PEFC no Camiño Pimitivo

Os bosques, compañeiros de Camiño

Desde que o Camiño Primitivo entra en Galicia pola Fonsagrada ata a súa chegada a Compostela, os bosques acompañan cada paso, dando sombra, acubillo e momentos para deterse e respirar.

En silencio, capturan e almacenan carbono, regulan e protexen a auga, conservan a fertilidade do solo e axudan a evitar a súa erosión, e ofrecen refuxio a unha extraordinaria biodiversidade. Son tamén lugares de descanso e encontro, paisaxes que gardan historias, tradicións e lendas, e espazos cun profundo valor cultural, patrimonial e espiritual.

Todos estes beneficios que os ecosistemas proporcionan á sociedade coñécense como servizos ecosistémicos. Pero detrás deles hai tamén persoas que coidan e xestionan os montes, coñecemento, traballo e recursos renovables que forman parte da nosa vida cotiá.

Ao longo do Camiño Primitivo descubrirás algunhas destas conexións e como a xestión forestal sostible e a certificación PEFC contribúen a manter montes vivos, produtivos e capaces de seguir ofrecéndonos todos estes beneficios no futuro.

1.ALTO DO ACEVO.
Unha paisaxe para mirar, sentir e descubrir

Alto do Acevo

O Camiño Primitivo entra en Galicia polo Alto do Acevo, un porto de montaña situado a 1.030 metros de altitude. Antes de emprender o descenso cara á Fonsagrada, paga a pena deterse e mirar. Desde aquí, o relevo abre unha desas panorámicas que invitan a baixar o ritmo e observar como as montañas se suceden no horizonte e as ladeiras compoñen unha paisaxe que nunca é exactamente a mesma: cambia coa luz, a néboa, a chuvia, as estacións e as cores da vexetación.

O que contemplamos é moito máis ca unha imaxe bonita. O relevo orienta o percorrido da auga, condiciona a presenza de bosques, pasteiros e matogueiras, e influíu na localización de aldeas, camiños e terreos de cultivo. As diferentes formacións vexetais achegan texturas, volumes e cores que converten a paisaxe nun mosaico vivo. Ademais, a propia toponimia axúdanos a lela: nomes como O Acevo, Monteseiro, A Cabreira ou A Fonsagrada, entre tantos outros lugares e montes, conservan a memoria da relación entre as persoas e o territorio.

Detrás desa paisaxe hai persoas e comunidades que toman decisións sobre o monte: que conservar, que aproveitar, como planificar os traballos, como protexer o solo e a auga ou como previr riscos. A certificación forestal PEFC permite recoñecer e poñer en valor que esa xestión se realiza conforme a criterios de sustentabilidade.

2. A FONSAGRADA.
A madeira: un recurso para construír o futuro

A Fonsagrada

A medida que avanzamos desde Fonfría cara á Fonsagrada, as construcións que atopamos permítennos descubrir outra das grandes relacións entre o monte e a sociedade: o aproveitamento da madeira para crear espazos nos que vivir, traballar, gardar alimentos ou atopar refuxio.

Durante xeracións, as comunidades destas montañas construíron cos recursos que tiñan ao seu alcance. A pedra, a lousa, a madeira e as fibras vexetais combinábanse para responder ao clima, ás actividades do campo e ás necesidades de cada familia. Hoxe, a innovación e as novas tecnoloxías permiten que a madeira siga formando parte da nosa arquitectura, desde a rehabilitación de edificios históricos ata a construción de vivendas e edificios de varias plantas.

A madeira é un material natural e renovable que conecta o monte cos lugares que habitamos. Cando procede de bosques xestionados de forma sostible e conta con certificación PEFC, podemos coñecer a súa orixe e aproveitar este recurso con garantías para seguir construíndo o futuro.

 

3. A FONTANEIRA.
Onde nace a auga

A Fontaneira

Nestas montañas, a auga comeza algunhas das viaxes que acabarán conectando lugares moi afastados. Preto da Fontaneira nace o río Neira, que levará as súas augas ata o Miño; máis ao norte, en Fonteo, brotan as primeiras augas do Eo, que percorrerá montañas, bosques e vales antes de alcanzar o mar Cantábrico.

A auga que vemos brotar dun manancial ou correr por un río ou un regato forma parte dun longo percorrido iniciado coa chuvia, a néboa ou a neve. Os bosques interveñen nese percorrido: amortecen o impacto das precipitacións, favorecen a súa infiltración, protexen a terra fronte á erosión e axudan a manter as ribeiras e a calidade da auga.

Coidar os bosques é tamén coidar a auga que bebemos.

Estes beneficios esenciais forman parte dos servizos ecosistémicos que os bosques proporcionan a toda a sociedade. PEFC traballa para que sexan recoñecidos e valorados.

 

4. CASTROVERDE.
Un monte que dá vida

A Fontaneira

Ao superar o Alto da Vacariza e avanzar cara a Castroverde, o Camiño Primitivo deixa atrás as montañas máis elevadas e intérnase nunha paisaxe de formas máis suaves. Prados, terras de cultivo, aldeas e superficies arboradas sucédense nun territorio no que o monte forma parte da vida cotiá.

Nestes montes conviven árbores que acompañaron as comunidades durante xeracións con masas forestais destinadas a producir madeira e outros recursos. Unhas destacan pola súa antigüidade, a súa relación cun lugar ou as historias que gardan; outras medran para ser aproveitadas e transformadas en vivendas, mobles, papel, embalaxes e numerosos produtos que utilizamos cada día. Todas poden formar parte dunha paisaxe viva, diversa e en constante transformación.

Un medio rural vivo necesita persoas que traballen e atopen oportunidades nel. Aproveitar responsablemente os recursos do monte xera actividade, sostén empresas e empregos locais e axuda a manter o vínculo de propietarios e comunidades coas súas terras. Porque cando o monte ten valor para quen vive ao seu redor, tamén existen máis razóns para coidalo, xestionalo e manter viva a paisaxe.

5. LUGO.
Do monte á cidade.

Lugo

Despois de atravesar montañas, montes e pequenas aldeas, a chegada a Lugo transforma a paisaxe do Camiño Primitivo. Aparecen as rúas, os edificios e o movemento da cidade, pero a natureza non desaparece: continúa presente nos ríos, nos parques, nas árbores e nos espazos verdes que atravesan e rodean a contorna urbana.

O bosque tamén entra na cidade de forma menos evidente. Está na madeira dun moble ou dun instrumento musical, nas fibras dun cesto, nas páxinas dun libro e en numerosos produtos que utilizamos cada día. Detrás deles existen recursos naturais, pero tamén coñecemento, planificación, oficios e persoas capaces de transformar as materias primas en obxectos útiles, duradeiros e cargados de cultura.

Lugo permite descubrir todas estas conexións. O Camiño percorre unha cidade construída sobre a súa historia, integrada nunha Reserva da Biosfera e vinculada ao monte a través da ciencia, da artesanía, da cultura e das nosas propias decisións. A paisaxe cambia, pero a relación cos bosques continúa.

6. SAN ROMAO DA RETORTA.
Camiños con memoria

San Romao

Deixamos atrás Lugo cruzando o Miño pola Ponte Vella, de orixe romana. Pouco a pouco, as rúas dan paso ás aldeas, aos campos e aos montes, mentres o Camiño nos conduce por unha paisaxe na que cada época deixou a súa pegada.

Ao longo dos séculos, as persoas abriron camiños, aproveitaron os recursos naturais e organizaron o territorio, deixando pequenas e grandes testemuñas da súa historia. Algunhas son fáciles de recoñecer; outras pasan desapercibidas, agochadas entre a vexetación ou formando parte da vida cotiá das aldeas.

Neste tramo, PEFC convídate a descubrir esas pegadas e a mirar o monte desde outra perspectiva: como un espazo que nos ofrece recursos, conserva a nosa memoria e precisa dunha xestión responsable para seguir formando parte do noso futuro.

7.AUGAS SANTAS.
O monte que nos fai ben

Aguas Santas

Hai nomes que espertan a curiosidade e nos convidan a descubrir as historias que agochan. Augas Santas é un deles. Nesta parroquia de Palas de Rei, a Fonte de San Xurxo sérvenos de punto de partida para explorar unha relación que nos acompaña desde sempre: a que existe entre a natureza e a nosa saúde.

A auga que bebemos, as plantas que contribuíron ao desenvolvemento de medicamentos, os materiais naturais que nos rodean ou os camiños polos que paseamos son exemplos de como o monte está presente no noso benestar. Algúns destes beneficios coñécense desde antigo; outros están sendo estudados pola ciencia, que nos axuda a comprender mellor a súa importancia.

Neste lugar, PEFC convídate a descubrir como os montes poden contribuír á nosa saúde física e emocional e por que a súa xestión sostible tamén é unha maneira de coidar das persoas.

8. MELIDE.
As árbores do Camiño

Melide

En Melide unimos Camiños. Os montes do Careón forman o último tramo do Camiño Primitivo antes de unirse no centro de Melide co Camiño Francés. 

Coa túa entrada no municipio de Melide, inicias a ruta na provincia da Coruña e a túa paisaxe tamén varía. Trátase dunha etapa de transición en canto a formacións arbóreas se refire.

O municipio conta cunha elevada actividade agropecuaria, e por suposto turística, ligada ao Camiño de Santiago, aínda que o sector forestal está a cobrar maior importancia. 

As masas forestais e os seus produtos caracterízanse pola súa capacidade de fixar carbono sendo unha ferramenta indispensable na mitigación e adaptación fronte ao cambio climático. Unha xestión forestal tendente a xerar produtos de prolongado ciclo de vida ou substitutivos doutros produtos máis contaminantes, multiplica este efecto.

9. ARZÚA.
Os bosques, máis que madeira

Arzúa

O modo de vida tradicional galego caracterizouse por un uso sostible do territorio baseado na complementariedade e multifuncionalidad dos diferentes espazos que o integran.

Aínda que en moitas ocasións non reparamos niso, os produtos forestais rodéannos. Nesta parada poderás introducirte nos recursos que nos proporcionan os bosques, madeirables e non madeirables.

Dos montes, podemos obter madeira para construír casas, fabricar mobles, papel para libros e revistas, envases para alimentos, papel hixiénico e mesmo a nosa roupa pódese facer con fibras de madeira, pero ademais, ofrécennos outros moitos recursos como plantas medicinais, resina ou alimentos como castañas, noces, cogomelos, moras…

A través da certificación forestal PEFC, podemos trazar os produtos xestionados de forma sostible desde os montes ata o consumidor final.

10. O PINO.
A Cadea forestal

O Pino

O Pino atópase practicamente no centro de Galicia, con substitución suave, bañado na súa vertente norte polo Río Tambre, e na vertente sur os arroios dirixen as súas augas cara á conca do Ulla, debuxando preciosas paisaxes acompañado ao longo do seus cursos de muíños, áreas recreativas, praias fluviais ou rutas de sendeirismo.

A superficie forestal ocupa máis da metade deste concello. O monte é parte esencial da economía galega, cunha poboación maioritariamente rural e onde a maior parte das empresas de aproveitamentos forestais e de primeira transformación están situadas, traballando nos montes da zona e xerando emprego local.

A innovación e a mellora tecnolóxica contribúen á apertura de novos mercados, e o sector forestal ten a oportunidade de ser protagonista dunha bioeconomía circular. 

Galicia é líder nacional en empresas responsables certificadas PEFC, garantindo aos seus clientes a orixe legal e sostible dos produtos forestais certificados. Moitas das empresas forestais do Pino contan coa certificación da Cadea de Custodia PEFC.

11.COMPOSTELA.
Árbores nas cidades.

Catedral en Santiago de Compostela

As árbores xogan un papel esencial na loita contra a contaminación nas cidades.Compostela conta múltiples espazos verdes de características moi diversas, desde parques, xardíns ata contornas forestais que transforman a capital galega co paso das estacións.  

Árbores senlleiras, Áreas de Especial Interese Paisaxístico, MOITO POR DESCUBRIR nunha cidade que conta cuns 52m2 de superficie verde por habitante, o que a sitúa moi por riba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (15m2).  

PEFC traballa activamente para concienciar sobre a importancia das árbores na vida das cidades e a súa adecuada planificación. 

Proxecto impulsado pola Xunta de Galicia dentro do programa O Teu Xacobeo