario da Barca

A virxe chegou a Muxía por mar, nunha barca de pedra cuxos restos se poden ver aínda nas inmediacións do santuario que se erixiu na súa honra; son a pedra de abalar (o casco da barca), a pedra dos cadrís (a vela) e a pedra do temón. É dicir, o Santuario da Barca non é so o templo, senón tamén as pedras máxicas que hai ó seu redor.

A Pedra de Abalar ten a propiedade de curar e de propiciar a fertilidade; ademais, só pode abalala quen estea “en gracia con deus”. A Pedra dos Cadrís alivia a dor de costas e a reuma se pasas por debaixo dela nove veces consecutivas. Segundo os historiadores, trátase dunha cristianización dun culto pagán anterior, que tamén se repite noutros puntos da Costa da Morte, como no promontorio Nero e no Monte do Pindo, en relación con ritos de fertilidade.

O santuario sufriu numerosos incidentes; a propia pedra de abalar foi fendida por un raio. No ano 2013 produciuse un incendio que devorou totalmente o templo.

Desde aquí podes achegarte á fonte da pel, un manancial non que se aseaban os peregrinos antes de entrar no santuario para evitar contaxiar a lepra. Un sendeiro levarache tamén ao alto do Corpiño, desde o que gozarás dunha visión panorámica da vila, do mar aberto aos teus pés e dunha magnífica posta de sol. 

Volve no mes de setembro, para celebrar a romaría da Barca, recoñecida como festa de interese turístico nacional.

O Papel de PEFC

Moitos sectores como o agrícola ou o pesqueiro miran ao sector forestal para a subministración de materia prima en moitos dos seus elementos de traballo, barcos, barcas, nasas, bateas, estaleiros, secadoiros, salgadoiros, caixas, envases, embalaxes, palés, etc,.

O sector forestal pode ofrecer novas solucións sostibles baseadas na natureza para liderar a transición cara a neutralidade climática. Sen dúbida, o sector forestal será a panca que axude a outros sectores na transición cara unha nova bioeconomía circular.

PEFC promove a certificación como ferramenta que asegura que os ENVASES, EMBALAXES, BOLSAS, VASOS, ESTOXOS de madeira, papel e cartón, ou calquera outro produto forestal, proceden de bosques onde se respectaron criterios sociais, ambientais e económicos.

Os consumidores demandan cada vez máis a substitución dos plásticos por materiais naturais renovables, reciclables e biodegradables como a madeira, papel ou cartón dos produtos que adquiren. 

Para cumprir coas expectativas dos seus clientes, cada vez máis produtores de ao longo da cadea de subministración que queren demostrar que os materiais forestais que utilizan proveñen de fontes legais e sostibles,  elixen certificar os seus procesos co sistema PEFC, para garantir a súa procedencia.

O consumo ético está en alza, polo que se require que as empresas utilicen  ecoetiquetas como PEFC nos seus produtos, demostrando transparencia, integridade e rastrexabilidade, xerando confianza no consumidor. 

10. Muiños
Subir
12. Vaosilveiro

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia