A arquitectura tradicional galega combina a pedra e a madeira como principais materias de construción. Noutros puntos da túa viaxe xa tiveches a oportunidade de coñecer algúns exemplos, como son os muíños ou os hórreos. Paseando pola vila histórica de Corcubión coñeceremos as principais características das vivendas tradicionais e o seu porqué.

Cando elixes materiais forestais con certificado de sostibilidade PEFC, axudas a protexer os bosques do planeta! 

A arquitectura tradicional galega
Corcubión
Tendencias
O papel de PEFC
Volver ao mapa

A arquitectura tradicional galega

A arquitectura tradicional galega é sinxela, funcional e adaptada ao medio no que se insire. A topografía, as condicións climáticas e os materias dispoñibles en cada zona determinan as solucións arquitectónicas aplicadas.

O clima chuvioso e húmido fai que a pedra sexa o material predominante polo seu bo comportamento fronte á acción da auga; é un material resistente e mantén as súas propiedades no tempo. Por iso se emprega nos principais elementos estruturais da construción, como os muros portantes. O tipo de pedra empregado varía segundo a zona xeográfica: granito, xisto ou lousa; Corcubión aséntase nunha zona xeolóxica granítica.

A madeira emprégase para elaborar as estruturas horizontais (como vigas e forxados), en piares illados, nas fiestras e portas, nas estruturas da cuberta, e en todos aqueles elementos que requiran un material livián e flexible. Soe ser madeira de carballo, piñeiro ou nogueira.

A planta das vivendas tradicionais galegas é regular e sinxela (habitualmente, rectangular); agás nas serras orientais, onde as pallozas son de planta circular. Os muros están feitos con cantería (pedras regulares) ou cachotería (pedras irregulares); neste último caso, é frecuente que os vans das fiestras e portas se enmarquen con perpiaños para aportar estabilidade. As cubertas son a dúas augas, cunha pendente de entre o 25% e o 40% para garantir unha correcta evacuación da auga, e cun acabado de lousas (típico da zona oriental galega) ou de tellas cerámicas (máis habitual na parte occidental).

A tipoloxía máis xeneralizada é a casa de dous pisos, podendo acceder ao segundo andar por unha escaleira interior ou exterior. A construción en dous andares permitiu o desenvolvemento de novas estruturas arquitectónicas: 

  • Os soportais: a fachada principal do inmoble recúase na planta baixa construíndose aí unha estrutura de pedra que se apoia en columnas ou piares. Xérase así un espazo cuberto, aberto á rúa e que se prolonga por toda ela xa que as vivendas se acaroan unhas ás outras. Por el poden circular os veciños libremente, de xeito que o espazo público se integra no edificio e á inversa.
  • Os corredores son balcóns exteriores orientados ao sol (por iso tamén se denominan solainas) que se sitúan baixo a prolongación da cuberta da vivenda. O piso é de pedra, apoiado en ménsulas dese mesmo material, e delimítase cunha varanda de madeira ou forxa. 
  • As galerías son estruturas totalmente pechadas de madeira e vidreiras, que unhas veces sobresaen respecto da fachada principal da vivenda e outras manteñen o seu plano. Nelas empréganse fiestras de guillotina para facilitar a ventilación do interior da casa, e poden ter unha profusa decoración.

Os soportais, os corredores e as galerías evitan que a fachada do edificio estea en contacto directo co exterior, protexéndoa fronte ao vento e á chuvia, mellorando o illamento térmico do inmoble. 

Comproba todo isto por ti mesmo!

Corcubión

O Municipio de Corcubión é un dos máis pequenos de Galicia, sendo terra de transición entre a calma das Rías Baixas e a bravura e a natureza viva características da Costa da Morte.

Localízase aos pés do Monte Quenxe, nunha zona de varadoiro natural para as embarcacións, cunha saída fácil cara ao mar e ben comunicada por terra co interior. A vila ocupa o espazo que media entre os cumios e a liña de costa, o que determina a súa configuración lonxitudinal en sentido N-S. A mesma traza que seguen as rúas principais, conectadas entre si por outras secundarias, de trazado perpendicular; sempre coas vivendas mirando ao sol.

En 1984 a vila foi declarada “Conxunto Histórico-Artístico” e no ano 2000 “Municipio Turístico Galego” pola Xunta de Galicia, valorando o peso histórico do municipio, a beleza paisaxística e urbana e o gran número de turistas que o visitan.

Corcubión é un enclave pintoresco, pobo pescador, no que perdéndote polas súas rúas descubrirás recunchos singulares onde o rico patrimonio, relixioso, civil e popular conviven en perfecta harmonía.

Nós queremos destacar as galerías de madeira lacadas en branco, que son un dos elementos máis representativos de moitos pobos pesqueiros. Na súa orixe eran as fachadas posteriores das casas dos pescadores e o mar chegaba a elas, polo que os seus baixos en forma de soportais empregábanse para realizar diversas faenas relacionadas coas redes, a  salgadura e a venda do peixe, e incluso para gardar os botes os días de temporal. Ademais do factor estético, o valor máis importante que achegan estes elementos á construción é a súa funcionalidade en canto á eficiencia enerxética.

Invitámosche a percorrer as rúas na busca preciosas e elaboradas portas, contraventás, e demais elementos en madeira que embelecen a vila.

Tendencias

Atopámonos nun momento de florecemento e evolución da construción en madeira cunha tendencia significativa no incremento do seu uso como material natural e renovable, ante un futuro no que o crecemento das cidades deberá compatibilizarse coa loita contra o cambio climático.

Os avances tecnolóxicos, os novos sistemas de prefabricación, e unha serie de procesos que aumentan a seguridade, eficiencia e sostibilidade, fan que a madeira se empregue cada vez máis en altas edificacións e conecte os nosos espazos interiores co natural a través da súa calidez, textura e beleza.

As novas ferramentas e metodoloxías de traballo colaborativas como BIM (Building Information Modeling) para a creación e xestión dun proxecto de construción, axilizan os procesos. As máquinas de control numérico (CNC), permiten mecanizar vigas e paneis, ademais de xerar compoñentes a medida, creando pezas de forma rápida e eficiente que posteriormente poden ensamblarse, reducindo erros, man de obra e tempo de traballo.

O Deseño Biofílico contribúe a unha conexión coa natureza e a crear contornas máis saudables, tanto nos espazos interiores como exteriores.  A utilización da madeira é unha das formas máis directas de conectar ás persoas e o natural mellorando o noso benestar. O deseño biofílico non só está a ser utilizado en vivendas, senón especialmente en espazos educacionais, hospitalarios ou de oficina, mellorando así a experiencia cotiá das persoas nos seus lugares de aprendizaxe,  saúde e traballo.

As Políticas de compras verdes impulsadas por diferentes Gobernos sitúan á madeira e aos produtos con base forestal como protagonistas na contribución da redución de emisións.

O Papel de PEFC

Cada vez máis Gobernos a nivel mundial establecen Plans de Contratación Pública Verde, para a utilización de madeira ou produtos con base forestal de aproveitamentos legais e sostibles, puntuando positivamente aqueles que contan co sistema de certificación forestal PEFC, por ser garante de ditos obxectivos. 

A Comisión Europea, no seu Manual sobre a Contratación Pública Ecolóxica recomenda incorporar aos pregos de contratación os criterios de xestión forestal sostible do sistema de certificación forestal PEFC ou semellante.

En Galicia, por exemplo, o Servizo Galego de Saúde establece no prego de prescricións técnicas para a contratación da subministración enerxética asociada a varios centros hospitalarios, prover como enerxía primaria principal para usos térmicos, biomasa tipo pellets e/ou acha, de madeira virxe, e deberá dispoñer de Certificado de Cadea de Custodia PEFC ou equivalente, asegurando a rastrexabilidade ao longo do proceso produtivo, garantindo a súa orixe sostible.

Podes axudarnos a protexer os bosques do planeta! Todo o que tes que facer é elixir produtos con certificación PEFC cando compres. Especialmente cando elixes materiais forestais en lugar de alternativas non renovables como o plástico. Sabías que o 4% de toda a produción mundial de petróleo utilízase co único propósito de producir plásticos?

14. Fisterra
Subir
16. Cee

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia