Galicia é unha importante potencia forestal en Europa, non só debido a que o 47% do noso territorio é superficie forestal arborada con elevada produtividade, senón que tamén conta cunha potente industria forestal, aportando o 57% da madeira cortada anualmente en España. Serradoiros, produción de taboleiros, pasta de papel, carpinterías, fábricas de mobles…, Galicia é lider nacional en empresas responsables certificadas PEFC, garantindo aos seus clientes a orixe legal e sostible dos produtos forestais certificados.

O recurso
A industria forestal
O papel de PEFC
Volver ao mapa

O recurso

Dúas terceiras partes do territorio galego están ocupadas por masas forestais, que segundo os resultados do IV Inventario Forestal Nacional amosan unhas existencias de madeira no monte galego de 192.914.041 m3. Con todo, o seguimento da evolución do monte require unha maior intensidade de inventario e unha adaptación da metodoloxía utilizada, polo que a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia está a desenvolver o Inventario Forestal Continuo de Galicia que permitirá coñecer a dispoñibilidade real das masas forestais galegas, tanto desde un punto de vista tecnolóxico como económico.

Segundo o Anuario de Estatística Forestal de Galicia, no ano 2019, o volume de aproveitamento total nos montes galegos acadou os 9.703.422 m³, dos que o 97% realizáronse en montes en xestión privada, principalmente nas provincias da Coruña e Lugo.

Do volume total de madeira, o 39,15% foron coníferas, fundamentalmente Pinus pinaster e Pinus radiata, e o 60,85% frondosas, das cales o 95,2% corresponde a Eucalyptus spp.

En Galicia por cada m³ de coníferas aproveitáronse 1,55 m³ de corta de frondosas.

A certificación forestal PEFC pon en valor os montes xestionados de forma sostible, xa que a demanda crecente por parte da industria forestal de materia prima con garantías de legalidade e sostibilidade, tradúcese normalmente nun incremento nos prezos da madeira ou de calquera outro produto forestal certificado.

Os montes e o sector forestal desempeñan un papel crucial para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas: Bosques e Benestar humano (ODS 1, 2, 3); Paisaxes sostibles e alimentación (ODS 2,6); Igualdade de oportunidades, equidade de xénero e tenencia (ODS 4, 5, 10, 16); Cambio climático, enerxía e desenvolvemento baixo en carbono (ODS 7, 13); Cadeas de valor, financiamento e inversión (ODS 8, 9, 12); Xestión forestal e restauración (ODS 14, 15).

A industria forestal

O monte é parte esencial da economía galega, cunha poboación maioritariamente rural e onde a meirande parte das empresas de aproveitamentos forestais e de primeira transformación están situadas, traballando nos montes da zona e con persoal da contorna.

A cadea principal de transformación de madeira supón mais do 12% do emprego industrial acadando máis de 21.000 asalariados directos, correspondéndose o 48% coa industria da madeira, o 24% coa silvicultura e explotación forestal, o 20% coa fabricación de mobles e o 8 % coa industria do papel (CNAE).

O sector da transformación e comercialización de produtos forestais está considerado como un dos sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico do rural e para a consolidación e diversificación do seu tecido empresarial. A importancia cualitativa do sector increméntase ao considerar as numerosas cadeas laterais e os provedores de bens de equipo, subministracións complementarias, servizos de investigación e infraestruturas vinculadas ao mesmo. Deste xeito, o incremento da produción na cadea principal non só provoca incrementos de emprego nesa rama principal, senón que na medida en que demanda consumos intermedios doutras ramas tamén repercute no seu emprego.

A estrutura da cadea de valor supera as 2.200 empresas cunha facturación duns 2.200 millóns de euros.

En 52 dos 315 concellos galegos, a industria de base forestal representa máis do 30% dos establecementos industriais, polo que ao teu paso por Buxán e por calquera outro lugar do teu Camiño, poderás atopar diversas empresas forestais. As actividades de aproveitamento forestal, serrado, pasta e taboleiro melloraron o seu volume de negocio nos últimos anos, medrando tamén na segunda transformación, impulsada especialmente polo segmento do contract.

O sector forestal ten a oportunidade de ser protagonista e facilitador dunha bioeconomía circular.

A innovación e a mellora tecnolóxica contribúen á apertura de novos mercados, como no sector téxtil coa necesidade de diminuír a utilización de materiais plásticos, utilizando produtos derivados da celulosa, conseguindo materiais ecolóxicos e reutilizables, avances no uso de novos materiais en composite na industria do automóbil, incrementando o consumo de materiais biolóxicos con base de madeira, o incremento da bioenerxía ou no eido da construción, cun incremento da utilización de madeira como elemento estrutural en Europa.

XERA, a Axencia Galega da Industria Forestal creada no 2017, ten como finalidade o impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal.

Como ocorre sempre, a importancia desta actividade económica reflíctese na toponimia: se ves desde Muxía, polo N, o monte denomínase “Monte do Serradoiro”.

O Papel de PEFC

A certificación de Cadea de Custodia PEFC permite ás empresas da cadea de subministración garantir aos seus clientes a orixe legal e sostible dos produtos forestais certificados.

Tamén proporciona unha variedade de vantaxes que axudan ao medio ambiente, ás persoas e ás empresas, como o acceso a novos mercados e ao cumprimento da lexislación.

Para obter a certificación, as empresas deben dar cumprimento entre outras, á Norma PEFC de Cadea de Custodia de Produtos forestais e arbóreos, polo que deberán desenvolver e implementar procedementos para controlar a compra, o seguimento, a fabricación, a venda, a etiquetaxe, o mantemento de rexistros dos materiais certificados, e superar anualmente auditorías por unha terceira parte independente.

As empresas certificadas poden usar a etiqueta PEFC en produtos certificados e en materiais promocionais e corporativos, como folletos, catálogos ou na páxina web, permitíndolles comunicar as prácticas responsables de forma visible aos seus clientes.

Existen diferentes modalidades de certificación da Cadea de Custodia que se adapta segundo o tamaño da empresa ou proxecto. A certificación de grupo de produtores PEFC é unha solución práctica para que a certificación sexa factible para as pequenas empresas legalmente independentes.

Galicia é lider nacional en empresas certificadas PEF. Consulta as nosas cifras.

12. Vaosilveiro
Subir
14. Fisterra

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia