A crecente demanda mundial de madeira e dos seus produtos, fan da práctica do comercio de madeira aproveitada ilegalmente un problema internacional que esixe respostas globais e diversas que incidan non só na regulación comercial deste produto senón tamén en aspectos sociais, políticos e económicos que melloren a gobernanza dos países produtores de madeira.
A certificación PEFC permite ás empresas da cadea de subministración garantir aos seus clientes a orixe legal e sostible dos produtos forestais certificados.
Porto de Brens
Cee é o principal núcleo industrial da Costa da Morte gracias ao seu porto, que facilita o transporte de mercadorías e materias primas cara outros puntos.
Segundo datos oficiais do ano 2019, o porto de Brens é o terceiro porto galego con maior movemento de mercadorías, cun total de 203.344 toneladas; por detrás do porto de Cariño e do de Ribadeo, que moven 593.997 e 417.403 toneladas ao ano respectivamente. Na súa orixe, foi o transporte de fariña de peixe o que lle deu pulo. Actualmente, o coque é a principal mercadoría seguida de ferroaliaxes e minerais de manganeso. Nisto ten moito que ver a empresa Ferroatlántica, facilmente recoñecible por estar directamente conectada co porto e próxima ao Camiño de Fisterra. É a propietaria das centrais hidroeléctricas do río Xallas (incluído o encoro da Fervenza que albiscabas dende o miradoiro de Corzón) e o primeiro produtor mundial de silicio metal e de ferroaliaxes, copando o 15 % do mercado internacional.

O transporte de madeira de eucalipto e piñeiro é tamén outra das actividades de Brens, aínda que minoritaria. A madeira diríxese esencialmente á industria do papel e, en concreto, á principal celulosa portuguesa: PORTUCEL.
O sector forestal galego incrementou a cifra de exportacións nos últimos anos mediante o incremento sostido nos seus destinos tradicionais e a ganancia de mercados externos á zona euro. Os produtos máis exportados corresponden a Pasta de papel (42%) e Manufacturas de madeira (37%). A madeira en bruto e serrada supón un 11% e o mobiliario un 10%. A cadea principal de transformación de madeira supón en torno ao 2% da economía galega falando de valor engadido, mentres, en termos de emprego, este peso é do 2,3%, e do emprego industrial do 12,3%.
A fabricación do papel
A humanidade tivo que percorrer un longo e difícil camiño ata atopar un soporte de fácil obtención, almacenamento e duradeiro no que plasmar as súas inquietudes e saberes. A pedra, a madeira os metais ou a arxila foron algúns dos soportes empregados ata chegar ao papel.
O papel é un produto natural, renovable e reciclable.
Existe un papel para cada necesidade: para comunicarnos, para crear arte e cultura, para cubrir necesidades hixiénicas e sanitarias, para distribuír, almacenar e transportar todo tipo de mercadorías…
O papel fabrícase coas fibras de celulosa que hai na madeira.
Inicialmente sepáranse as fibras unidas pola lignina (especie de pegamento) “moendo” a madeira ou disolvendo o pegamento con calor e produtos químicos. Para fabricar o papel, as fibras de celulosa (virxes ou recicladas) mestúranse con auga nun gran recipiente chamado pulper, e esa mestura pasa á máquina papeleira, colocándose sobre unha longa banda conducida por rodetes. A continuación vaise retirando a auga por varios procedementos: gravidade, baleiro, presión e secado, obtendo finalmente unha enorme folla de papel, que se enrola para formar unha bobina.

Fonte: ASPAPEL
En Galicia a principal fábrica de celulosa é a biofábrica de Ence, unha das dúas únicas fábricas de Europa que produce pasta de papel totalmente libre de cloro (TCF) a partir de madeira de eucalipto e enerxía a partir de biomasa forestal. No 2020, o 78,3% das entradas de madeira en fábrica contaban cun certificado de xestión forestal sostible. Máis do 96% da súa produción destínase á exportación, convertida finalmente polos seus clientes en papel tisú e outras aplicacións papeleiras.
Outros puntos de interese
Na vila podes visitar a Igrexa da Virxe da Xunqueira, de estilo gótico, que segundo a tradición oral chegou por mar e foi atopada por un veciño nuns xuncos, de aí o seu nome. Unha lenda semellante á do Santo Cristo de Fisterra ou á da Nosa Señora da Barca en Muxía.
Tamén é interesante o Castelo do Príncipe, unha batería costeira construída no s XVIII para defender a ría de potenciais ataques por mar. Achegarte ata alí permitirache comprender o porqué da súa localización nese sitio concreto, pois non era posible aproximarse a el sen ser visto; ademais, enfrontado ao Castelo do Cardeal, no concello de Corcubión, podían impedir calquera intrusión polo fogo cruzado dos seus canóns.
Percorre a vila e observarás diversas estruturas públicas realizadas en madeira así como gran parte do mobiliario urbano!

O Papel de PEFC
O aproveitamento e o comercio internacional da madeira teñen dous niveis de esixencia, a legalidade e a sostibilidade.
Gobernos de todo o mundo impulsaron unha lexislación deseñada para garantir o comercio de madeira legal e rexeitar a entrada no mercado de produtos forestais de orixe ilegal. Algunhas destas regulacións son o Regulamento Europeo da Madeira (EUTR) e a Lei Lacey de Estados Unidos. A certificación de Cadea de Custodia PEFC está deseñada para permitir demostrar o cumprimento destes requisitos normativos.

PEFC exixe a través da súa Norma de Cadea de Custodia, que as organizacións apliquen un Sistema de Dilixencia Debida (SDD) co fin de axudar a asegurar que as súas actividades axústanse a toda a lexislación aplicable en materia de legalidade da madeira, incluíndo as leis comerciais e aduaneiras, e para minimizar o risco de que o material forestal e arbóreo adquirido proveña de fontes conflitivas. Co SDD establécese un marco de procedementos e medidas, recompilación de información, avaliación do risco e a súa mitigación.
A certificación forestal PEFC é garantía da legalidade e sostibilidade do aproveitamento de madeira e de calquera outro produto forestal.















