O monte tamén proporciona a materia prima para construír embarcacións e aparellos de pesca. O Castelo de San Carlos alberga un museo sobre a pesca e o mundo mariñeiro, onde poderás ver claramente que a costa non só mira ao mar.

A actividade forestal xera oportunidades entre os miles de silvicultores e empresas galegas, e a certificación forestal PEFC contribúe á súa posta en valor.

Castelo de San Carlos
Carpintería de ribeira
Santa María das Areas
O papel de PEFC
Volver ao mapa

Castelao de San Carlos

A estratéxica localización da Costa da Morte convertía estas terras en parada obrigada para as expedicións que se dirixían cara ao N de Europa ou ao Mediterráneo, o que favorecía as incursións de navíos inimigos que arrasaban as poboacións do interior. Ata o s. XVII, a defensa da costa limitábase a pequenas trincheiras cun par de pezas de artillería. É no s. XVIII cando se empeza a deseñar un plan defensivo baseado na localización estratéxica de fortificacións. Inicialmente, deseñáronse 3 fortificacións: o Castelo do Cardeal en Corcubión, o Castelo do Príncipe en Cee e o Castelo do Soberano en Camariñas, aos que se engadiu máis adiante o Castelo de San Carlos en Fisterra.

O Castelo do Cardeal foi construído no s. XVIII na Punta Pión. É o máis grande de todos, con capacidade para case 100 soldados e 12 canóns. Conta con hornabeque, con entrada polo baluarte central, unha gran praza central e dúas garitas. Facía parella co Castelo do Príncipe, localizado xusto na outra fronte da ría, e as lendas contan que existía unha cadea entre ambos que ao tensarse impedía o paso dos barcos.

O Castelo do Príncipe é unha batería circular con hornabeque e tiña capacidade para 88 homes e 12 pezas de artillería.

O Castelo de San Carlos ten forma irregular para adaptarse ao terreo. Ten 3 troneiras cada unha orientada nunha dirección. Hoxe é o Museo de Mar, onde podes ver unha mostra permanente das artes de pesca empregadas nesta zona ao longo do tempo.

O Castelo do Soberano estaba delimitado por unha muralla con 17 troneiras que miraban cara a ría. Cara o interior, existía un recinto no que se localizaban os canóns, 3 baluartes e 1 foso, para defendelo dos ataques por terra.

Moitos deles foron incendiados durante a invasión napoleónica e despois reconstruídos. Porén, o Castelo do Soberano foi desmantelado tras a Guerra Civil, empregándose a pedra na construción do peirao de Camariñas.

Agora atópaste no Castelo de San Carlos, convertido nun museo etnográfico sobre a vida mariñeiro. Se te animas a visitalo, aquí podes consultar os seus horarios. Explicaranse as diferentes artes de pesca que se empregan na zona, os tipos de embarcación e o modo de vida nas vilas da costa.

Carpintería de ribeira

No museo do Castelo de San Carlos podes coñecer as diferentes artes de pesca que se empregan na zona, os tipos de embarcación e o modo de vida nas vilas da costa. Nós ímosche a falar da construción artesanal de embarcacións de madeira: a carpintería de ribeira.

Inicialmente, as carpinterías situábanse nas praias, pola facilidade para botar despois a embarcación ao mar; e eran instalacións provisionais que se desmantelaban unha vez que o barco estaba construído. Desde mediados do s. XX, as facilidades para transportar por estrada as embarcacións ata a auga van a modificar esta situación: as carpinterías xa non teñen que localizarse obrigatoriamente na ribeira do mar, senón que basta con que sexan lugares ben comunicados. Sendo así, procúrase ademais emprazalas en lugares próximos aos montes para obter facilmente a materia prima (a madeira). E todo isto contribúe a que acaben converténdose en instalacións permanentes ou estaleiros.

Ata principios do s. XIX, o casco e maila arboradura (conxunto de mastros e vergas do barco) construíanse integramente en madeira; a partires dese momento, empezaron a empregarse tamén outros materiais como o ferro e o aceiro; e xa no s. XX introdúcense materias compostos como as resinas con fibras de vidro. En paralelo, modifícase tamén o sistema de propulsión dos barcos: do remo e da vela pásase á máquina de vapor, e máis adiante, xa a mediados do s. XX, a motores accionados por combustibles derivados do petróleo. Estes cambios nos materiais e no sistema de propulsión derivaron en importantes cambios no sector. Por unha banda, o emprego dos novos materiais reduce notablemente o tempo de entrega da embarcación, polo que finalmente a carpintería de ribeira quedou cinguida á fabricación de embarcacións de pesca, lanchas para o transporte de persoas no interior das rías, embarcacións deportivas e embarcacións menores para o servizo dos portos.

Era o carpinteiro o que seleccionaba no monte a árbore axeitada para cada peza. Así, por exemplo, elixía as árbores de forma curva para fabricar as pezas estruturais curvas en tanto a madeira presenta a súa máxima resistencia e elasticidade na dirección das fibras. Tamén supervisaba a talla da árbore para garantir que o corte respectaba as propiedades polas que fora seleccionada.

Para a construción dos elementos estruturais da embarcación emprégase madeira de carballo, por ser unha madeira dura e con boa resistencia mecánica, de bo comportamento fronte á humidade e a auga do mar, pero tamén fronte aos fungos. Porén, por mor do lento ritmo de crecemento desta especie, non era sinxelo atopar carballos cunha lonxitude axeitada para determinadas pezas do barco, polo que se acabou por introducir tamén a madeira de eucalipto. Para o forrado do casco e da cuberta emprégase madeira de piñeiro; carballo e piñeiro para a caseta de mando, e castaño, freixo ou nogueira para as pezas menores.

As pezas da embarcación constrúense por separado e despois ensámblanse mediante unións estruturais trabadas e con cravos, parafusos e outras pezas, agora metálicas e galvanizadas para evitar a corrosión, pero que antes tamén eran de madeira. Continúase co calafateado, pintura..

Actualmente, a carpintería de ribeira é unha actividade en retroceso en Galicia. Segundo datos da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), só se manteñen activos 25 estaleiros: 16 na provincia de A Coruña, 8 na de Pontevedra e 1 na de Lugo. Xuntos, xeran uns 100 empregos directos e 500 indirectos. Aproximadamente, o 73% da flota pesqueira galega está feita en madeira, pero nestes estaleiros xa case non fabrican novas embarcacións; a maior parte dos servizos son reparacións.

Fonte: AGALCARI

Esta actividade tamén ten efectos na xestión do monte, pois a demanda de madeira cunhas características específicas require dunha silvicultura especializada.

Así mesmo, é unha actividade cun impacto ambiental case nulo, sen apenas custe enerxético, e cun produto reciclable e biodegradable. Investigacións do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira revelan que fronte ás 110 toneladas de dióxido de carbono (CO2) que emite un barco de fibra en todo o seu ciclo de vida (construción, uso, mantemento, despezamento…), un de madeira emite só 10.

Santa María das Areas

Desde o comezo da peregrinación xacobea, moitos peregrinos seguiron o Camiño ata Fisterra, alí onde se pensaba que a terra acababa, para cumprir co rito de bañarse, queimar a roupa utilizada durante o traxecto e ver a posta de sol.

Santa María das Areas é o santuario dedicado a Cristo máis occidental da Cristiandade. Aquí chegaban os peregrinos despois de visitar Compostela, levando ao seu regreso unha concha da Praia da Langosteira, que se converteu co tempo no emblema do Camiño.

A igrexa é de orixe románica (s. XII) pero foi remodelada nos s. XIV e XV, de aí que o estilo gótico e renacentista dalgunha das súas capelas. Nunha das fachadas laterais localízase a denominada Porta Santa, que cumpre a mesma función que a da catedral compostelá: expiar os pecados de quen a atravesa. Agora ben, non basta con cruzar a porta; os pecados só se perdoan se o peregrino aplica na súa vida diaria os valores cristiáns. Por iso as portas santas son sempre portas secundarias e estreitas, pois simbolizan que o camiño á salvación é o da humildade e a penitencia.

A carón do templo atópase un cruceiro gótico, cunha cruz con Cristo crucificado, a Virxe e San Xoán no anverso; e a Virxe co neno no reverso. No camposanto aínda se conserva unha pequena capela gótica que pertenceu ao albergue de peregrinos.

No interior do santuario destaca o Santo Cristo de Fisterra ou Cristo da Barba Dourada, unha talla en madeira tamén de estilo gótico. Coa imaxe preténdese transmitir o sufrimento de Cristo na paixón e para iso recórrese a unha estética moi humanizada: o sangue reseco das feridas, o rostro amoratado, pés torcidos, brazos ríxidos, as costelas moi marcadas…; o que rompe totalmente co sobrio estilo románico, no que se conteñen as emocións.

A talla en madeira volveuse popular na Idade Media da man da Igrexa Católica, en relevos e esculturas, pero tamén como ornamentación arquitectónica e de mobiliario. As madeiras máis axeitadas para este traballo son as de carballo, castiñeiro, freixo, faia, nogueira, olmo; é dicir, as de maior densidade e menos resinosas, pois astíllanse menos. A peza de madeira a tallar debía cortarse con moita antelación para garantir un bo secado. Hai tallas feitas dunha soa peza, e outras constituídas por varios fragmentos encolados, mesmo procedentes de distintas árbores. Unha vez tallada, a escultura cubríase de xeso ou estuco para despois aplicar a policromía.

O domingo de Pascua, a veciñanza fai unha teatralización da resurrección, festa que foi declarada de interese turístico nacional.

O Papel de PEFC

A madeira e as fibras vexetais atoparon o seu papel relevante en todos os períodos da historia.

Galicia conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas, e a actividade forestal xera oportunidades e valor entre os miles de silvicultores e empresas galegas. A certificación forestal PEFC contribúe á posta en valor de todo o sector, monte e industria.

Con PEFC avalíanse indicadores dispares para garantir o cumprimento dunha xestión forestal sostible, como por exemplo os directamente relacionados coas masas forestais e a súa xestión ou como o emprego e seguridade dos traballadores do propio monte. Coñecer as existencias de madeira, os seus crecementos e a súa relación cos aproveitamentos madeireiros, achega unha valiosa información das características da xestión do monte, permitindo medir a súa calidade e sostibilidade.

O emprego xerado polos montes é un importante indicador dos seus beneficios sociais, especialmente para un desenvolvemento rural sostible. Ao mesmo tempo, son necesarios recursos humanos adecuados en número e cualificación para o plan e control da xestión forestal sostible e para a dirección de traballos silvícolas.

O sector forestal é un sector con alta sinistralidade, polo que a prevención dos accidentes e das enfermidades laborais é un aspecto social importante da xestión forestal sostible.

Mellorar a formación de todos os actores implicados na xestión dos montes, tanto en cuestións de riscos laborais como nos posibles impactos das operacións silvícolas, son tamén obxectivos PEFC.

13. Buxán
Subir
15. Corcubión

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia