Para obter a prezada “Compostela”, debes realizar polo menos os 100 últimos quilómetros a pé ou dacabalo, os últimos 200 km en bicicleta ou 100 millas náuticas, terminando a pé o resto do Camiño desde o porto de desembarque. Os últimos 100 km deberán realizarse por calquera dos roteiros recoñecidos como oficiais, como o Camiño Francés, e Sarria pode ser unha etapa máis na túa peregrinaxe ou o punto de partida ata Santiago.

As árbores permítennos viaxar. Viaxar a través do tempo, da música, do transporte que utilizamos ou de novas vidas que xeramos.

Con só observar os aneis de crecemento dunha árbore, podemos saber en que ano se produciu unha seca, se houbo un incendio ou de que lado sopra máis o vento. Ademais, as árbores proporciónannos madeira para crear instrumentos, ou para construír medios de transporte como barcos, bicicletas ou as travesas das vías do tren.

Para que podamos continuar viaxando agora e no futuro, a certificación forestal PEFC establece unha serie de normas e controis que garanten que os montes se xestionan adecuadamente e de forma responsable.

Árbores para viaxar

Á túa saída de Sarria, debes cruzar a Ponte de Áspera, do século XVIII. Ao cruzar a ponte, o teu traxecto seguirá paralelo á vía do tren ao longo de 1 km aproximadamente. É neste punto onde queremos falar da importancia das árbores, tamén nos medios de transporte, neste caso, o ferrocarril.

O 1 de xaneiro de 2021 iniciouse o Ano Europeo do Ferrocarril, unha iniciativa da Comisión Europea destinada a destacar os beneficios do ferrocarril como medio de transporte sostible, intelixente e seguro, a fin de fomentar o seu uso, tanto polos cidadáns como polas empresas, e contribuír ao obxectivo do Pacto Verde Europeo de alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050.

Na Unión Europea, o ferrocarril é responsable de menos do 0,5 % das emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ao transporte, é dicir, trátase dunha das formas máis sostibles e seguras de transporte de pasaxeiros e mercadorías. A pesar destas vantaxes, só o 7 % dos pasaxeiros e o 11 % das mercadorías, aproximadamente, viaxan en ferrocarril, por iso, desde a UE queren impulsar este medio de transporte e conseguir un espazo ferroviario europeo único, máis eficiente e cunha mobilidade transfronteiriza ininterrompida.

Fixácheste por onde circula o tren?

Nas vías férreas, verás uns elementos transversais da vía que soportan os carrís, controlan o ancho de vía e transmiten as cargas do carril ao balasto, son as travesas. As travesas fabrícanse principalmente de madeira ou de formigón pretensado (bibloque ou monobloque). 

Pero como non podería ser doutra maneira, falaremos neste caso das travesas de madeira, xa que a madeira é un material renovable, reutilizable e reciclable, a diferenza do formigón.  

A madeira para a fabricación de travesas debe cumprir cunha serie de requisitos e características, como proceder de árbores vivas, sans, de boa calidade e de fibras rectas, duras e compactas. 

As madeiras utilizadas xeralmente son de carballo, piñeiro, faia ou outras tropicais como Akoga.

O fabricante debe realizar todos os estudos e ensaios que poidan ser necesarios para garantir a resistencia e durabilidade do material durante a súa vida útil, verificando a súa resistencia a factores como a temperatura, a auga, os hidrocarburos ou calquera outro axente químico que poida estar presente nas infraestruturas. Ademais, o fabricante debe emitir para cada lote de produción, unha declaración responsable da especie e procedencia da madeira e garantir a súa rastrexabilidade durante o proceso produtivo. As travesas marcaranse de forma permanente con información para a súa rastrexabilidade.

En España, como no resto de países europeos, as travesas ademais dos requisitos técnicos, deben cumprir cos requisitos de legalidade da madeira. As travesas deberán ser acordes coa normativa aplicable en materia de medio ambiente e de comercialización da madeira, en particular, cos requisitos establecidos no Real Decreto 1088/2015, do 4 de decembro, para asegurar a legalidade da comercialización de madeira e produtos da madeira.

En consecuencia, as travesas de madeira que o requiran e que procedan dun país con Acordo Voluntario de Asociación en vigor contarán cunha licenza FLEGT expedida polo país de orixe, segundo o Regulamento do Consello (CE) 2173/2005 relativo ao establecemento dun sistema de licenzas FLEGT para as importacións de madeira na Comunidade Europea. 

De forma xeral, para toda a madeira que se comercialice por primeira vez no mercado interior será de aplicación o Regulamento (UE) 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos da madeira, o Regulamento EUTR. Neste sentido, no caso de que o fabricante ou subministrador da materia prima actúe como axente EUTR, deberase dispoñer e aplicar un sistema de dilixencia debida, así como presentar a declaración responsable ante as autoridades competentes.

A travesa de madeira, cada vez está a ver máis reducida a súa utilización, aínda que é empregada en numerosos casos onde as súas calidades fana necesaria, como desvíos, pontes, substitucións, vías secundarias, estacións, etc. 

Algunhas travesas son tratadas con creosata, tratamento que se lle dá á madeira exposta ao aire libre e enterrada para evitar o ataque dos fungos e bacterias nalgunhas madeiras, e que actualmente suscita receo debido á súa toxicidade. A Unión Europea comezou a establecer limitacións no comercio e uso da creosota, empregándose actualmente cunhas determinadas especificidades e para aqueles usos nos que non exista contacto frecuente coa pel. Os usos industriais actuais da madeira tratada con creosota, como son travesas de ferrocarril, postes eléctricos e telefonía, fins agrícolas, portos e vías navegables non expoñen ningún tipo de problema sanitario, ao non estar en contacto coa poboación. Unha parte significativa dos usos actuais da madeira tratada con creosota, é a súa reutilización para usos paisaxísticos e ornamentais.

A travesa de madeira posúe calidades indiscutibles e complementarias fronte ás características da travesa de formigón. Pola súa orixe sostible e en moitos casos km 0, como materia prima renovable, polas súas calidades de elasticidade e resistencia, polo seu pouco peso que axuda á súa instalación, polo seu bo comportamento en caso de descarrilamento, ou por ser un produto económico desde un punto de vista enerxético, tanto para a produción como desde o punto de vista do seu transporte, ou pola súa posible reutilización e por suposto como sumidoiro de CO2.

A investigación é fundamental para mellorar ou innovar con novos tratamentos que non ofrezan dúbidas sobre a súa utilización da madeira e seguir gozando de todos os beneficios que achega en lugar doutros menos amigables co planeta.

En Galicia contamos con empresas forestais certificadas PEFC como MADEIRAS TORREIRA, S.L. de Agolada (Pontevedra), que son especialistas en fabricación de travesas para ferrocarril.  

Fabrican travesas tanto para vía ancha como para vía estreita. Principalmente, realizan travesas de madeira de carballo, aínda que tamén poden fabricar baixo demanda en madeira de piñeiro e en madeira de akoga. Os seus clientes poden adquirilas sen tratamento algún ou ben tratadas con creosota. Tamén poden realizar distintas mecanizacións: barrenadas, zunchadas, chapeadas con sistema gang-nail, etc.

Fonte: Maderas Torreira, S.L.

Unha nova viaxe. Reutilización da Madeira

ada vez máis, as travesas de madeira das vías férreas son substituídas por formigón, pero a pesar disto, a madeira é un material que podemos reutilizar. Por iso, moitas das travesas retiradas das vías do tren, atopan unha segunda vida en xardíns, valados, muros de contención…, calquera uso que se poida dar en exteriores. Non debe ser utilizado en interiores debido ao tratamento aplicado para a protección da madeira exposta á intemperie.

Existen travesas que poden ter ata medio século de vida, e ademais de manter na maioría dos casos perfecta a súa forma, estrutura e calidades físicas, co seu novo uso, continuamos almacenando o CO2 capturado por esa madeira.

Fonte: Maderas Torreira, S.L.

En Madeiras Torreira, S.L., empresa galega que conta con certificado de cadea de custodia PEFC, e que a súa actividade principal é producir travesas para vías ferroviarias, tamén contan con stock de travesas de madeira para uso en xardinería ou peches. Con diferentes medidas e opcións de travesas de carballo. Grazas á dureza e funcionalidade da madeira natural, ofrecen un aspecto e rusticidade que as fan ideais para xardinería.

Fonte: Maderas Torreira, S.L.

Árbores que dan música. Luthiers

Antonio Fernández López, empresario, Paulino Pérez Sánchez, luthier, Avelino Pousa Antelo, intelectual, Xermán Arias, luthier, cal é a súa historia en común?

Fonte: USC

A Granxa de Barreiros (Sarria), fundada non ano 39 polo lucense, empresario e filántropo, Antonio Fernández López, foi un proxecto pioneiro de Educación Ambiental en Galicia, co fin de ser un modelo que puidese mellorar e modernizar as técnicas agrarias utilizadas ata ou momento. Posteriormente, créase en 1948 a Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, entre cuxas actividades incluía a organización de cursos de Formación para Mestres coa finalidade de protexer a cultura rural galega, modernizar ou campo e ou patrimonio rural galego. Ou modelo pedagóxico, centrado nos ciclos da natureza, científico, de coeducación, de ensino globalizado e personalizado, natural, experimental e experiencial. Como apoio didáctico, Antonio Fernández López, promoveu a creación de hortos escolares nas Escolas Públicas da provincia.

A Escola Agrícola da Granxa Barreiros foi dirixida polo intelectual Avelino Pousa Antelo, profesor de formación, membro das Mocidades Galeguistas, presidente da Fundación Castelao e presidente de honra da Fundación do Pedrón de Ouro, entre outras moitas facetas. 

A 5 minutos da Escola de Barreiros, en 1907 nace Paulino Pérez no lugar de Vilei, en pleno Camiño Francés. Paulino comeza a tocar o bombo desde os dez anos no cuarteto que dirixe o seu tío e logo a gaita. Aos catorce constrúe o seu primeiro instrumento e as ferramentas das que se vale, aínda que non é ata un pouco máis tarde cando se centra nesta artesanía. 

Será máis tarde, cando Avelino Pousa Antelo, ofrécelle a Paulino celebrar un pequeno concerto, coñecendo nese momento ao que será o seu mecenas, Antonio Fernández López.

O fillo de Antón de Marcos, destacado empresario sarriense, encárgalle a construción dunhas gaitas para un grupo de nenos e tamén que lles ensine a tocalas.

A partir deses interesantes encontros, virá a creación do taller de gaitas e zanfonas da Deputación de Lugo, no ano 1951, baixo a dirección de Faustino Santalices.

En 1954 Paulino viaxa a Madrid, bolseiro por Antonio Fernández, para aprender dun afamado construtor de guitarras. 

O seu fillo Xesús e o seu neto Luciano Pérez continuaron o labor deste artesán cuxo número total de gaitas construídas sitúase entre as dúas e dous mil cincocentas.

Fonte: USC

Imaxe en Triacastela

No taller de instrumentos musicais da Deputación lucense, comeza a súa formación Xermán Arias (Vilei, 1965), aprendendo o oficio durante oito anos, baixo a dirección de Xesús e Luciano Pérez.

En 1994, Xermán funda o seu primeiro taller e viaxa a Francia para formarse co luthier galo Christian Roult. Con el especializouse na fabricación de violíns, violas, violoncelos e zanfonas. 

Xermán Arias ou Xermán Luthier, conta con taller e domicilio en Sarria, abrindo as súas portas a músicos e convertendo a súa casa nun lugar de faladoiros. Arxemil Lutheria é como se coñece ao seu establecemento, onde se fabrican instrumentos para profesores e alumnos de conservatorios, músicos das dúas orquestras galegas e da nacional e moitos máis, sendo o mundo da música clásica de onde proceden a maioría dos seus encargos.

Pero, de que están feitos estes instrumentos?

Segundo conta Xermán en varias entrevistas, a clave dun bo instrumento está na madeira e no equilibrio, que funcione ben en todos os rexistros. Para conseguilo, hai que saber elixir a materia prima. Aínda que para a elaboración destes instrumentos é necesaria a importación de madeira como arce, abeto ou ébano, en Galicia elabóranse outros moitos instrumentos tradionais como a pandeireta, para os que se empregan madeiras locais como piñeiro, freixo, cerdeira ou nogueira. A madeira está presente na música tradicional e moderna, en todos os seus estilos, desde un tamboril a unha guitarra ou desde unha frauta ata un violín.

Lutiers do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo fixeron realidade a reprodución de sete instrumentos que aparecen no Pórtico da Gloria empregados desde inicios do século XII ata finais do XIII. Xermán Arias, participou na reconstrución de devanditos instrumentos que foron presentados a través dunha mostra itinerante «A memoria do son» que recibiu miles de visitas.

Que ver?

Sen ter en conta a cidade de Santiago, Sarria é a localidade máis grande do Camiño Francés, que pode considerarse unha pequena cidade, con dúas zonas diferenciadas, unha moderna, actual onde poderás gozar dun paseo peonil a beiras do río Sarria, o Paseo do Malecón, e unha preciosa zona antiga á que poderás acceder, entre outros, pola Escaleira da Fonte, de mediados do século XIX. Moi preto de alí te atoparás coa igrexa de Santa Mariña.

Outros puntos de interese de Sarria, son a igrexa do Salvador, ou o convento da Magdanela, rodeado de arborado. 

Na parte máis alta da vila, podes observar a Torre Fortaleza, coñecida vulgarmente como “Torre do Batallón”. A torre duns 15 metros, é a testemuña do que un día foi unha fortaleza que defendía o Camiño de Santiago e a comarca de Sarria. A visita aos restos non está permitida, xa que actualmente trátase dunha propiedade privada. 

Sarria ofrece variados espazos verdes e áreas recreativas, tanto en zonas urbanas como naturais, tratándose principalmente de contornas ligadas aos ríos que discorren polo concello.

Podes realizar varios roteiros de sendeirismo, entre elas, o Roteiro da Foz das Aceas. Camiñarás polas marxes do río Sarria a través dun roteiro circular de 6 quilómetros, rodeado de bidueiros, freixos, amieiros, salgueiros, castiñeiros, carballos, e moitos máis! Podes descubir neste roteiro unha enorme riqueza natural con gran número de especies de flora e fauna. Muíños, pontes de madeira ou unha fervenza, son outros elementos do roteiro xunto con distintos paneis informativos ao longo do traxecto.

O Papel de PEFC

O aproveitamento e o comercio internacional da madeira teñen dous niveis de esixencia, a legalidade e a sustentabilidade.

Gobernos de todo o mundo impulsaron unha lexislación deseñada para garantir o comercio de madeira legal e rexeitar a entrada no mercado de produtos forestais de orixe ilegal. Algunhas destas regulacións son o Regulamento Europeo da Madeira (EUTR) e a Lei Lacey de Estados Unidos. A certificación de Cadea de Custodia PEFC está deseñada para permitir demostrar o cumprimento destes requisitos normativos.

PEFC esixe a través da súa Norma de Cadea de Custodia, que as organizacións apliquen un Sistema de Dilixencia Debida (SDD) co fin de axudar a asegurar que as súas actividades se axustan a toda a lexislación aplicable en materia de legalidade da madeira, incluíndo as leis comerciais e aduaneiras, e para minimizar o risco de que o material forestal e arbóreo adquirido proveña de fontes conflitivas. Co SDD establécese un marco de procedementos e medidas, recompilación de información, avaliación do risco e a súa mitigación.

A certificación forestal PEFC é garantía da legalidade e sustentabilidade do aproveitamento de madeira e de calquera outro produto forestal.

Iniciativa promovida polo programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia